Catro anos máis de cárcere para Sito Miñanco por branquear cartos da droga con negocios inmobiliarios

Sito Miñanco, nunha imaxe de arquivo da TVG © Gravación da TVG

No ano 1985 dous matrimonios constituíron en Cambados a Inmobiliaria San Saturnino e nomearon como administrador-xerente da empresa a José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco. Entre as fundadoras da compañía estaba quen daquela era cuñada do que tornaría nun dos narcotraficantes galegos máis coñecidos. Apenas dous anos despois, en 1987, os socios de San Saturnino transferíronlle por 8 millóns de pesetas -algo menos de 50.000 euros- todas as participacións da inmobiliaria á daquela esposa de Sito Miñanco, quen tras varias ampliacións de capital pasaría en 1991 a ser administradora da empresa, xusto cando Prado Bugallo cesou no posto. Antes, en 1988, Inmobiliaria San Saturnino participara na constitución doutra empresa inmobiliaria, Jolva, ao 50% cun socio de Miñanco.

A Audiencia de Pontevedra considera probado que Sito Miñanco, a súa filla, a súa ex-esposa a súa ex-cuñada e o seu socio branquearon cartos do narcotráfico a través dun entramado construído sobre a Inmobiliaria San Saturnino, que ordena disolver

Estes foron, segundo sentenza ditada o pasado 25 de xaneiro pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, os xermolos empresariais dun entramado construído coa "finalidade de que os importantes e cuantiosos beneficios tirados" por Miñanco "das súas actividades delituosas relacionadas co tráfico de drogas se puidesen incorporar ao mercado dun xeito natural e legal". Isto é, para branquear cartos procedentes da droga que durante o procedemento xudicial foron cifrados nuns 10 millóns. Por estes delitos que considera probados o tribunal impón a Sito Miñanco unha condena de catro anos de cadea e seis millóns de multa, a mesma que recae sobre a súa primeira esposa, unha das súas fillas, a súa ex-cuñada e o devandito socio.

Aínda que durante o xuízo Prado Bugallo negou os delitos, atribuíu o seu patrimonio deses anos á venda de tabaco -"ata 1991 non toquei nada que non fose tabaco", defendeu ante os maxistrados- e afirmou que non exerceu labores de xestión da inmobiliaria, na que se limitaba a "asinar"; a Audiencia considera que tanto el como o seu socio "coñecían perfectamente", porque "eles mesmos os obtiveran", que os cartos procedían da droga. E o resto de condenadas, asemade, "non podían ignorar e mesmo sabían de sobra que os cartos que empregaban (...) tiñan a sáu orixe nas actividades delituosas do seu ex-marido, ex-cuñado e pai". 

Prado Bugallo, captado polas cámaras da TVG durante un xuízo © CRTVG

O tribunal cre que quedou "nidiamente ao descuberto" o branqueo de cartos procedentes da droga mediante "un conxunto e empresas e sociedades instrumentais"

Sempre segundo a sentenza, durante os anos 80 e 90 e ata finais do século pasado Inmobiliaria San Saturnino realizou numerosas compras de pisos, naves e predios, directamente e a través de Jolva. Entre as operacións figura tamén unha importante promoción inmobiliaria en Sanxenxo. Nalgúns casos subscribiu préstamos bancarios que, segundo o tribunal, queda probado que foron sufragados con diñeiro procedente do narcotráfico. "A colocación de cartos de ilícita procedencia no mercado, as mañas despregadas por todos os acusados para disimular a súa orixe delituosa, o regreso do diñeiro logo de ser branqueado mediante tamén a morea de compravendas, préstamos, hipotecas" e "a utilización para todo isto dun conxunto de empresas ou sociedades instrumentais" quedou "nidiamente ao descuberto", conclúe a sentenza.

Neste sentido, a Audiencia de Pontevedra coida que non cabe alegar descoñecemento ningún da procedencia dos cartos tampouco no caso da filla e as antigas esposa e cuñada de Miñanco, que non foron quen de "xustificar" mediante ingresos legais e xustificados o seu "desproporcionado incremento patrimonial". A "procedencia ilícita dos cartos era a única que reportaba ingresos tan cuantiosos aos branqueadores" e, "se os ingresos ilícitos non lles daban para manexar tan inxentes cantidades de diñeiro" e "a súa orixe só se explicaba pola relación de todos eles coas actividades delituosas", queda claro para o tribunal que "os bens tiñan, indubidablemente, esa procedencia".

A Audiencia ordena a incautación de "todos os bens" logrados con cartos do narcotráfico para "anular calquera vantaxe obtida" mediante os delitos que condena

Por todo isto a Audiencia condenou a Miñanco os seus colaboradores ás devanditas penas de cárcere e multas e, ademais, decreta a disolución da Inmobiliaria San Saturnino. Ao tempo, considera que "procede" a incautación de "todos os bens" logrados, segundo a sentenza, con "cartos procedentes do narcotráfico", toda vez que a súa orixe foi o "Pretendido acceso ao mercado legal e normal do diñeiro" ilícito. A finalidade desta medida, lembra a sentenza, é "a de anular calquera vantaxe obtida" mediante os delitos xulgados.

Esta é a terceira condena a Sito Miñanco por delitos ligados ao narcotráfico. Prado Bugallo, actualmente en prisión, xa fora condenado en 1993 a 20 anos de reclusión menor e multa de 205 millóns de pesetas -uns 1,2 millóns de euros- por delitos contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas, e en 2004 volveu ser condenado por delitos semellantes a outros 16 anos de prisión e 390 millóns de euros de multa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.