Unicef presentou este martes o informe Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades, elaborado en colaboración coa USC e o Consejo General de Colegios de Ingeniería en Informática a través de enquisas realizadas a 3.000 adolescentes de 19 centros de ESO galegos. Á vista dos resultados obtidos polo estudo, UNICEF Galicia demanda "políticas máis contundentes que protexan os dereitos da infancia na contorna dixital".
UNICEF demanda "políticas máis contundentes que protexan os dereitos da infancia na contorna dixital"
A mocidade emprega Internet de xeito unánime e constante. O 90,8% conéctase a Internet todos ou case todos os días e o 97,9% está rexistrado nalgunha rede social e o 80,5% está rexistrado en tres ou máis redes sociais. Ademais, mozos e mozas destacan que as redes lles pode facer sentir alegría (97,9%), diversión (82,9%), tranquilidade (81,9%) ou apoio e comprensión (71,5%). Porén, Unicef alerta dos efectos negativos que as redes tamén poden ter para a mocidade, en concreto a través dun uso excesivo, da posibilidade do ciberacoso ou das opcións de apostar en liña.
Para a organización de defensa da infancia "a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso debe ser unha prioridade, debido a que se detectaron taxas de vitimización sensiblemente máis altas que as que ofrecen as estatísticas oficiais". Engade, ademais, que "é necesario tamén tomar medidas para reducir as preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou posibles casos de grooming [adultos que se fan pasar nas redes por adolescentes para gañar a confianza de mozos e mozas e ter acceso a contidos sexuais], así como abordar o uso problemático das redes sociais e posibles adiccións a videoxogos".
Catro de cada dez enquisados asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual e 1 de cada dez recibiu –a través de redes, chats, Internet ou videoxogos- unha proposición sexual por parte dun adulto
Así mesmo, chama a atención sobre a necesidade "de que as familias conten con ferramentas e apoio para poder exercer o seu labor educativo e de acompañamento". De igual xeito, apostan por "promover a importancia do sistema educativo como ámbito clave para adquirir as pautas e ferramentas necesarias para manexarse en Internet".
Con motivo da presentación deste informe, UNICEF Galicia puxo en marcha unha campaña de sensibilización dirixida aos propios adolescentes, familias, educadores, institucións e industria tecnolóxica co obxectivo de visibilizar os riscos aos que se enfrontan os rapaces e rapazas na contorna dixital. Na campaña, que emprega a etiqueta #EducaTRIC, personalidades públicas galegas do mundo da cultura, a sanidade e o deporte -como Lucía Regueiro- quixéronse sumar á campaña e traballar para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa.
“Detrás destes datos vexo caras, vexo caras de adolescentes, dos alumnos cos que traballo día a día. Vexo os riscos do xogo en liña, da pornografía nas plataformas como onlyfans, do suicidio. É necesario un compromiso e un acompañamento das institucións para dotar de recursos aos centros"
O informe advirte de que cinco de cada dez adolescentes, un 53,6%, contactaron con descoñecidos a través de Internet, chats ou redes, e un 54,1% aceptou a descoñecidos en redes sociais. Así mesmo, catro de cada dez enquisados asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual, un de cada dez recibiu –a través de redes, chats, Internet ou videoxogos- unha proposición sexual por parte dun adulto. Unha proporción semellante (9,8%) afirma que foi presionado ou presionada para enviar fotos ou vídeos seus de contido erótico ou sexual, en especial as mozas, máis que os mozos.
Na presentación do informe Andrea Herrero, profesora e directora do IES Praia Barraña de Boiro, subliñou que “detrás destes datos vexo caras, vexo caras de adolescentes, dos alumnos cos que traballo día a día. Vexo os riscos do xogo en liña, da pornografía nas plataformas como onlyfans, do suicidio". "É necesario un compromiso e un acompañamento das institucións para dotar de recursos aos centros", concluíu.
Un 3,3% dos estudantes de ESO recoñecen que xogaron ou apostaron diñeiro en liña algunha vez na súa vida, o que supón uns 3.000 mozos en toda Galicia, "o que permite constatar que se trata dunha práctica que se inicia a idades temperás". Gañar diñeiro, divertirse e pasar tempo cos amigos, foron os tres principais argumentos expresados polos entrevistados no estudo. Nerste senso, advirte Unicef, aproximadamente 1 de cada 10 menores que xoga ou aposta diñeiro en liña pode chegar a converterse en ludópata, o que supoñería estar a falar de preto de 300 adolescentes en risco de presentar problemas graves.
Unicef sinala que "en contraposición con todos estes riscos" se constata "unha escasa supervisión parental", pois só o 34,9% dos adolescentes sinala que os seus pais lles poñen algún tipo de normas ou límites
Unicef sinala que "en contraposición con todos estes riscos" se constata "unha escasa supervisión parental", pois só o 34,9% dos adolescentes sinala que os seus pais lles poñen algún tipo de normas ou límites sobre o uso da internet e/ou as pantallas; só o 28,2% limitan as horas de uso e o 13,7% os contidos aos que poden acceder. A entidade afirma que "os hábitos e condutas do contorno familiar (o uso durante as comidas, nos momentos de descanso e de lecer familiar) poderían estar a condicionar claramente as prácticas e usos dos dispositivos electrónicos por parte de nenos, nenas e adolescentes".
Finalmente, o estudo afonda tamén no uso dos videoxogos, sinalando que de media os adolescentes xogan 7,2 horas semanais, pero advertindo de que hai un 4,3% que xogan máis de 30 horas á semana. Un 52% recoñece xogar a xogos non recomendados para a súa idade.
En total, estímase que máis de 25.000 estudantes de ESO poderían presentar un "uso problemático" das redes e as novas tecnoloxías, que está caracterizado non só por unha elevada frecuencia e intensidade de conexión (moitos días e moitas horas), senón tamén por un alto grao de interferencia no día a día dos propios adolescentes e das súas familias.
Máis de 25.000 estudantes de ESO galegos poderían presentar un "uso problemático" das redes e as novas tecnoloxías, cun alto grao de interferencia no día a día dos propios adolescentes e das súas familias
“O uso problemático da Internet e as redes, así como a frecuencia ou intensidade do xogo afecta ao día a día dos adolescentes e ás súas familias, xa que impacta directamente no seu benestar emocional e na súa saúde mental”, salientou Antonio Rial Boubeta, profesor titular de Psicoloxía da USC. “Por iso, este informe pretende non só ser un diagnóstico de base do actual uso que os adolescentes galegos fan da Internet, as redes sociais e, por extensión, as TRIC, facendo fincapé nas posibles condutas de risco, usos problemáticos e/ou potencialmente aditivos, senón promover que os dereitos da infancia sexan unha realidade na contorna dixital”, concluíu.