O Arde Lucus recupera os campamentos e suma os concertos de Xabier Díaz, Califato e Oreka TK

Presentación do Arde Lucus 2021, na contorna da Mosqueira da Muralla de Lugo © Concello de Lugo

Aínda con limitacións por mor da pandemia, pero nunha versión moito máis semellante ao que era a festa anterior á COVID-19. O Arde Lucus, a celebración na que a cidade de Lugo rememora o seu pasado romano e celta, encamíñase cara á súa vixésima edición (do 17 ao 20 de xuño) e faino retomando unha parte dos seus elementos xa clásicos que a pandemia obrigou a suspender: os campamentos nos que diferentes asociacións desenvolven actividades e recrean vestimentas, oficios, xogos ou músicas.

O Concello lucense presentou este venres o XX Arde Lucus explicando que, "tras a edición máis virtual da historia, na que chegamos a máis de 350.000 persoas de todo o continente", neste 2021 é posible "incorporar actividades a pé de rúa" sempre "respectando as medidas de seguridade". A festa seguirá tendo, a causa da COVID-19, unha parte en internet, detalla o edil de Xuventude, Mauricio Repetto.

Membros das asociacións que participan no Arde Lucus, na edición de 2020, limitada a internet agás algúns actos simbólicos a causa da pandemia © Concello de Lugo

Así, volveranse celebrar as recreacións de vodas romanas (previa inscrición no sitio web da concellaría de Xuventude) e de vodas celtas (previa inscrición no 633 680 550) e tamén regresan os campamentos. Serán, así e todo, "máis reducidos" e, como antes da pandemia, situaranse en diferentes zonas da cidade. Nesta ocasión, non obstante, cada campamento terá "unha persoa encargada de controlar" o número máximo de asistentes, "e as visitas estarán reguladas por horarios e días".

Os campamentos ou o Macellvm celebraranse en formatos adaptados ás restricións da pandemia e parte do programa da festa de recreación histórica seguirá desenvolvéndose a través de internet

O Macellvm (mercado), con 29 postos situados no parque Rosalía de Castro, un grafitti de Xulio César elaborado polo lucense Diego AS -campión estatal desta modalidade artística- ou a obra de teatro infantil Hércules son outros dos eventos xa confirmados nun Arde Lucus que incorpora como novidade tres concertos ao aire libre, na explanada do Pavillón Municipal: os andaluces Califato ¾ actuarán o xoves 17, o venres 18 farano Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e o sábado 19, os vascos Oreka TK. Ás entradas a estes espectáculos accederase a través do portal web municipal para a venda de localidades.

En total, entre actos presenciais e en liña, o programa do Arde Lucus deste 2021 incluirá arredor de medio cento de actos e mais "actividades organizadas polos colectivos de recreación histórica que fixeron posible, en conxunto co Concello, manter viva a chama", destaca o consistorio. O primeiro evento do XX Arde Lucus, previo á propia festa, celebrouse este sábado, 29 de maio, coa colocación dun reloxo simbólico coa conta atrás para a festa na porta de San Fernando da Muralla por parte da alcaldesa, Lara Méndez, e membros das asociacións.

A alcaldesa de Lugo e membros do goberno municipal, na comitiva para o inicio da 'conta atrás' do Arde Lucus 2021, este 29 de maio © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.