As Festas do Apóstolo da 'nova normalidade': formatos reducidos e homenaxe ao persoal sanitario no pregón

Cartel da edición 2020 das Festas do Apóstolo © Concello de Santiago

Haberá un recordo especial ás vítimas do coronavirus e tamén aos colectivos profesionais que tiveron un papel máis destacado na primeira liña de loita contra a pandemia

A pandemia de coronavirus non impedirá a celebración das Festas do Apóstolo. Haberá festas, cos seus tradicionais concertos, os fogos da noite do 24 e o seu pregón, entre outras actividades, pero non serán normais. Será un Apóstolo da nova normalidade, con formatos reducidos e medidas de seguridade para previr posibles contaxios. Ademais, aínda que todos os concertos serán de balde, será obrigatorio facer unha reserva previa para poder controlar así a capacidade dos espazos e o seu acceso.

Serán, ademais, unhas celebracións nas que haberá un recordo especial ás vítimas do coronavirus e tamén aos colectivos profesionais que tiveron un papel máis destacado na primeira liña de loita contra a pandemia, como o persoal sanitario, a Policía ou as traballadoras e traballadores de supermercados ou distribución. 

Luís Pardo e Gonzalo Muíños, na presentación da edición 2020 das Festas do Apóstolo © Concello de Santiago

O pregón

Aínda que todos os concertos serán de balde, será obrigatorio facer unha reserva previa para poder controlar así a capacidade dos espazos e o seu acceso

As Festas comezarán este venres 17 e finalizarán o 31 de xullo. O pregón deste venres quere ser unha homenaxe tanto ás persoas que sufriron máis directamente a enfermidade, coma a estes colectivos profesionais. "Queremos render homenaxe a todas as vítimas do coronavirus e tamén a todos estes colectivos que tan importantes foron e seguen sendo nestes meses de pandemia para garantir a nosa saúde, a nosa seguridade e o noso benestar. Todo isto mesturado con humor, que tanto nos fai falta nestes momentos", explicou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños.

Na noite do 24 manteranse os tradicionais fogos do Apóstolo, pero nesta ocasión lanzaranse dende oito puntos distintos da cidade

Ás 21 horas comezará o espectáculo O recuncho da comedia, con Rober Bodegas, Javier Veiga e David Amor. Cando rematen, comezará o pregón, conducido polo xornalista Luis Pardo, e no que intervirán tamén unha enfermeira e unha persoa que pasou o Covid-19. Xunto a eles, nos balcóns, estarán representantes de Protección Civil, Policía Nacional, Policía Local, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros, Cruz Vermella, persoal sanitario, Servizos Sociais, Parques e Xardíns, Servizo de Limpeza, persoal de supermercados e de distribución e medios de comunicación.

Na noite do 24 manteranse os tradicionais fogos do Apóstolo, pero nesta ocasión lanzaranse dende oito puntos distintos da cidade, o que "permitirá ver unha estampa especial da cidade esta noite do 24 de xullo", destacou Muíños, que fixo un chamamento a "evitar as masificacións na rúa".

Concertos

A praza da Quintana e o parque de Galeras acollerán boa parte dos concertos programados. Os de maior tamaño terán lugar na Quintana, por onde pasarán Nakany Kanté (venres 17), Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18), Broken Peach (domingo 19), A Banda da Loba (martes 21), TéCanela (mércores 22), Najla Shami (xoves 23), Gaizka Project (venres 24), Xacobe Martínez Antelo Trío (luns 27), Nastasia Zürcher (martes 28), Germán Díaz & Benxamín Otero (mércores 29) ou Ortiga (venres 31).

A praza da Quintana e o parque de Galeras acollerán boa parte dos concertos programados

Mentres, en Galeras actuarán A Banda de Nash, Mad Martin Trío, Lou Reyes & The Rockin Corsarios, o espectáculo familiar Pirilampo, a función teatral de Teatro del Andamio, o monologuista Oswaldo Digón, Colt 45, Andhrea & The Black Cats, Escuchando Elefantes, Agoraphobia, as proposta familiares de Uxía Lambona ou Na Casa de Caramuxo Teatro, o monólogo de Pablo Meixe & Danny Boy Ribera, Triska ou The New Raemon.

Finalmente, tamén o parque de Bonaval acollerá concertos e espectáculos de danza e performances; alí estarán Antía Muíño, 16 mm, Thesaurus, Marcelo Dobode, MounQup ou Ukestra. Na Alameda poderase desfrutar sobre todo de propostas para toda a familia, especialmente de circo. E no parque de Eugenio Granell haberá un ciclo de cine ao aire libre. 

A entrada será de balde en todas estas actividades, ás que haberá que acudir cunha antelación de 30 minutos e coa máscara, que será obrigatoria. Iso si, para todas elas será necesario facer unha reserva a través da web reservas.gal para así ter un control dos aforos e poder garantir as distancias de seguridade.

Cartel da edición 2020 das Festas do Apóstolo © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.