San Xoán: herbas, fogueiras e sardiñas, pero con sentidiño (e respecto ao medio ambiente)

Fogueira de San Xoán CC-BY-SA Alberto García

Concellos e entidades ecoloxistas realizan todos os anos recomendacións para reducir os residuos que fican en praias, leiras e prazas despois das celebracións desta noite

Chega a noite de San Xoán, unha noite curta, de lume e de xoldra. Unha noite de saltar cacharelas e de asar sardiñas na que se dá a benvida ao verán, que comeza este venres. É unha das xornadas máis festivas de Galicia, con celebracións en todas as vilas, aldeas e barrios, unha festa continua que, con todo, deixa ao día seguinte unha imaxe nada positiva en moitos lugares: restos de cinsa e madeira a medio queimar e tamén de lixo, dende botellas e envases, a bolsas de plástico, caixas e papeis.

Dende as administracións locais faise fincapé nos últimos anos en promover fórmulas e iniciativas que limiten a cantidade de residuos que queda ciscada sen recoller. "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión" , sinalan dende ADEGA neste mesmo senso. Dende as organizacións ecoloxistas alértase tamén sobre os efectos prexudiciais que esta celebración pode ter en determinados espazos naturais, sobre todo nas praias. E, igualmente, chámase a atención sobre a contaminación acústica e os riscos xerados polos petardos e outros materiais pirotécnicos. 

Estes son algúns dos consellos que unhas e outras entidades e institucións están a repetir nestes días previos:

  • Acoutar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais.
  • Evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. ADEGA advirte de que mesmo nas praias urbanas existe unha rica biodiversidade que se pon en risco.
  • Usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornables, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza, que se devolve ao remate da noite.
  • Habilitar suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos. A recollida debería facerse pouco despois de rematada a festa
  • Dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsable con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen
No San Xoán, a sardiña molla o pan CC-BY-NC-ND Chiringuito Los Pinares

Nas localidades litorais moitas celebracións teñen lugar nas praias. Este ano a preamar chegará pouco despois das nove da noite, comezando a baixar a partir desa hora, ata a baixamar que chegará ás 3.38 da madrugada. Estes horarios facilitan a organización das cacharelas e fan menos probables os accidentes e a chegada de residuos ao mar.

O San Xoán celébrase en toda Galicia, pero en 42 lugares o luns é festivo local, o que converte este día nun dos máis escollidos polos concellos como festa nos seus calendarios laborais (aínda que en dous concellos, Ponteareas e A Pobra de Brollón a celebración é polo Corpus). Por suposto, é festivo na Coruña, onde decenas de miles de persoas volverán ocupar as praias da cidade, pero tamén en Carballo, Ames, Culleredo, Oleiros, Narón, Muros, Noia, Sarria, Nigrán, Boiro, Arzúa ou Caldas de Reis.

Na cidade herculina, ademais, este ano súmase ao San Xoán a posibilidade de que o Deportivo ascenda a Primeira División. O partido de volta da súa eliminatoria contra o Mallorca comeza ás nove da noite e rematará algo antes das once. Será ese o momento no que comecen (ou recomecen) as celebracións de San Xoán, que se mesturarán (ou non) coas futbolísticas. De gañar a eliminatoria, o equipo podería chegar á cidade sobre as 3 da noite, o que estendería a festa ata longas horas da madrugada.

No ano 2020 a Xunta decretou que o 24 xuño sexa festivo autonómico (xunto co 19 de marzo, san Xosé). Será polo tanto non laborable en toda Galicia.

Restos do San Xoán na praia do Orzán CC-BY-SA Carlos de Paz
Noite de San Xoán na praia de Riazor e Orzán CC-BY Jose Luis Cernadas Iglesias
Festival de San Xoán, en Compostela © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.