Sito Miñanco: o piloto de planadoras que financiou campañas electorais e fixo negocios con Pablo Escobar

Sito Miñanco, nunha imaxe de arquivo da TVG Dominio Público TVG

Moito máis que un capo da droga e do tabaco de batea, Sito Miñanco, o narco detido á primeira hora do luns en Algeciras (Cádiz), representa toda unha época en Galicia: aqueles tempos en que os contrabandistas eran honorables homes de negocios que se relacionaban con políticos e traían riqueza ao pobo.

En Galicia escribíronse toneladas de papel sobre as sagas máis coñecidas: os Charlíns, o matrimonio Laureano Oubiña-Esther Lago (o fillo desta, David Pérez Lago, tamén figura na lista de arrestados na macrooperación do pasado luns), ou o fotoxénico Marcial Dorado, que alternou durante o noventa en iates e mansións, excursións ao mar e á montaña, cun ambicioso alto funcionario da Xunta de Galicia chamado Alberto Núñez Feijóo, daquela número dous da Consellería de Sanidade.

De todos aqueles patriarcas das Rías Baixas dos que se contaron vida milagres e tamén algúns infundios, José Ramón Prado Bugallo, Sito, era o máis carismático. Nacido nunha familia de mariscadores furtivos, escalou todos os banzos do negocio: piloto de planadoras na era do Winston de batea, branqueador de capitais en Panamá, e capo entre os capos cando decidiu dar o salto á cocaína, que lle permitiu atuar o cartel de Cali e o persoal de confianza de Pablo Escobar.

Nacho Carretero, xornalista, é autor de Fariña, Historias e indiscrecións do narcotráfico en Galicia (Libros do KO), un tratado sobre as familias da droga que vendeu dez edicións e inspirou unha serie que está a gravar Antena 3. Carretero responde por teléfono o día despois da detención do capo galego: "Sito é o narco máis importante que coñeceu Galicia e probablemente España en toda a súa historia. Non é que volvese, é que segundo os investigadores non chegou a marchar. Vén do estraperlo, de toda unha xeración de contrabandistas dos anos 70, e distínguese do resto por unha gran intelixencia e o seu olfacto para os negocios e as relacións persoais. A través das súas canles de lavado de diñeiro en Panamá, onde branqueaba os beneficios do contrabando, fai contactos e torna en socio predilecto do cartel de Medellín e logo do de Cali. Nos anos 80 empeza a introducir miles de quilos de cocaína a través da costa galega. Cando a Policía e a Garda Civil estaba a perseguir fardos de tabaco, o clan de Sito, a R.O.S., introducía xa toneladas de coca".

"Os carteis colombianos sempre o viron como un home de fiar. Nos seus transportes non había roubos, nunca faltaba mercadoría, como si sucedía con outros dos galegos"

Un dos mandos policiais que participou en varios dos seus arrestos, completa ese retrato: "Prado Bugallo é un home obsesionado pola seguridade, por evitarnos, á Policía e á Garda Civil. Leva anos repetindo que el non está xa en nada, igual que antes dicía que nunca tocara a droga. Os carteis colombianos sempre o viron como un home de fiar. Nos seus transportes non había roubos, nunca faltaba mercadoría, como si sucedía con outros dos galegos. E ademais, os colombianos valoraban o seu coñecemento do mar. Todas as operacións nas que o pillaron están relacionadas con alixos en barcos". 

No mar e nos negocios Sito sempre correu máis. O servizo de Aduanas non só ía por tras del naquelas persecucións a tiros polo interior da Ría de Arousa, os corpos policiais tampouco eran quen de seguilo na carreira tecnolóxica. Os seus estaleiros -o primeiro foi Sipra (acrónimo de Sito Prado) e agora Facho- construíron algunhas das lanchas máis veloces da península do Salnés, o quilómetro cero do narcotráfico en Galicia.

"Tiña máis medios que Vixilancia Aduaneira"

Fala a xornalista Elisa Lois, premio Ortega y Gasset en 1990 polas súas investigacións en El Correo Gallego sobre o narcotráfico e hoxe correspondente de El País nas Rías Baixas: "Chegou un momento no que Sito tiña máis infraestrutura e medios que o propio Servizo de Vixilancia Aduaneira. Nos 90, cando xa estaba metido de cheo na droga e o tabaco, os xefes de Aduanas andaban tras un ordenador con GPS que manexaba Sito cando en España non se vira nada semellante. Era un ordenador superpotente que, polo que comentaron daquela quen estaban na investigación, usaban os servizos secretos israelís. Servíalle para detectar os posicionamentos das lanchas de Aduanas sen necesidade de ter a xente con prismáticos vixiando. E as planadoras que os seus estaleiros preparaban sempre ao gusto de Sito, que primeiro de nada foi piloto, tamén eran moi rápidas".

