Unha ducia de protagonistas do Arde Lucus 2019
O Arde Lucus chega neste 2019 á súa décima oitava edición. Unha maioría de idade á que a festa romana lucense chega en plena expansión do punto de vista turístico pero, sobre todo, consolidada na propia cidade como unha cita a non perder cada ano. Boa parte do éxito da celebración, impulsada polo Concello de Lugo, pasa pola implicación das asociacións e agrupacións que cada ano devolven o vello bosque sagrado de Lugh ás súas orixes galaicas e romanas.
- 01
A cidade
A orixe d Arde Lucus é a da cidade mesma. No vídeo oficial deste 2019 varias das agrupacións xurdidas en torno á festa son as protagonistas; van aparecendo aos poucos na vida cotiá da cidade abafando un chisco ao protagonista ata que se decata que el tamén ten un aquel romano.
- 02
Cohors III Lucensium
Unha das agrupacións máis emblemáticas da Arde Lucus. Constituíuse en asociación e non só se limita a recrear o pasado romano de Lugo nestas datas. Estudan a presenza romana no noso país, recuperan vestimentas, armaduras e armas e difunden en múltiples lugares a pegada imperial en Galicia. Non é difícil atopalos pola cidade nestes días.
- 03
Trebas Galaicas
Fundada en 2011, esta asociación pon o foco na recuperación e recreación da etapa vivida pola actual cidade de Lugo antes da conquista romana. Asentamentos poboacionais, prácticas culturais, ferramentas, roupas e formas de loita galaica son algúns dos seus puntos de interese (e a festa, claro!). (Imaxe: Jesús Burgo)
- 04
Asemblearias de Lucus Augusti
Esta asociación ten como obxectivo difundir os roles femininos da antiga Roma que acadaron máis poder e repercusión, "dende emperatrices ás primeiras patricias que exerceron a avogacía". Neste Arde Lucus convidan a coñecelas "na residencia de Augusto".
- 05
Civitas Lucensis
Varias familias lucenses formaron esta asociación pensando en achegar a historia da cidade á rapazada. Representan "unha cidade irmandada entre romanos e castrexos, demostrando que ambas culturas poden coexistir en harmonía", explican.
- 06
Garda pretoriana
Esta asociación inspírase na garda persoal dos emperadores e cónsules romanos. Creada para participar activamente no Arde Lucus, achégase tamén a outras celebracións e festas de recreación da época romana.
- 07
Lucus Equites
Un grupo de amigos que quixeron ir alén de achegárense por separado ao Arde Lucus. Comparten interese pola historia e por "recrear a historia da mellor maneira posible" para "divulgar e preservar este legado". O resultado das súas pescudas pódese ver estes días en Lugo nas súas roupas, armas e armaduras.
- 08
Tir Na N'Og
Unha das asociacións máis veteranas do Arde Lucus. Fundada en 2008, recrea o pasado do pobo de Namarino, "unha tribo pre-romana da costa lucense". Queren lograr unha representación máis fiel posible daquel pobo amosando, por exemplo, os seus oficios de preparación de comida e bebida, de fabricación de tecidos e pezas de olaría, de elaboración de redes de pesca ou de forxado metálico. Tamén constrúen embarcacións que xa espertaron interese internacional.
- 09
Senatvs Lvcvs Avgvsti
As sesións do Senado son unha cita obrigada no Arde Lucus. Despois de que, en 2012, o Concello organizase unha actividade teatral para recrear o Senado Romano, en 2013 os membros de Senatvs Lvcvs Avgvsti constituíronse en asociación para participar no Arde Lucus e dar a coñecer a festa e o pasado romano da cidade.
- 10
Salesiani Luci Augusti
Nestes anos a festa do Arde Lucus asentouse con amplitude nos centros educativos da cidade. A comunidade educativa do Colexio Divina Pastora, do barrio da Milagrosa, xunta alumnado, antigos estudantes, as súas familias e persoal do centro para participaren no Arde Lucus cun enorme grupo. O seu símbolo é o nó de Salomón.
- 11
Mercenarios Galaicos
Esta asociación quere amosar que, ao contrario do que puidese pensarse, o pobo galaico non estivo "illado ata a chegada dos romanos". "Nada máis lonxe da realidade, a presenza de valentes e aguerridos" galaicos "nos exércitos de Cartago" é, por exemplo, unha mostra "das antergas conexións mercantís cos fenicios". Están moi presentes nas rúas de Lugo durante a festa.
- 12
Pax Romana Lucus
Unha das asociacións do Arde Lucus de menor dimensión, "pero con afán de medrar" e "Encamiñada a difundir as tarefas e costumes que marcaron a cidadanía" da Pax Romana á Pax Augusta, do ano 27 antes de Cristo ao 180 despois de Cristo. Estudan a organización política, as técnicas arquitectónicas, os costumes de lecer, a vestimenta ou os exércitos.