"Ao colexio vaise aprender, pero hai que ir educado da casa, tamén coas novas tecnoloxías"

Javier Pedreira, 'Wicho' © InLugo

Existen os nativos dixitais? O termo foi acuñado en 2001 por Marc Prensky, que o usou para denominar o grupo de estudantes que xa naquel momento preferían revisar un documento en pantalla en lugar de imprimilo e para os que era impensable imprimir un correo electrónico en papel para conservalo. Podemos considerar, pois, nativos dixitais aos mozos e mozas de menos de 20 anos que se criaron usando internet e smartphones?

Javier Pedreira Wicho está convencido de que non, e así o explicou no libro Los nativos digitales no existen. Cómo educar a tus hijos para un mundo digital, que coordina xunto con Susana Lluna Beltrán. Na obra alerta de que mesmo os mozos e mozas carecen de ferramentas fundamentais para moverse nas redes sociais e en Internet. Disto falará este sábado en Lugo, a partir das 17 horas nunha das sesións do InLugo2016. Pedreira é o responsable de informática dos Museos Científicos Coruñeses e colabora en varios medios de comunicación. O seu blog, Microsiervos, que xestiona xunto a Alvaro Ibáñez e Nacho Palou, é unha referencia na blogosfera hispana dende hai unha década.

"Que os nenos e nenas saiban subir fotos, reproducir un vídeo ou manexar un programa, non quere dicir que saiban tirarlle proveito á tecnoloxía"

Un rapaz ou rapaza, aínda que se criara utilizando Internet, con smartphones, tablets e outros dispositivos, non é polo tanto un nativo dixital?

É como se me dis que un neno calquera que nace en España domina a lingua porque na súa casa se fala castelán. E non é así. Terá unha habilidades básicas, simplemente pola comunicación coa súa familia, pero iso non quere dicir que realmente domine ese idioma. Coa tecnoloxía pasa o mesmo: sen formación non hai dominio.

"Á hora de buscar en Google, van directamente ao primeiro resultado que atopan, sen preguntarse quen publicou esa entrada, por que, se hai outras versións posibles"

É dicir, que unha cousa é posuír unha certa habilidade manual ou recoñecer e ter familiaridade cunhas determinadas interfaces, pero outra cousa é saber utilizar a rede?

Hai unha cousa que nos está enganando: os interfaces táctiles que tan de moda se puxeron nos últimos anos. Son tan fáciles de manexar que ata un bebé os sabe usar. Pero iso non é porque os novos bebés teñan superpoderes, é porque os interfaces adaptáronse a nós. Os bebés relaciónanse así co mundo: tocando. E os smartphones ou as tablets funcionan como o neno espera que funcione o mundo: toca algo e algo sucede. Pero insisto: que os nenos e nenas saiban subir fotos, reproducir un vídeo ou manexar un programa, non quere dicir que saiban tirarlle proveito á tecnoloxía.

"O sistema educativo debería aprender a incorporar estas ferramentas como algo transversal, presente en todas as materias"

Onde podemos situar as principais eivas no uso que estes mozos e mozas fan das novas tecnoloxías?

Se te fixas un pouco ves que os e as adolescentes non teñen ningún problema á hora de compartir os seus contrasinais, non teñen precaucións á hora de subir contidos, non son conscientes de que legalmente non poden subir unha foto doutra persoa sen que esta che dea permiso. Ou soben fotografías de festas de botellóns, sen pensar que cando dentro dun tempo cando vaian pedir traballo a unha empresa, todo isto vai estar á vista. Ou á hora de buscar en Google, van directamente ao primeiro resultado que atopan, sen preguntarse quen publicou esa entrada, por que, se hai outras versións posibles. Aínda que isto último tamén é un problema dos sistema educativo, que non fomenta case en absoluto o pensamento crítico, que é algo que todos deberiamos exercer.

Neste senso, cal é o papel que deberían cumprir os centros de ensino?

