Guadi Galego presenta ‘Immersión’: un disco de “catarse emocional” para situar as linguas peninsulares “á altura dos afectos”

Guadi Galego, nunha imaxe promocional de 'Immersion' © Carlos Abal

“Un disco de catarse”. Onde a clave é “inspirar emoción, sexa na lingua que sexa”. Así define Guadi Galego o seu novo disco, ‘Immersión’. Un mergullarse ata o fondo do seu propio traballo dos últimos anos. Unha revisión de once temas dos seus tres anteriores discos, máis un inédito, cantados en sete linguas peninsulares diferentes: castelán, galego, asturiano, euskera, catalán, portugués e occitano-aranés. Que non é unha ducia de duetos, senón que vai máis alá, para propoñer novas versións dos temas. Porque cada persoa que colabora achega a súa persoal interpretación dos mesmos. “As cancións están máis ao servizo ca ao meu”, asegura Guadi.

“Immersión’ comezara a xestarse xa cando nacera tamén ‘Bóla de cristal’, a terceira entrega da triloxía que comezara con ‘Lúas de outubro e agosto”

‘Immersión’ comezara a xestarse xa cando nacera tamén ‘Bóla de cristal’ (2018), a terceira entrega da triloxía que comezara con ‘Lúas de outubro e agosto’ (2014) para continuar con ‘O mundo está parado’ (2016). Entón “xa tiña temas para facer un disco enteiro”, lembra Guadi. Mais precisou facer unha parada no camiño para ollar atrás. “Unha revisión ao minimalismo, máis adicada á canción”, precisa. Nun principio, ía ser un traballo moi acústico, para dous instrumentos. Mais acabou sendo algo máis complexo, cunha instrumentación ampla e variada e distinta para cada tema. Nun disco “de cancións”, sen desenvolvementos requintados. 

E con texturas tan salientables coma por exemplo a de ‘Balada de verán’, tema que conta con versión en galego e en castelán e que Guadi comparte con Lisandro Aristimuño e cun moi recoñecible Germán Díaz. Porque entre os colaboradores non hai só cantantes -Álex Ínsua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Iván Ferreiro, Silvia Quesada, Alidé Sans, Lisandro Aristimuño, Mikel Urdangarín, Andrés Suárez, Ana Bacalhau, Sisters In The House e Xabier Díaz- senón tamén músicos -coma o propio Germán Díaz, ou Abe Rábade, Clara Peya como pianista e Javier Otero-. Os criterios da escolla -sinala Guadi- foron “a admiración, a amizade, a afinidade e o amor”. A algúns non os coñecía persoalmente, aínda que seguía o seu traballo. A outros si os coñecía, mais non tiña moita relación. E outros eran amigos e compañeiros de anos atrás.

“Os criterios da escolla de colaboradores -sinala Guadi- foron “a admiración, a amizade, a afinidade e o amor”

O disco foi tamén, nese sentido, unha viaxe de ida e volta por moi diversos puntos da xeografía peninsular. E esta diversidade, como a lingüística, foi algo moi buscado. Xunto ao portugués ou o castelán, sitúanse as linguas minorizadas. O obxectivo -explica- “era poñer as linguas á altura dos afectos, e non en función do número de falantes”. O cal convida tamén á reflexión sobre a escolla de idioma á hora de facer música. Que Guadi vincula, precisamente, aos afectos. O cal non implica necesariamente que se trate, en cada caso, da lingua materna de cada colaborador. De feito, nalgúns casos non é así. E exemplo diso é ‘Cedeira’, que Guadi comparte con Iván Ferreiro. “O galego non é a súa lingua materna, pero eu sei que el quere o galego. Cando llo propuxen, dixo que claro que si”, lembra.

Guadi Galego © Carlos Abal

Tamén en ‘Baladas de verán’, o tema inédito do disco, Guadi leva cara ao galego ao arxentino Lisardo Aristimuño. “É mellor non mollarse nestas cousas” -di Guadi- mais confesa a súa predilección por temas coma ‘Baladas’, que conta cun vídeoclip. “Está dedicado a unha amiga miña, e fala de moitas de cousas dela e de moitas de nós. É unha catarse, un saber que somos seres imperfectos, pero que sempre sae o sol para que poidamos reconstruírnos. Así, todo o que pasa, incluso o malo, axúdanos a seguir medrando”, apunta.

