Alumnado de 4º da ESO e de Bacharelato do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela realizou unha completa investigación sobre o uso que os adolescentes entre 12 e 17 anos da cidade fan do teléfono móbil e os efectos que esta utilización lles produce. O Instituto de Investigación de Gadgets Tecnolóxicos, impulsado polo mestre de Filosofía e Psicoloxía Francisco Javier Pérez Carrasco presentou este martes os resultados da enquisa, formada polas respostas de case un milleiro (964) de estudantes de catro institutos da cidade: IES Lamas de Abade, IES Cacheiras, IES Pontepedriña e Colegio La Salle.
Participaron 964 estudantes do IES Lamas de Abade, IES Cacheiras, IES Pontepedriña e Colegio La Salle
A enquisa, moi ampla, preguntou sobre o momento no que se fixeron co seu teléfono móbil, os elementos que máis valoran neles, o tempo que cada día lle dedican, o tipo de usos ou de aplicacións que empregan con máis frecuencia e a súa opinión sobre os efectos positivos ou negativos que este uso provoca, por exemplo, na súa capacidade de atención e concentración, na súa capacidad de expresión lingüística, na súa privacidade ou na súa sociabilidade.
O 80% tivo o seu primeiro móbil antes dos 13 anos
A primeira conclusión é que os e as adolescentes reciben o seu primeiro móbil entre os 12 e 13 anos (o 60%), aínda que case un 20% xa conta con un da súa propiedade antes dos 11 anos. En resumo, case un 80% tivo o seu primeiro móbil con 13 anos ou menos. Ademais, adoitan mudar de aparello cada 2 ou 3 anos (o 53%), pero un 27% fai este recambio cada menos tempo.
O 20% usa o móbil 5 horas ou máis nos días lectivos. E o 22% pasa das 8 horas nos días non lectivos
O 46% dos e das entrevistadas usa o móbil tres ou máis horas de media nos días lectivos e o 77% supera ese tempo nos días non lectivos. Nos días lectivos o 20% usa o móbil 5 horas ou máis. Nas xornadas nas que non teñen clase o 47% supera as 5 horas diarias de utilización. É dicir, case a metade dos e das adolescentes usa o móbil máis de 10 horas cada fin de semana. Ademais, o 22% pasa das 8 horas diarias de uso nos días non lectivos.
O 88% recoñecer usar o móbil en horario escolar. Mentres, o 46% di empregar o smartphone máis aló das once da noite e o 23% máis tarde da medianoite.
Whatsapp é a aplicación máis utilizada, mencionada por máis do 95% dos e das enquisadas, un pouco máis que Youtube (93%). A certa distancia aparece Instagram (57%) e xa moi lonxe Twitter (14%) ou Facebook (10,8%). O 82% usa o móbil para chatear, o 69% para escoitar música, o 64% para ver series ou vídeo e o 35% para xogar.
Unha porta á información pero que dificulta a atención
O 46% di empregar o smartphone máis aló das once da noite e o 23% máis tarde da medianoite
En canto ás actitudes con respecto ao móbil e os efectos que causa, os e as entrevistadas destacan de maneira abrumadora (un 94%) que o móbil mellora a súa "capacidade para obter información". Pola contra, o seu uso non tería efectos positivos sobre a capacidade de atención, a capacidade para memorizar información ou a súa capacidade de estudo.
As conclusións do informe, nas que participaron estudantes da materia de psicoloxía de 2ª bacharelato do Lamas de Abade, subliñan neste senso que "sendo un dispositivo que amplía de modo extraordinario a información accesible, compromete as destrezas cognitivas que permiten a súa asimilación comprensiva e o seu uso significativo".
Un aparello "emocionalmente neutro"
Non vinculan o móbil a un maior control parental nin tampouco por parte de compañeiros ou coñecidos
Os e as entrevistadas destacan, ademais, que o móbil non mellora a súa "paciencia", pero tampouco lles crea situacións de "ansiedade" ou "tensión". Así mesmo, non vinculan o móbil a un maior control parental nin tampouco por parte de compañeiros ou coñecidos.
O geupo de estudantes de Psicoloxía que analiza o informe conclúe a este respecot que este aparello "é vivido polos usuarios adolescentes como un cachivache emocionalmente neutro, inocuo, que non inflúe nas emocións dos seus usuarios, nin nas agradables -felicidade, tranquilidade, paciencia...-, nin nas desagradables -intranquilidade, nerviosismo, envexa, furia...-".