“Por costura entendo zurcido, cicatriz, remendo. Estamos nun momento de remendar todo o que hai que remendar”, di Guadi Galego sobre o seu novo disco, Costuras. Un traballo rematado durante o confinamento que convida a reflexionar sobre o mundo que queremos.
Costuras é o nome do quinto disco de Guadi Galego. Remite a retallo, zurcido, cicatriz. Aos remendos cos que imos tecendo a tea da vida. Que son tamén parches que, se cadra, algún día teriamos que pensar en reemprazar por mudanzas reais. Mais, mentres, podemos ir pensando en sentir e vivir. En confiar nos demais, en construír comunidade. Tendo esperanza. Camiñando cara unha maior liberdade. A todas estas ideas remite este traballo, do que falamos coa súa autora.
Costuras é o nome do disco. A que se refire a metáfora?
Cando buscas o título dun disco pregúntaste por onde queres ir, de xeito que represente o momento no que estás. Por costura entendo zurcido, cicatriz, remendo. Estamos nun momento de remendar todo o que hai que remendar. As costuras son ademais o que permite compoñer un abrigo feito de anacos de tea.
Co de remendar refíreste ao que habería que mudar cando pase a crise da covid?
Si, porque nos permitiu ver máis claramente que isto está mal montado. E o que estamos a facer é poñer parches.
É un disco máis electrónico. Nótase por exemplo no tema Só con amor. Foi algo buscado, non?
“Queriamos unha mestura entre un son electrónico e orgánico. Algo non asociado a un xénero concreto”
Si. Forma parte do obxectivo do disco. Foi algo pensado. Queriamos unha mestura entre un son electrónico e orgánico. Algo non asociado a un xénero concreto. É electrónica, pero unha electrónica tocada, que ten como máis vida.
Menos de máquina, entón. Hai teclados, algo de corda…
Hai un piano acústico, percusión e guitarra. E sintetizador.
Só con amor leva un poema de Marina Oural. Xa a coñecías?
Si, é unha amiga miña. O seu poema encaixábame moi ben coa temática do disco. Nun principio ía ser cantado, pero despois decateime e que ao recitalo ela collía máis transcendencia. Así que acabou tendo unha parte recitada e outra cantada.
Neste tema e en Canción popular hai voces infantís. Por que?
En Canción popular, que fala da miña infancia, da miña vila, da casa onde nacín, está a voz da miña filla, que representa a miña voz de cando era nena. En Só con amor están os meus fillos, Tiago e Carme, e o meu sobriño Mateo, todos apelidados Abal. Representan unha voz do presente que nos leva ao futuro, a través desa idea de que avanzamos só con amor. As palabras collían máis peso coas voces das crianzas, ademais de gañar a súa frescura.
No disco hai bastante luz. O sol, por exemplo, é unha imaxe repetida. O que ha chegar parece unha canción de esperanza.
“O que ha chegar é un canto á resiliencia. Porque de todo se pode aprender, tamén do malo”
O que ha chegar é un canto á resiliencia. Porque de todo se pode aprender, tamén do malo. Fala do soño que ha chegar na noite de San Xoán, co inicio do novo ciclo. É unha canción esperanzadora, si. Nese sentido, Mesta néboa e Liberdade ambigua están relacionadas con O que ha chegar e con Só con amor. A néboa, a escuridade, a pregunta de onde está a miña liberdade e remata a túa e onde está a túa e remata a miña. Se eu non podo saír, por que ti si? A liberdade é relativa porque formamos parte dun sistema que nos marca desde que nacemos. Non é o mesmo nacer en África que no Primeiro Mundo, aínda que ambos teñan cousas boas e malas. A covid é unha oportunidade para revisar o contrato que temos coa vida, en que consiste e que debemos mudar nel.
Velutinas fala de saír de algo…
Fala de toxicidade, de persoas tóxicas, en distintos aspectos. De como nos marca o tóxico e de como podemos saír diso. As velutinas son símbolo diso, de toxicidade, de invasión.
De todas maneiras, como no resto dos teus discos, as letras son abertas e a impresión que dá é que a idea é que cadaquén as interprete como queira.
Esa é a chave, precisamente. Por iso non me gusta falar moito das letras. Quero que cada persoa as leve á súa vida, que as faga propias. As imaxes poden representar para cada un aspectos distintos da súa vida.
Carlos Abal compuxo contigo… Que cancións?
Costuras é del e en Velutinas e Mesta néboa compuxemos entre os dous a letra e a música.
Paula Grande colabora como cantante. Tamén a coñecías de antes?
Si, é tamén unha amiga. Colabora en O que ha chegar.
A poeta Antía Otero recita en Zocos. Como no caso de Marina, quixeches a súa voz.
E penso que é o meu momento preferido do disco. Cadrábame moi ben con Zocos ese poema de O Cuarto das Abellas de Antía Otero. Ese concepto de liberdade, de non morrer sen vivir intensamente, que é ao que me remiten os zocos. Comungo plenamente co que di o poema.
E Cólico? Tamén fala de afastarse.
Pois cólico fala dun cólico. Danme cólicos de cando en vez. E teño que pensar como saír diso sen asaltar demasiado a lacena dos remedios. Entendo que poida parecer que a canción fala de desamor, mais por iso puxen Cólico de título. Normalmente non falamos moito da dor. E cando algo che doe moito encoméndaste ao que sexa. Váleche calquera cousa.
Creo fala de rebeldía e de crer nas persoas. Xunto coa idea de sentir e vivir, podería resumir o sentido xeral do disco.
“É crer nas persoas, sentir e vivir, falar e escoitar, non pensando desde o eu, senón da comunidade”
Si, é crer nas persoas, sentir e vivir, falar e escoitar, non pensando desde o eu, senón da comunidade. É como un diálogo de tópicos que me permite nomear o que quero: creo en ti e estás aí, que é o importante. Son moitas imaxes que para min teñen un significado especial. Vou acompañarte porque creo en ti…
Mesta néboa era a escuridade…
Si, pero relacionada coa pandemia. Camiñar coas máscaras, separados… Teremos que aproveitar, despois, para facer autocrítica como sociedade e ver cara onde queremos ir. Temos moito que falar.
A portada pódese rascar e sae debaixo o deseño de Ricardo de Barreiro.
Si. Estamos ofrecendo un disco, un produto que cada vez se vende menos. Mais facemos algo especial que se pode rascar, deixar como está, aproveitar para facer un deseño… En todos os meus discos había algo especial na portada que tento que represente o que son.
Supoño que tal como está a situación non tes datas para a xira.
Estamos agardando a ver como queda a situación, a ver se se move algo… Os discos hai que tocalos en directo.
Mais este é bastante intimista. Pode cadrar ben con públicos reducidos.
Ben, nós nunca imos ser de mover masas, mais o directo vai ter moita enerxía. O mesmo pasaba no directo cos discos anteriores. O disco achega cousas que non se poderán sentir nun concerto e ao revés. Son cousas distintas.
A produción é de Olivera Estudi.
Si, e é moi importante. O concepto artístico é meu, pero está totalmente ligado á súa forma de traballar. Son Vic Mulina e Pau Brugada.