O sistema educativo debería aprender a incorporar estas ferramentas como algo transversal, presente en todas as materias. Igual que de pequeno aprendes caligrafía, pero unha vez que dominas a técnica o bolígrafo e a escritura se converten en ferramentas que usas en todas as clases, coas novas tecnoloxías pasa algo semellante. Isto normalmente non se fai porque para a maioría dos políticos investir en novas tecnoloxías habitualmente foi mercar non sei cantas tablets e ordenadores, soltalos na aula e xa. Sen nin sequera formar o profesorado. Converter os libros de texto nun pdf non me parece facer un uso intelixente das novas tecnoloxías. Si é bo para as costas dos nenos, que non teñen que ir cargados como animais, pero non é un uso demasiado creativo. Queda moi curto.

"Para a maioría dos políticos investir en novas tecnoloxías foi habitualmente mercar non sei cantas tablets e ordenadores, soltalos na aula e xa"

E cal é a responsabilidade dos pais e nais?

Que pasa nas casas? Pois que moitos pais asumen que os nenos xa saber manexar as tecnoloxías e que non hai que estar enriba deles. Ao igual que ao colexio se vai aprender, pero hai que ir educado da casa, hai que educar os nenos no uso das novas tecnoloxías. Os colexios cumpren outra función: deben ensinarlles a tirar máis proveito delas, pero certos elementos básicos corresponden á familia. O 25% dos nenos de 10 anos teñen smartphone, e aos 15 a porcentaxe xa é do 92%. Pero xa dende moito antes os nenos teñen acceso ás novas tecnoloxías e van atopar contidos inapropiados por moitos filtros que poñas nos dispositivos. Nas casas hai que acompañalos nisto, educalos, o que é distinto de vixialos, de estar sempre mirando por riba do ombro a ver que fan. Hai que explicarlles as cousas, dicirlles que poden atopar certo tipo de contidos non adecuados, que se teñen algún problema poden falar cos pais, para evitar situacións de ciberbullying ou de grooming (adultos que se fan pasar por menores para conseguir fotografías sexuais). Hai que falar estas cousas, porque se o que fas cando atopas o teu fillo mirando unha páxina porno é berrarlle, despois cando teña un problema pois non recorrerá a ti. Moitos pais deixan os seus fillos moi sós neste tema. No libro falamos mesmo de orfos dixitais, porque están moi abandonados.

"Hai que falar estas cousas, porque se o que fas cando atopas o teu fillo mirando unha páxina porno é berrarlle, despois cando teña un problema pois non recorrerá a ti"

Esta falta de educación dixital fai que esteamos desaproveitando a oportunidade de que esta xeración conte cunhas competencias nun ámbito que é case importante coma un bo dominio do inglés?

Si, ou mesmo máis importante que un bo dominio do inglés. Hai estudos sobre as habilidades que demanda o mercado laboral, que sitúan as competencias dixitais como algo básico. Todo o acceso á rede e ás novas tecnoloxías é unha vantaxe enorme para as novas xeracións e, en xeral, para calquera. Temos a fortuna de estar desta beira da fenda dixital: practicamente todo o mundo ten conexións a internet e algún dispositivo para acceder á rede e a estas tecnoloxías que van definir o presente e o futuro. E tendo esta posibilidade, é un desastre que non esteamos permitindo que os nosos nenos e mozos lle tiren todo o proveito posible a esta oportunidade.

"Temos a fortuna de estar desta beira da fenda dixital. E tendo esta posibilidade, é un desastre que non esteamos permitindo que os nosos nenos e mozos lle tiren todo o proveito posible a esta oportunidade"

As fendas xeracionais, en todo caso, son inevitables? Cada persoa, grupo ou xeración dálle á tecnoloxía un uso diferente?

As fendas xeracionais non son escusa. Hai xente moi maior que se desenvolve perfectamente coas novas tecnoloxías e hai rapaces que non teñen nin idea. Hai fendas, pero é sobre todo unha cuestión de actitude, de querer aprender. Se es pai, e vén o ten fillo falando dun youtuber, é importante que te preocupes por saber de que te está a falar.

 

Javier Pedreira, 'Wicho' © InLugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.