"Nos 90, cando xa estaba metido de cheo na droga e o tabaco, os xefes de Aduanas andaban tras un ordenador con GPS que manexaba Sito cando en España non se vira nada semellante"

A Operación Nécora, un macrodespregamento comandado polo xuíz Baltasar Garzón -quen chegou a aterrar nas Rías Baixas en helicóptero no medio dun operativo moi cinematográfico- supuxo as detencións simultáneas dos señores da droga en Galicia. Caeron, entre outros moitos, os seus dous socios (Ramiro e Olegario, dous do tres iniciais da R.O.S., como se denominaba a súa organización) pero a Sito Miñanco a cadea de arrestos e a orde de detención da Audiencia Nacional pillouno xa en Cidade de Panamá coa súa residencia custodiada, día e noite, por parellas de axentes de seguridade armados ata os dentes.

Desde ese exilio de luxo foi capaz de concertar unha reunión co daquela xefe da Unidade Fiscal da Garda Civil, o Coronel Ayuso, co que chegou a entrevistarse nun hotel de Portugal para negociar a súa entrega. Cando transcendeu o encontro, as notas de prensa oficiais tiveron que destacar que o xuíz Garzón non estaba ao tanto da cita nin a autorizou.

Finalmente, Miñanco caeu meses despois, o 19 de xaneiro de 1991, nun chalé de Pozuelo de Alarcón (nos arredores de Madrid) mentres dirixía unha operación dun par de centos de quilos de cocaína. A investigación instruíraa tamén Garzón, hiperactivo naqueles anos contra a narcodelincuencia galega e motivou anos máis tarde unha condena a España no Tribunal de Dereitos Humanos pola forma en que foi capturado: con micrófonos ocultos en todas partes. A sentenza dándolle a razón en Estrasburgo chegoulle ao narco cando xa cumpría unha segunda condena por outro alixo de cinco toneladas de cocaína.

O narco que pagou o altar da Igrexa

A xornalista Elisa Lois nunca esquecerá aquel primeiro arresto. Tres días despois de producirse, o 22 de xaneiro de 1991, tiña pactada unha entrevista co narco en Panamá. A conversación finalmente celebrouse con Miñanco xa en prisión. "Xuroume polas súas fillas que nunca tocara a droga e mira... Estaba moi ofendido e mandoulle unha mensaxe na entrevista ao cura de Cambados, don José. Dicía que a ver quen era el para lamentar desde o púlpito que a condena era pequena. Que se non lembraba o sacerdote que fora Sito quen pagara o altar e outras obras na igrexa".

Ese é outro dos trazos definitorios do personaxe. O que Carretero chamou no seu libro "mercadotecnia social": "El toma o exemplo dos capos colombianos e o seu máximo referente é Pablo Escobar, ao que chega a imitar ata esteticamente con ese bigote... Aínda moitísima xente en Cambados e na ría de Arousa fala ben del. Pagaba tratamentos médicos aos veciños que non tiñan diñeiro na súa época de contrabandista. E cando deu o salto ao narcotráfico, soubo manter esa imaxe. A diferenza de Oubiña e outros capos malencarados, el sempre coidou moito iso e a súa contorna e a sociedade de Cambados nunca foron un obstáculo para a súa actividade".

"Aínda moitísima xente en Cambados e na ría de Arousa fala ben del. Pagaba tratamentos médicos aos veciños que non tiñan diñeiro na súa época de contrabandista. E cando deu o salto ao narcotráfico, soubo manter esa imaxe"

O certo é que esa lexitimidade que lle deu o diñeiro e a suposta filantropía alcanzou bastante máis lonxe da veciñanza. Mentres as Forzas de Seguridade dos Gobernos de Felipe González o perseguían por terra, mar e aire, dirixentes de Alianza Popular en Galicia acudían ás homenaxes que lle dispensaban como benefactor social.

Soada foi a foto do alcalde de Cambados, Santiago Tirado, aplaudindo na entrega dunha placa que recoñecía a Sito Miñanco a xesta de ascender a Segunda División B ao equipo da localidade. As nóminas millonarias que pagaba o ata entón modesto Xuventude de Cambados asombraban na categoría, case tanto como as xiras do equipo por América e a impoñente bancada do campo que pagou en man o contrabandista e onde cabía practicamente a vila enteira.

Sito tamén soubo coidar dos seus. Chegou a establecer un sistema de pensións do seu propio peto para as familias dos pilotos de planadoras que caían nas operacións ou dalgún colaborador que acababa en prisión.

