A Audiencia Nacional exarcera a Sito Miñanco pero prohíbelle volver a Galicia

Sito Miñanco, nunha imaxe da TVG © CRTVG

O maior capo da droga en Galicia sae da cadea. A Audiencia Nacional acordou excarcerar o histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, quen poderá saír todos os días de prisión para traballar, aínda que a decisión xudicial prohíbelle volver a Galicia, tal e como el mesmo se comprometeu. O auto, ademais, lembra que moitas persoas que viven onde el residía sufriron as consecuencias da súa actividade: "abonda con recoñecer a famosa xeración perdida na que morreron moitos mozos como consecuencia do consumo de droga".

O auto acúsao de ter creado "aunha xeración perdido na que morreron moitos mozos"

En concreto, o xuíz central de Vixilancia Penal da Audiencia Nacional, José Luis Castro, co visto e prace da Fiscalía, aplicoulle o artigo 100.2 do Regulamento Penal polo que poderá saír todos os días da cadea (menos as fins de semana) para traballar. Ademais, no mesmo auto especifícase que este é o "paso previo" a concederlle o terceiro grao, algo que previsiblemente sucederá os próximos meses e que lle permitiría acudir ao cárcere só para durmir.

O seguinte paso xa sería a liberdade condicional, unha situación da que xa gozou no ano 2001 logo de estar sete anos en prisión. No entanto, aproveitou esa excarceración para volver delinquir e foi detido de novo cando dirixía unha operación para introducir cinco toneladas de cocaína en España.

Sito Miñanco cumpre condena en Valladolid e traballaría agora no sector da construción

 

Reincidencia

De feito, a súa "reincidencia delituosa" e en concreto a súa "rápida reincidencia tras a última excarceración" recóllea o xuíz no seu auto á hora de enumerar os factores "negativos de inadaptación" de Miñanco xunto ao "tipo de delito", a "especial gravidade dos feitos", a súa "pertenza a unha organización delituosa" e "a contía da condena imposta".

Como factores a favor da súa saída de prisión, o auto destaca "a antigüidade dos feitos delituosos, o avanzado estado de cumprimento da condena, a boa conduta penal, o bo uso dos permisos de saída e o seu apoio familiar". O xuíz lembra que Sito Miñanco cumprirá a súa condena en 2018 e que en 2009 superou xa as tres cuartas partes desa pena.

"Hai que recoñecer que a evolución do interno é moi positiva", resolve o escrito no que se fai alusión ás "numerosas notas meritorias" que constan no seu expediente disciplinario á vez que lembra que gozou dunha vintena de permisos penais "sen ningunha incidencia negativa reseñable". "Por outra banda, manifestou o seu arrepentimento e rexeitamento da actividade delituosa cometida".

Foi o propio Sito Miñanco, de 59 anos de idade, quen solicitou de novo a condición de liberdade condicional e para iso presentou unha oferta laboral de fóra de Galicia, segundo dse tira da redacción do auto no que o xuíz di que "é necesario evitar o dano que a presenza do interno poida producir ás vítimas ou aos seus familiares que actualmente vivan na zona da que é orixinario o interno, por iso, é coherente a pretensión do interno de presentar unha oferta laboral fóra da Comunidade Autónoma Galega".

Segundo diferentes fontes, Sito Miñanco atópase actualmente interno no cárcere de Valladolid e a oferta laboral que presentou garda relación co sector da construción. A Audiencia Nacional coincide en que se non volve a Galicia permitirase evitar de forma habitual o encontro do penado con aquelas familias que sufriron as consecuencias da súa actividade delituosa". Insiste en que, aínda que as vítimas "inicialmente son indeterminadas, é facilmente recoñecible que moitas das persoas que viven na zona sufriron maioritariamente as consecuencias da súa actividade; abonda con lembrar a famosa xeración perdida na zona de Vilanova e Vilagarcía de Arousa  na que se produciu a morte de moitos mozos como consecuencia do consumo da droga".

A posta en liberdade de Miñanco chega pouco despos da condena de máis de seis anos de cadea a Marcial Dorado

O propio xuíz admite que pola parte de condena que xa cumpriu Sito Miñanco podería ser clasificado en terceiro grao, pero cre que antes "é necesario comprobar se efectivamente vai cumprir coas responsabilidades asumidas por el mesmo, entre elas a de non regresar a Galicia. A posta en liberdade deste capo da droga en Galicia chega un mes despois de que outro importante narco galego, Marcial Dorado, fose condenado a seis anos e un día de cadea e a pagar unha multa de 21,5 millóns de euros ao considerarse probado que liderou unha organización dedicada a branquear cartos obtidos co narcotráfico. A súa figura saltou ás portadas nos últimos anos polas polémica polas fotos nas que el saía xunto ao actual presidente da Xunta nunha embarcación cando ambos compartían festas e amizade. 

A súa historia

Sito Miñanco pertence a unha familia de mariñeiros de Cambados, de orixe humilde, coñecida coma os Miñancos. A inicios dos 80 iniciouse no contrabando de tabaco e xa en 1983 estivo oito meses na cadea.  En 1986 accede á presidencia do Juventud Cambados, o equipo de fútbol local, que daquela xogaba en Preferente, e en tres anos consegue que ascenda a Segunda División B, momento no que abandonou un labor pola que foi recoñecido por varias institucións. 

O narco presidiu o equipo de fútbol de Cambados, co que ascendeu de Preferente a Segunda B

Foi detido en Pozuelo de Alarcón en 1994 por introducir en España 2,5 toneladas de cocaína en 1990, e foi condenado pola Audiencia Nacional a 20 anos de prisión por tráfico de drogas, evasión de divisas e falsedade de documentos. O 8 de xullo de 1997 foi detido en Vigo, preto do Estadio de Balaídos, polo desembarco de 6 toneladas de haxix. De novo foi detido en Madrid o 16 de agosto de 2001 logo do apreixamento dun alixo de 5 toneladas de cocaína en alta mar, preto da Güiana Francesa. Nese momento estaba en liberdade condicional logo de cumprir 7 dos 20 anos aos que fora condenado.

Sito Miñanco, nunha imaxe da TVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.