Nese sentido, tamén o texto de Tati Moyano que se inclúe no disco fala de unión, de amizade entre mulleres, de sororidade. Un tema que leva tamén a ‘Matriarcas’, unha das máis coñecidas cancións de Guadi, e que en ‘Inmersión’ presenta unha cara moi renovada, con Ana Bacalhau e Abe Rábade. “Unha versión” -segundo Guadi- “moi arriscada que para min é unha obra de arte. Mais entendo que poida soar estraña, porque a ‘Matriarcas’ coñecida é máis pop e máis asequible nese sentido”. Nese sentido, haberá temas que poidan convencer ou gustar máis ca outros, mais entre todos hai unha coherencia.

Outro tema especial para Guadi é ‘Tribua’, a versión de ‘Tribu’ do disco ‘O mundo está parado’. Unha letra sobre o social, o político, sobre os problemas da tribo humana coma a guerra, a emigración ou o rexeitamento aos refuxiados. Unha canción “que pasara un pouco desapercibida, un pouco diluída, entre outras do disco”. Un dos exemplos de como se pode “traspasar a barreira do idioma”, conservando a “potencia da letra”. ‘Tribua’, en euskera, é unha colaboración con Mikel Undargarín e Javier Otero.

“Outro tema especial para Guadi é ‘Tribua’, a versión de ‘Tribu’ do disco ‘O mundo está parado”

Outro exemplo do mesmo, da moi acertada adaptación a unha lingua nova, é ‘Cantar para ver’, en asturiano, con Silvia Quesada e Alfredo González. Cantar en varias linguas -os cambios na acentuación, a prosodia…- non supuxo, porén, un problema para Guadi. Aínda que, curiosamente, a que máis lle custou foi ‘Matriarcas’, en portugués. Cuestión de mudanza de sotaque. Para remarcar, precisamente, os cambios, os títulos dos temas introducen pequenas mudanzas respecto ás versións orixinais. 

A parte gráfica é tamén moi importante neste disco, presentado en formato Digibook con 32 páxinas, con fotos e textos, e que leva debuxos de Leandro e fotos de Carlos Abal e Tiago Cribeiro. “A xente dubida, ao ver a capa, se é de Leandro. Porque é monocromo, e acuarela”, comenta Guadi. “Unha capa esperanzadora, luminosa…”, di. E con fotos cheas de símbolos, e de detalles coma os peixes mergullados. O directo -adianta Guadi- será máis íntimo que o disco. E comezará co primeiro concerto, o día 15 de novembro ás 21:30 na Sala Capitol, en Santiago.

“O directo -adianta Guadi- será máis íntimo que o disco. E comezará co primeiro concerto, o día 15 de novembro ás 21:30 na Sala Capitol, en Santiago”

‘Immersión’ é, ao cabo, un “resumo”, en canto a contidos, dos tres discos anteriores. ‘Lúas’ era -Guadi sempre o explica nas entrevistas- o estourido hormonal da maternidade. ‘O Mundo’ era a aterraxe de novo nun mundo cheo de problemas. E ‘Bóla’ era un ollar ao futuro, ao mundo desexado. A escolla dos temas de ‘Immersión’ pode facer pensar nunha continuidade desta terceira liña. A da esperanza. “O disco é un agasallo que me fago a min mesma e ás miñas fillas” -indica-. Unha ollada ao mundo e a si mesma, a través da colaboración con outros artistas. O disco está gravado con varios músicos que forman unha banda distinta para cada tema. E un dos toques que dan ás cancións é o electrónico, mais tratado dun xeito “sutil”, como ela mesma di.

“Volverá ser un traballo para saborear, para apreciar, e onde esixirá un chisco do ouvinte”, agoiraba Pepe Cunha sobre ‘Immersión’ no seu libro ‘Guadi Galego. Pola beira da canción”

“Volverá ser un traballo para saborear, para apreciar, e onde esixirá un chisco do ouvinte”, agoiraba Pepe Cunha sobre ‘Immersión’ no seu libro ‘Guadi Galego. Pola beira da canción’ (Embora), publicado recentemente. A análise que Cunha realiza nesta obra sobre a traxectoria de Guadi axuda a contextualizar e entender mellor ‘Immersión’, que supón un chanzo máis da etapa que a compositora e cantante cedeirense iniciara con ‘Lúas de outubro e agosto’, tras proxectos coma Espido, Nordestin@s e aCadaCanto e o disco ‘Benzón’, e que ela mesma definiu como de “canción pop de autora”.

