Non será aínda un San Froilán normal, pero si máis semellante ao de 2019 que o do pasado ano, cando as a pandemia obrigaron a virar as festas patronais de Lugo nunha semana cultural marcada polas daquela estritas restricións para tentar frear a COVID. O pregón da profesora Marisol Bravos, destacada traballadora a prol dos dereitos das persoas con discapacidade, foi o pórtico de nove días de festa, cun cento de actividades coa música como principal protagonista do programa.
O San Froilán recupera finalmente neste 2021 tamén o recinto feiral, as barracas, aínda que cun dispositivo de seguridade especial por mor das normas da COVID
Sen casetas do polbo -dispoñible en abundancia, non obstante, en múltiples locais hostaleiros da cidade especialmente preparados para as festas-, o San Froilán finalmente recupera neste 2021 o recinto feiral, as que na capital lucense son coñecidas como "as barracas". Os diversos carruseis e postos regresan á contorna do Parque Rosalía de Castro tras un acordo cos feirantes pechado pola alcaldesa, Lara Méndez, que implica un dispositivo de seguridade especial para garantir as distancias entre postos fixadas polas normas COVID, mais tamén o compromiso de cobrar entradas máis baratas a cambio de non teren que abonar as taxas municipais de instalación.
A edil de Cultura da capital lucense, Maite Ferreiro, destaca que, un ano máis, a súa concellería procurou que as bandas e artistas da cidade sexan "grandes protagonistas" dunhas festas nas que as primeiras notas musicais foron as do pasarrúas dos Trastiños de Castelo, xusto despois do pregón. Tamén contra o serán, o San Froilán recuperou a música das orquestras coa París de Noia na praza de Augas Férreas.
Bandas e artistas como Grande Amore, Baiuca, Guadi Galego, Ángel Stanich, El Drogas, Maria Arnal e Marcel Bagés, Tanxugueiras ou Manel destacan no programa festivo xunto a múltiplos grupos locais e outras actividades culturais e deportivas
Jenny & The Mexicats, Infrarroja e La La Love You foron os primeiros grupos en subir aos principais escenarios (praza de Santa María e Horta do Seminario) musicais para un programa de concertos que comezou, no caso dos que requiren reserva de entrada -de balde- para cumprir coas ocupacións máximas do protocolo COVID-, con todos os billetes esgotados. Así e todo, o Concello lucense lembra que estas entradas son válidas ata 5 minutos antes do inicio de cada evento e, de aí en diante, "procederase a completar a cabida do recinto coas persoas que agarden para poder acceder".
Xisco Feijóo e Sidecars continúan, o martes 5 (día de San Froilán) un programa de concertos polo que pasarán, entre outros, bandas e artistas como Gatibu e Grande Amore (mércores 6, 21:00, Praza de Santa María), Corizonas (venres 8, 21:00, Santa María), Baiuca (venres 8, 22:00, Horta do Seminario) ou María Rodés (sábado 9, 22:00, Horta do Seminario).
O Domingo das Mozas a música do San Froilán porana Guadi Galego (21:00, Santa María) e Ángel Stanich (22:00, Horta do Seminario) e ao día seguinte, o luns 11, tocarán El Drogas (21:00, Santa María) e María Arnal e Marcel Bagés (22:00, Horta do Seminario). As actuacións dos cabezas de cartel das festas lucenses finalizan o martes, día 12, con Tanxugueiras (21:00, Santa María) e Manel (22:00, Horta do Seminario). Os concertos que se celebren do día 9 en diante xa contarán coa ocupación máxima ampliada autorizada pola Xunta.
Ata medio cento de bandas lucenses de todos os estilos musicais, citas clásicas como a Mostra de Música Tradicional, a maxia do Mago Antón, o San Froilán Tecedeiro, os pasarrúas, o San Froilán Miúdo para nenas e nenos ou diversas exhibicións e probas deportivas completan un programa que olla cara á normalidade e que pode consultarse íntegro no sitio web das festas. No comezo do San Froilán, tras recibir á pregoeira, a alcaldesa da cidade pediu que "este San Froilán sexa un exemplo de civismo" e "unha demostración de que o ocio, a socialización e a dinamización económica poden ir da man sen comprometer o máis valioso que temos: a nosa saúde e a de quen máis queremos”.