Compostela, entre as cidades europeas nas que se consome máis cocaína, segundo un estudo da UE

Casco vello de Santiago de Compostela CC-BY David Durán

O mes pasado o Centro europeo de monitorización de drogas e adicción (EMCDDA), dependente da Unión Europea, publicou os últimos datos do seu estudo anual sobre o consumo de drogas en 70 cidades do continente, obtidos a partir da análise da augas residuais nestas urbes. O informe, que se pode consultar online, conclúe un aumento xeneralizado do consumo de cocaína en toda Europa, cun incremento sostido dende o ano 2015. No último ano medrou tamén o consumo de MDMA e anfetaminas, aínda que o equipo responsable do estudo aconsella agardar a novas medicións para determinar se a tendencia se mantén.

Compostela aparece no 15ª lugar entre as 70 urbes que compoñen o estudo, cun nivel de 352,1 miligramos por cada mil habitantes cada día, máis do dobre do dato do ano 2016

Entre as 70 cidades analizadas, a investigación inclúe dende o ano 2011 datos de Santiago de Compostela, o que permite observar a evolución do consumo de cada substancia dende entón. Segundo este estudo, entre o ano 2016 e 2018 o consumo de cocaína elevouse notablemente na cidade, situándose nos primeiros lugares entre todas as cidades analizadas. Así, Compostela aparece no 15ª lugar entre as 70 urbes que compoñen o estudo, cun nivel de 352,1 miligramos por cada mil habitantes cada día, máis do dobre do dato do ano 2016 (142,7 miligramos). 

A presenza das restantes substancias analizadas é residual en Santiago, con niveis practicamente inexistentes de anfetamina e metaanfetamina e só unha pequena cantidade de MDMA. O estudo analiza igualmente a presenza das drogas detectadas nas augas residuais en cada día da semana, concluíndo que os niveis son moito máis elevados nas fins de semana.

En calquera caso, o nivel de cocaína detectado en Compostela é moi inferior ao rexistrado noutras cidades, como Bristol (962 mg), Amsterdam (932 mg), Zurich (856), Barcelona (733 mg), Valencia (587 mg), París (525 mg), Berna (499 mg), Copenhagen (466 mg) ou Lisboa (455 mg).

Evolución dos nives de cocaína detectados nas augas residuais de Compostela © EMCDDA

A distribución xeográfica das restantes drogas no continente é distinta. Mentres que na cocaína se detecta máis no sur e no oeste de Europa, os maiores rexistros de anfetaminas aparecen no centro e norte do continente (Alemaña, Holanda, Suecia, Finlandia, Islandia...) e os de metaanfetamina no centro e leste (Alemaña e República Checa, principalmente). O consumo de MDMA si se distribúe de forma máis uniforme entre todos os países, destacando as concentracións en Amsterdam, Berlín, Zurich, Barcelona e Lisboa.

A presenza das restantes substancias analizadas é residual en Santiago, con niveis practicamente inexistentes de anfetamina e metaanfetamina e só unha pequena cantidade de MDMA

O informe destaca que un estudo do propio EMCDDA orientado a detectar tendencias sinalou o pasado ano que "en Europa unha maior dispoñibilidade de cocaína no mercado da droga pode reflectirse nun incremento da tendencia ao consumo nalgúns países e posiblemente á súa expansión a Europa oriental, onde o consumo era anteriormente escaso". E sinala que os "aínda que estes datos indican unha clara tendencia ao incremento dos residuos durante 2015-2018, subsisten dúbidas sobre cales son os factores que levaron ao incremento dos metabolitos de cocaína". 

Nas súas conclusións o equipo responsable do estudo subliña que "aínda que este incremento pode indicar que o número de consumidores de cocaína aumentou, tamén pode significar que aumentou o consumo entre un número similar de consumidores" ou tamén podería reflectir simplemente "que é maior a pureza da cocaína consumida en Europa, o que levaría a unha maior detección de metabolitos nas augas residuais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.