O Concello de Lugo inicia un programa de actividades con familias para a prevención de adiccións na mocidade

Cartel dos encontros 'Lugo Intercultural e Interxeneracional' organizados polo Concello de Lugo © Concello de Lugo

As xornadas terán lugar os domingos, en diferentes puntos da cidade, con propostas de folclore, gastronómicas ou culturais. O obxectivo é contar con espazos "onde os e as menores atopen a liberdade para expresar as súas inquedanzas nun entorno de apoio"

O Concello de Lugo presentou esta semana un proxecto intercultural de intervención familiar que busca traballar na prevención das adiccións na mocidade. As xornadas terán lugar os domingos, en diferentes puntos da cidade, con propostas de folclore, gastronómicas ou culturais. O obxectivo é contar con espazos "onde os e as menores atopen a liberdade para expresar as súas inquedanzas nun entorno de apoio". 

O programa de intervención familiar ‘Achegándonos’, organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, conta xa con 30 participantes de sete nacionalidades distintas (Cuba, Perú, Marrocos, Venezuela, Colombia e Ghana, ademais de España) e busca promover a integración e tamén mellorar as relacións entre pais, nais e fillos e fillas adolescentes.

Presentación dos encontros 'Lugo Intercultural e Interxeneracional' © Concello de Lugo

As actividades “fomentarán o coñecemento de diferentes culturas, a empatía polas situacións vividas por todos os membros do grupo así como o achegamento a realidades moi distintas e distantes da nosa”

Ademais, búscase facer fincapé na diversidade cultural, tendo en conta que na cidade de Lugo residen ao redor de 10.000 persoas con orixe no estranxeiro, ao redor do 10% da poboación. "As diferenzas suman", destaca neste senso o Concello, subliñando a alcaldesa Lara Méndez que “a convivencia intercultural é unha sinal de identidade do noso entorno e a diversidade unha realidade da que nos debemos sentir orgullosos como sociedade. Por iso queremos xestionala dun xeito colectivo, dende os principios da tolerancia, a integración e a solidariedade”.

Os responsables desta iniciativa, enmarcada na programación do +Xti e cofinanciada ao 70% polo Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas, destacan que os encontros "permitirán afondar noutros valores básicos para a prevención de condutas aditivas como o respecto e a responsabilidade, buscando outras maneiras alternativas de ocio".

"O que se pretende é reforzar vínculos de confianza, positivos, intra familiares que, dende a liberdade, nos axuden a previr posibles situacións de risco"

"O que se pretende é reforzar vínculos de confianza, positivos, intra familiares que, dende a liberdade, nos axuden a previr posibles situacións de risco. Nesta actividade terán a ocasión de coñecerse, de apreciar tamén as súas diferenzas, compartir costumes, problemas, medos e intereses e poderán, alén, buscar xuntos solucións e novas formas de educar que lles axuden a todos. É nese intercambio, moderado por profesionais, como agardamos converter a experiencia nunha oportunidade de aprendizaxe", explicou Lara Méndez.

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto sinalou que as actividades propostas “fomentarán o coñecemento de diferentes culturas, a empatía polas situacións vividas por todos os membros do grupo así como o achegamento a realidades moi distintas e distantes da nosa”. “Moitos dos prexuízos e do racismo detectado veñen derivados do descoñecemento real das diferentes culturas existentes, por iso consideramos tan importante compartir marcos, experiencias e sentimentos que nos leven a un punto común onde todas e todos convivimos", afirmou o edil.

Casa da Música de Lugo © Concello de Lugo

A programación, ata o mes de xullo

Mauricio Repetto deu conta do calendario de actividades previstas, que se desenvolverán un domingo de cada mes, dende marzo e até xullo en diferentes localizacións da cidade.

  • Este 27 de marzo arrincará a programación na Casa da Música (Parque de Frigsa) onde as persoas participantes se coñecerán e poderán falar sobre os seus países de orixe, formas de chegar a España, percepcións da situación migratoria, etc. Xa pola tarde, terán lugar outras actividades de tipo práctico como a elaboración de murais con características de cada rexión.
  • O domingo 17 de abril a sesión celebrarase no Centro de Convivencia María Balteira e versará sobre cociña coa realización dun obradoiro de comidas tradicionais e a elaboración de pan e sobremesas e a súa posterior degustación.
  • O 22 de maio a proposta leva a unha ruta de sendeirismo, da man de Guido Guía. 
  • O 19 de xuño - de novo na Casa da Música - será momento de practicar ioga e de gozar do folclore típico de cada país, cunha tarde de xogos tradicionais
  • O programa concluirá o domingo 17 de xullo coa avaliación das xornadas e gozando dunha festa que inclúe actuacións musicais, unha master class de baile tradicional galego así como un xantar de confraternidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.