Coa publicación de ‘Lúas’ -explicaba Cunha- “a que para boa parte de público seguía sendo ‘a cantante de Berrogüetto’ e, máis aínda, unha referente do noso panorama tradicional-folk, presentábase cun disco de pop de autor, todo un cambio na súa traxectoria”. E, tal como dicía Uxía sobre esta mudanza nunha das moitas entrevistas sobre o traballo de Guadi recollidas en ‘Pola beira da canción’, “ela nunca se acomodou. Foi buscando novos retos, novas sonoridades. Algo que permanece. O deixarse guiar pola súa intuición, polo seu corazón. Todo o que sae de aí soa a verdadeiro. Bebeu tanto da música tradicional que a ten dentro, e o seu pop sofisticado contén esa esencia”.

Despois de ‘Lúas’, do que ‘Immersión’ recolle por exemplo a coñecida ‘Mergullei’ para facela ‘Inmersión’, chegou ‘O mundo está parado’, do que ‘Inmersión’ inclúe ‘O privilexio é soñar’, que reconverte en ‘Privilegio’, cantada con Vega; ou ‘Vas cara arriba’, que se transforma en ‘Vas entá naut’, con Alidé Sans. Dicía Pepe Cunha no seu libro que o carácter “un pouco máis íntimo e un chisco sisudo, o que ás veces pode ser un pouco máis ingrato para o público, non impediu que funcionase moi ben. E co paso do tempo apréciase se cadra máis cada unha das cancións”.

Nunha entrevista en Praza.gal realizada con motivo da publicación deste disco, Guadi dicía que ‘O mundo’ era máis “pop” ca ‘Lúas’ a nivel de concepto -en ‘Lúas’ albiscábase o folk-, malia que ela non cre “nos xéneros”. Mais si que era -recalcaba- un disco máis sofisticado a nivel de sonoridade. Tamén había en ‘O mundo’ , -sinalaba Cunha-, unha crítica social “importante”, máis clara en temas coma ‘Tribu’ ou ‘Cedeira’, presentes con outra cara en ‘Inmersión’. E unha maior instrumentación que en ‘Lúas’, requirindo “máis complicidade, máis atención, repouso”, coma, probablemente, require ‘Immersión’.

Guadi Galego © Carlos Abal

A terceira entrega da triloxía chegou con ‘Bóla de cristal’, o ‘E.P’ no que se incluían ‘Fronteiras’ ou ‘Recoñecéndome’, ambas presentes tamén en ‘Immersión’ como ‘Fronteres’, con Judit Neddermann e Clara Peya, e ‘Renocociéndome’, con Andrés Suárez. “Son cinco temas con poucos elementos e eses poucos elementos son os que había para levar as cancións a bo porto”, dicíalle Pachi García entón a Pepe Cunha. E quizais ‘Immersión’ siga, en parte, por ese camiño, debido á súa instrumentación sen desenvolvementos moi complexos.

Polo demais, non é tampouco en ‘Immersión’ a primeira vez que Guadi se rodea de colaboradores, como fixera no seu primeiro disco en solitario, ‘Benzón’, no que -sinalaba Pepe Cunha- convivían o tradi, o pop de autor e o jazz contemporáneo. Polo que o posterior paso ao pop non foi, tal como remarca tamén Cunha, unha mudanza tan grande. E tamén ‘aCadaCanto’ e ‘Espido’ foron froito da colaboración, con Xabier Díaz e Guillermo Fernández, en concreto.

“Mais a querenza polo pop viña, quizais, xa de antes. Xabier Díaz, entrevistado por Pepe Cunha en ‘Pola beira da canción’, asegura que a aposta polo pop non o sorprendeu, pois “hai moito diso en ‘Sesestrelo’ de Berrogüetto, por exemplo”

Mais a querenza polo pop viña, quizais, xa de antes. Xabier Díaz, entrevistado por Pepe Cunha en ‘Pola beira da canción’, asegura que a aposta polo pop non o sorprendeu, pois “hai moito diso en ‘Sesestrelo’ de Berrogüetto, por exemplo. Había temas en Berrogüetto con esa pequena pelexa coa dinámica e traxectoria da banda. O seu vector estaba a empuxar nunha dirección moi clara e iso foi enriquecedor para a banda, unha banda de folk cunha música instrumental autoral brutal e Guadi aproveitaba para envolver cancións que podían estar en ‘Lúas’... ou ‘Espido’.

Sorprendéronme todos os capítulos anteriores. A partir de Berrogüetto cada entrega, cada disco, se convertía nunha nova sorpresa”. Ugia Pedreira, de aCentral Folque, opina de forma semellante tamén neste libro. “O do pop tampouco me causou surpresa” -di-. “Já me parecia pop Berrogüetto e a maneira de compor de Guadi”. Polo que non hai, quizais, máis que coherencia. Como a hai entre ‘Immersión’ e os tres anteriores discos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.