"As administracións deben ser responsables. O consumo de drogas non desaparece por mirar para outro lado"

O posto de información, nun dos festivais celebrados en Galicia neste verán © Infodrogas Asfedro

O programa Infodrogas, impulsado pola Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro), percorre as principais festas e festivais musicais de Galicia ofrecendo información sobre o consumo de substancias estupefacientes e, ademais, analizando a súa composición, co obxectivo de reducir os riscos xerados pola súa inxesta. Do Resurrection Fest a Pardiñas, de Ortigueira á Festa da Auga de Vilagarcía, os técnicos de Asfredro realizan este labor alertando tamén sobre o consumo de drogas legais, como o alcohol e sempre coa máxima de que un consumidor que conta coa información correcta pod reducir a posibilidade de sufrir intoxicacións ou adiccións.

A iniciativa, retomada este ano despois de moito tempo, conta coa colaboración de Caixabank e de algúns dos concellos nos que se realizan eventos festivos. Ten como modelo programas semellantes moito máis consolidados, como son o Energy Control en Cataluña ou o Ailaket en Euskadi. 

"O que comprobamos, primeiro, é que o principio activo sexa o que a xente cre que é. E analizamos a cantidade de adulterantes que ten e que tipo de substancias son"

A súa metodoloxía de traballo parte da Redución de Dano, que comezou a empregarse nos anos 80 co obxectivo era frear a expansión do VIH entre a poboación usuaria de drogas inxectables. Infodrogas funciona co modelo de RdR (Redución de Riscos), que aparece nos anos 90 pola aparición de novos patróns de consumo, cun número considerable de persoas que consumen drogas recreativas en contextos de lecer, que non presentan síntomas de adicción e que polo tanto non son consideradas susceptibles de acudir as unidades asistenciais de atención a drogodependentes. Falamos con Xaquín Bouza, técnico de Asfedro.

Como entrades en contacto coas festas e festivais? A iniciativa xera reticencias?

Primeiro ten que darnos acceso a organización do festival ou a entidade que organiza a festa. Se esa entidade non se quere facer cargo dos gastos, temos que poñernos en contacto co Goberno municipal do concello no que se celebre o evento para explicarlle en que consiste o noso programa e os gastos que necesitamos cubrir, ao redor de 700 euros por intervención. Temos unha pequena achega económica de Caixabank, pero temos moitos menos recursos que outros programas semellantes que funcionan en Cataluña ou en Euskadi. Ás veces é difícil facerlle entender á xente a importante de programas deste tipo, e sobre todo ás administracións.

"Partimos da base de que a xente vai consumir as drogas. E cremos que con máis información pódense evitar moitos efectos negativos, dende intoxicacións a adiccións, pasando por accidentes"

Que accións realizades no posto de información? Que tipo de consellos ofrecedes?

O que comprobamos, primeiro, é que o principio activo sexa o que a xente cre que é: é dicir, que se alguén pensa que se vai meter éxtase, iso e éxtase en realidade. Se é éxtase, analizamos a cantidade de adulterantes que ten e que tipo de substancias son. A xente amósase agradecida, porque ti si que lle estás dando unha información que pode axudar a que fagan un consumo responsable.

A partir de aí tamén falamos da periodicidade de consumo, das mesturas que van facer ao longo da noite, e dos coidados que deberían ter antes, durante e despois de consumilas. A maiores, cando veñen persoas que nunca consumiron unha substancia, informámolos dos efectos que van ter e aconsellámolos sobre as cousas que deben facer para reducir os riscos asociados. En cambio, cando se achega xente que xa leva tempo consumindo esa droga, a información que lle proporcionamos ten que ver máis cos niveis de tolerancia ou sobre as doses. Son pequenos consellos, pero que poden evitar unha maior toxicidade ou os riscos dunha adicción.

No posto de Asfedro ofrécese información sobre as distintas drogas © Asfedro

Asúmese que a xente vai consumir drogas e o obxectivo é reducir o risco de que haxa consecuencias prexudiciais, como intoxicacións ou adiccións?