Carmen Avendaño foi durante anos a cara máis visible das colectivo Nais contra a Droga, que se enfrontou á industria do narco tratando de erosionar a súa credibilidade e a imaxe de intocables que tiñan os capos como Sito que se paseaban en Ferrari Testarossa polas estradas comarcais das Rias Baixas.

Carmen Avendaño: "A nós chegounos a dicir que ía pór unha mesa de doazóns para os traballos que faciamos da denuncia do narcotráfico. Eu non daba crédito"

Desde o último arresto o pasado luns, Avendaño non parou de atender ao teléfono, coma se retrocedese 25 anos: "Miñanco é unha persoa que segue gozando do agarimo dos veciños. El é moi listo. A nós chegounos a dicir que ía pór unha mesa de doazóns para os traballos que faciamos da denuncia do narcotráfico. Eu non daba crédito. Aínda hoxe non é unha persoa á que se desprece na contorna na que viviu. Construíuse esa imaxe de tipo altruísta. Non sei como acabará a súa historia pero, de momento, a realidade en Cambados é esa. Seguro que estou eu peor vista por alí que el. O que deben ensinarnos estas últimas noticias é que á hora de deixalos en liberdade non hai que ter en conta só o seu comportamento en prisión, onde viven como reis, senón a posibilidade de que estes delincuentes reincidan". 

Se Narcos, a serie de Netflix, abrise máis o foco e saíse de América, Sito sería o socio de fiar nesta beira do Atlántico, co seu acento galego e a súa propia biografía de película. "Foi o primeiro que deu o salto internacional. A finais dos 80 estaba en Panamá facendo negocios e contactos. Na alta sociedade de Panamá estaba moi ben introducido. Chegou a financiar campañas do ditador Manuel Antonio Noriega, existe abundante documentación sobre iso. Investiu moito diñeiro en comprar vontades. Na súa vida hai moitas historias que non se aclararon. Sóubose que estivera detido por Aduanas unha vez pero que o deixaran en liberdade. Eu pregunteille por aquel episodio nunha entrevista e díxome que deixase estar esas cousas. Pero non mo negou", asegura Elisa Lois, probablemente a xornalista que mellor o coñece.

O luns de madrugada o Grupo de Operacións Especiais da Policía espertou a Sito Miñanco cando durmía, en compañía do seu actual parella, nun chalé de Algeciras. Na vivenda os axentes atopáronse centos de miles de euros en metálico e numerosos teléfonos encriptados. Unha equipaxe sospeitosa para o cobrador dunha empresa de aparcadoiros -o traballo que declarou para poder gozar do réxime de semiliberdade en 2015- que ademais facía tarefas comunitarias axudando a unha ONG de enfermos terminais. Os axentes tamén rexistraron a inmobiliaria da súa ex-esposa Rosa en Cambados.

A xuíz que ordenou a súa detención relaciónao con dous alixos que suman 4.400 quilos de cocaína, un a bordo do cargueiro Thoran entre Açores e Madeira interceptado o pasado outubro

Os investigadores que seguen os seus pasos desde hai 30 anos están convencidos de que o narcotráfico e os tratos cos carteis da droga colombianos non é un traballo temporal que poida deixarse así como así. Menos se un se chama Sito Miñanco e foi durante décadas o gran capo galego.

"Non se mostrou violento, non é o seu estilo, pero estaba moi inquieto e quería saber por que se era arrestado. Tampouco opuxo resistencia, segue sendo o de sempre. A segunda vez que o arrestamos chegounos en bañador", sinala un mando policial que leva décadas vixiando os seus movementos.

A Policía deu ao seu arresto o tratamento das grandes ocasións. Facilitou á prensa imaxes da detención, da residencia con piscina na que vivía, de paquetes de billetes de 50 euros achados no interior e do propio Sito en zapatillas e roupa náutica, esposado e escoltado por dous axentes encapuchados.

A xuíz da Audiencia Nacional que ordenou a súa detención, Carmen Lamela, relaciónao con dous alixos que suman 4.400 quilos de cocaína, un a bordo do cargueiro Thoran entre Açores e Madeira interceptado o pasado outubro e outro nun colector en Holanda en novembro. Algunhas desas causas estaban xa instruíndose noutros xulgados, aseguran fontes que coñecen as reviravoltas do caso.

A xuíz ten horas de conversas de Sito Miñanco falando desas operacións e tamén de traer a España un millón de euros. O capo obsesionado coa tecnoloxía para protexerse, que segundo os investigadores investira máis de 700.000 euros en aparellos electrónicos e teléfonos encriptados, volveu caer porque o estaban gravando. Como a primeira vez, hai agora 27 anos.

Sito Miñanco, nunha imaxe da TVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.