Do 4 ao 12 de outubro en Lugo haberá pregón e polbo. Pelúdez sairá á rúa e lembraranse as festas do pasado. Homenaxearase a Rosalía de Castro e soará a música nas rúas. Non haberá festas de San Froilán, pero unha semana cultural termará do espírito da festa ata que a COVID-19 permita recuperala.
"Este ano o San Froilán non será unha festa, senón unha semana de eventos culturais nos distintos barrios de Lugo"
Como en tantos outros lugares, o Concello lucense considerou inviable manter o formato tradicional das súas festas. Unha semana longa de aglomeracións, de xuntanzas familiares e de amizades e de visitantes de Galicia e fóra dela non encaixa coas restricións para frear os contaxios do coronavirus.
"Este ano o San Froilán non será unha festa, senón unha semana de eventos culturais nos distintos barrios de Lugo", resume a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, que este 30 de setembro presentou a programación completa do evento. "Contaremos cos eventos clásicos do San Froilán, mais adaptándoos á situación actual para que o centro da programación sexa que toda a veciñanza de Lugo teña acceso a actividades culturais de maneira segura", resalta.
Nun contexto no que as actividades ligadas a este inédito San Froilán pretenden ser tamén un apoio "ao sector da cultura, en alerta debido ás consecuencias da crise sanitaria", os grupos lucenses serán "protagonistas da programación". O pregón da xornalista Tonina Gay, histórica voz da radio local lucense (domingo 4, 12:30), retransmitido a través de internet e polas emisoras Radio Voz e COPE para evitar aglomeracións, abrirá unha semana na que os concertos serán de balde, como adoito, pero para os que será preciso retirar entrada.
Os concertos serán de balde, pero con retirada de entrada previa para cinguirse á capacidade de cada recinto, con cadeiras e distancia de seguridade
Co obxectivo de cinguirse "aos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias", todos os recintos "estarán valados" e o público estará obrigado a manterse sentado en cadeiras separadas por un metro e medio entre si. Ademais, avanzan, "haberá dispensadores de xel hidroalcólico" en todos os recintos.
Con todos estes protocolos, o domingo 4 á tarde comezarán os pasarrúas pola Milagrosa, Augas Férreas e o recinto histórico e, contra o serán, Emilio Rúa e Rosa Cedrón subirán ao escenario da praza de Augas Férreas, Mounqup ao da praza do Camiño Primitivo e Broken Peach, ao da Horta do Seminario. Forget La France, Dana, Boyanka Kostova, Zeltia, David Prado, A Volta do Agro, West Side Bones, Arrhytmia, The Foolmakers, Leilía, De Vacas, Berta Franklin, Lagarto Zulú, Verto, Caamaño & Ameixeiras, a Banda da Loba, Moura ou Xoana son só algúns dos artistas e grupos que soarán en Lugo ata o día 12.
Locais de hostalaría poderán sacar á rúa os caldeiros do polbo previa autorización do Concello
Nalgúns casos, estas bandas actuarán en varios escenarios para poder chegar a máis persoas sen superar os límites dos recintos fixados polas restricións sanitarias. O Castiñeiro, Augas Férreas, a praza do Agro do Rolo (na Milagrosa), ou a Horta do Seminario son os principais escenarios e as horas e lugares poderanse consultar no sitio web das festas.
Alén dos concertos, e igualmente con restricións, a semana do San Froilán acollerá tamén o San Froilán Asociativo, a Feira de Antigüidades ou o certame de artesanía Artesanfroilán. Tamén caldeiros de polbo que, segundo o avanzado pola alcaldesa, Lara Méndez, poderán ser instalados na rúa polos hostaleiros da cidade previa solicitude ao concello. "Aínda que non será unha festa de masas, como noutras ocasións, é importante manter o espírito do San Froilán e sen a esencia gastronómica, perderíamos unha importante tradición", sinala a rexedora.