Partimos da base de que a xente vai consumir as drogas tanto se se lle di que é malo coma se non. E cremos que con máis información pódense evitar moitos efectos negativos, dende intoxicacións a adiccións, pasando por accidentes. Ás veces o que xera máis perigo é a ignorancia: ignorar o que te estás metendo, ou con que está mesturada esa substancia que mercaches a un descoñecido. A gran diferenza entre as drogas legais e as ilegais é que se ti pides un cubata, sabes o que estás tomando, e coas outras drogas non. Nós podemos asesorar sobre as doses e sobre os efectos da mestura con outras substancias. A realidade é que no caso da cocaína, do speed ou da éxtase falamos dun mercado negro onde os controis non existen e onde non hai boas intencións. 

Pasounos un caso recentemente, na Festa da Auga de Vilagarcía. Uns rapaces viñeron para analizar o MDMA que estaban tomando e resultou que non era MDMA, senón outra substancia chamada 2C-E, que é máis forte. De entrada quedaron moi asustados preguntándonos que lles ía pasar. Aconsellámoslles que se relaxasen e o que conseguimos foi que avisasen a todo o mundo que xa a inxerira e que non tomasen unha nova dose.

"Tamén hai que falar das drogas legais, comezando polo alcohol. Creo que é importante desbanalizar o seu consumo"

É preocupante o tipo de substancias coas que se mesturan as drogas ilegais que se venden?

Si, por suposto, sobre todo a cocaína ou o speed. Moitas veces están mesturados con cantidades enormes de cafeína, que provocan taquicardias, problemas moi grandes para durmir e outros efectos moi negativos. Os adulterantes non son inocuos, hai que telo en conta e é importante ter esa información.

A vosa forma de traballar contrasta coa maior parte das campañas institucionais, que se centran en pedir que non se consuman drogas. Non son efectivas?

Efectivamente, as mensaxes que se adoitan transmitir dende as institucións sobre ese tema teñen mensaxes dese tipo. E a realidade é que o seu éxito foi moi pequeno e non chegan a quen teñen que chegar. A xente segue consumindo drogas, así que o mellor que podemos facer é quitar a nosa moralidade de enriba e a darlles información, para que esas persoas tomen decisións de forma responsable.

Ofrecedes información tamén sobre os perigos de drogas legais coma o alcohol. A sociedade tolera en exceso o seu consumo?

Si, tamén hai que falar das drogas legais, comezando polo alcohol. Creo que é importante desbanalizar o seu consumo. Cando alguén vai borracho parece que mesmo se admite como algo gracioso, cousa que non pasa cando alguén consumiu outras substancias. O alcohol é unha droga, e curiosamente moita xente chega ao noso stand dicindo que non se droga, pero ten un cubata na man. Témolo tan normalizado socialmente que non somos conscientes dos efectos nocivos que ten para o noso organismo, ademais dos prexuízos doutro tipo que causa. É legal, e por iso parece que non xera problemas, pero si que o fai.

"Habería que mirar para o que se está a facer en Cataluña ou Euskadi, onde levan décadas facendo este tipo de programas"

Que lle pedides ás administracións? Que accións serían útiles para loitar contra os efectos negativos das drogas?

Non habería que facer nada novo, simplemente habería que mirar para o que se está a facer en Cataluña ou Euskadi, onde levan décadas facendo este tipo de programas, e onde son os propios concellos os que demandan estes servizos. En cambio, nós aquí temos que andar ofrecéndonos un por un, e con moitos menos recursos.

Mesmo dende algún Concello dixéronos que non eramos necesarios, porque no seu festival non se consumían drogas. O consumo de drogas non desaparece por mirar para outro lado: as drogas consúmense en todas partes e a administración debe ser responsable. Un servizo coma o noso axuda a evitar riscos nunha festa e reduce a posibilidade de que haxa intoxicacións ou excesos. É moito máis barata e segura a prevención que a intervención sanitaria posterior.

No posto tamén se realizan análises das distintas substancias © Asfedro
O posto de Infodrogas, na Festa de San Pedro, en Compostela © Asfedro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.