Tras unha edición 2020 limitada á difusión dalgunhas actividades a través de internet por mor das fortes limitacións para tentar frear os contaxios da COVID-19 e un 2021 aínda condicionado polas restricións da pandemia, do 9 ao 12 de xuño deste 2022 o Arde Lucus regresa de vez. E vaino facer, prometen dende o Concello lucense, "no seu máximo esplendor".
Tanxugueiras e Saor Patrol súmanse como atractivos musicais ás arredor de 400 actividades previstas na festa de recreación histórica de Lugo
O goberno local lucense vén de presentar a programación da vixésimo primeira edición da súa festa de recreación histórica que, xa sen restricións, prevé celebrar "máis de 400 actividades". Unha vintena de asociacións contribuirán a que, por tres días, a cidade regrese ao seu pasado romano e galaico nun tempo festivo no que as Tanxugueiras (domingo 12, 21:30h, Praza de Santa María) son o gran atractivo musical xunto aos escoceses Saor Patrol (noite do sábado 11 ao domingo 12, 00:30h, Praza de Santa María).
O circo romano na explanada do Pavillón Municipal dos Deportes ou a carreira Mvrus Lvcis, que non se podían celebrar nas edicións recortadas pola pandemia, regresan tamén nun Arde Lucus que conta con todos os ingredientes xa tradicionais. Vodas celtas, recreacións de loitas, desfiles das agrupacións e dos centros escolares cunhas 3.000 nenas e nenos de 19 centros de ensino...
Un espectáculo de realidade aumentada recreará o Lvcvs Avgusti do século I na contorna da Mosqueira
Practicamente un cento de actividades ao día "que encherán de vida as rúas", sinalan dende o Concello. Salienta ademais que esta é a edición do Arde Lucus "máis patrocinada da historia", tanto pola banda pública como pola privada.
A alcaldesa lucense, Lara Méndez, presentaba este 23 de maio un programa do Arde Lucus 2022 que incorpora, avanza, "un espectáculo pioneiro en Galicia de realidade aumentada en 5D". O tres días (o venres dende as 5 da tarde e ata a 1 da madrugada e o sábado e o domingo, dende as 11 da mañá e ata a 1 da madrugada) a contorna da Mosqueira, cuxa peonalización está a finalizar, acollerá a montaxe Tempvs de Lvcvs Avgusti, que recreará "en tempo real a época de esplendor de Lugo no século I", amosando a Muralla "na súa altura orixinal, con romanos paseando polo adarve" e "permitindo aos espectadores integrarse na época".
Outra das novidades será a incorporación do teatro coa Capela do Carme como escenario para a montaxe O rato da biblioteca, unha obra "na que participan todas as asociacións de teatro de Lugo". A entrada das tropas romanas a través da ponte sobre o río Miño, a resistencia castrexa, senadores, vestais, campamentos ou artesanía estarán tamén moi presentes nunha edición que, din, queren que sexa máis histórica ca nunca. Tamén, resalta Méndez, por estaren "nunha etapa moi ilusionante" da celebración, que "quere acadar o distintivo de festa de interese turístico internacional".
Como viña sendo habitual antes da COVID, para acudir ao circo romano (sábado 11, 18h) cómpre retirar entradas na billeteira en liña do Concello. Para participar na carreira Mvrvs Lvci entre romanos e galaicos cómpre realizar a inscrición no sitio web da Concellaría de Xuventude.