O San Xoán do coronavirus: sen fogueiras nas praias, pero con sardiñadas e celebracións en grupos pequenos

Na Coruña incrementarase o control para impedir o acceso ás praias a partir das nove da noite © Concello da Coruña

Será este un San Xoán atípico, como anómalo veñen sendo case todas as actividades públicas nesta nova normalidade, dende as feiras do libro aos partidos de fútbol, pasando polas tardes de praia. Non veremos as tradicionais imaxes de cacharelas nas praias e prazas, tentaranse evitar as grandes aglomeracións e todas as celebracións deberán respectar estritas medidas de seguridade para evitar posibles contaxios de coronavirus.

Na Coruña as praias estarán pechadas a partir das nove da noite. O Concello recibiu máis de 300 declaracións responsables de locais de hostalaría e de persoas físicas para realizar grelladas na vía pública

A Coruña é habitualmente a cidade que acolle unha maior cantidade de persoas celebrando o San Xoán nas súas praias. O Concello xa deixou claro que iso non será posible nesta ocasión. As praias estarán pechadas a partir das nove da noite e dende a tarde controlaranse os accesos aos areais municipais para impedir que as persoas baixen obxectos relacionados coas cacharelas. Ademais, as cámaras de videovixilancia de Riazor e Orzán – Matadoiro xa están instaladas, e as do resto de areais municipais quedarán instaladas antes do día 24.

Haberá, así mesmo, un dispositivo especial de seguridade en todos os barrios, co obxectivo de controlar que se cumpran as instrucións descritas no bando municipal e a normativa de prevención da Covid-19. Non haberá fogueiras, pero si sardiñadas e churrascadas en numerosos puntos de toda a cidade. O Concello recibiu máis de 300 declaracións responsables de locais de hostalaría e de persoas físicas para realizar grelladas na vía pública. Non estará permitida a música en vivo e tampouco se autorizarán os cortes de tráfico e a ocupación de vías, para así evitar reunións dun número excesivo de persoas, que en todo momento deberán respectar as capacidades máximas permitidas polo Goberno galego.

Semáforo de acceso á praia de Riazor © Concello da Coruña

As fogueiras en espazos públicos tampouco estarán permitidas na Pobra do Caramiñal, onde nun primeiro momento si foran autorizadas

As fogueiras en espazos públicos tampouco estarán permitidas na Pobra do Caramiñal, onde nun primeiro momento si que foran autorizadas. O Concello aprobara a realización de cacharelas na praia de Os Areos, pero a localización dun brote de coronavirus no Barbanza -con casos sobre todo en Ribeira, pero tamén na Pobra- obrigou a finalmente prohibir estas celebracións.

O Concello explica que "aínda que as autoridades sanitarias informan de que o novo episodio está controlado e de que se coñecen os contactos que tiveron as persoas contaxiadas, que se manteñen en corentena e baixo vixilancia, non se pode ter a seguridade absoluta de que ningún caso escapou a ese control". Ao igual que noutras localidades nas que as lumieiras públicas non estarán permitidas, si se autorizan as fogueiras de tipo privado, nas leiras e xardíns das casas, pero tamén estas deben observar os límites de capacidade sinalados pola Xunta e as medidas de prevención de contaxios.

En Compostela, por exemplo, non están permitidas as cacharelas/sardiñadas en terreos públicos, pero si se autoriza a realización de cacharelas/sardiñadas que se leven a cabo en terreos privados

Este esquema repetirase na maior parte do país, con cacharelas privadas permitidas, pero non así as realizadas en espazos públicos. Dependendo dos lugares autorízanse ou non as sardiñadas en lugares públicos. En Compostela, por exemplo, non están permitidas as cacharelas/sardiñadas en terreos públicos, pero si se autoriza a realización de cacharelas/sardiñadas que se leven a cabo en terreos privados, que deben ser previamente comunicadas ao Concello.

Así pois, será un San Xoán moi diferente ao doutros anos, pero haberá cousas que se manterán. E unha delas, bastante importante, serán as sardiñadas (en privado e mesmo en lugares públicos), que coinciden ademais nun ano cunha recuperación das capturas desta especie e con prezos contidos, que facilitarán a organización das grelladas en moitos lugares.

Non sería San Xoán se non houbese sardiñas CC-BY-NC-ND Chiringuito Los Pinares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.