“Amar não é feio. O feio é não amar. Levanten a bandeira do amor”. Dicíao a cantora, compositora e multiinstrumentista brasileira Bia Ferreira no Cantos da Maré, e o público, entregado, cantaba con ela. Referíase ás orientacións sexuais non normativas -o Brasil é o país do mundo no que máis persoas LGBTI son asasinadas, lembrara antes-, mais a súa mensaxe podería condensar ben, máis alá diso, o que foi o espectáculo Enredadas -no que ela foi unha das convidadas- e en xeral todo o Cantos na Maré: amor á diversidade. Que, cada vez máis, traspasa a lusofonía para acoller tamén músicas doutras familias lingüísticas. Como demostrou este ano a actuación da inclasificable creadora catalá Clara Peya: jazz, pop ou electrónica para convidar a superar o amor romántico como construción social e cultural e camiñar cara a relacións afectivas máis horizontais, menos xerarquizadas en favor da parella.
O Enredadas, en formato especial para o Cantos na Maré, pechou a que foi xa a quincuaxésima edición deste festival pontevedrés
O Enredadas, en formato especial para o Cantos na Maré, pechou a que foi xa a quincuaxésima edición deste festival pontevedrés. Nun auditorio do Pazo da Cultura, como é de costume neste encontro, ateigado, Uxía, Ugia Pedreira, Carmen París, Martirio, Bia Ferreira, Assa Matusse e Livia Mattos conectaron enseguida cun público que non deixou de participar. Mesmo cando a canción rematara e as artistas xa deixaran o escenario, como pasou despois do dúo Carmen París-Livia Mattos. Entre os momentos máis emocionantes, poderían destacarse o dúo Martirio-Ugia Pedreira coa súa interpretación de ‘La bien pagá’ ou a homenaxe a Amália Rodrigues coa versión da ‘Estranha forma de vida’ de Uxía e Martirio. Mais houbo momentos para a intensidade, para unha diversión coas emocións menos a flor de pel e para todo tipo de sensacións e discursos. Unidos por un sentido de empoderamento das mulleres e de celebración da sororidade.
Entre os momentos máis emocionantes, poderían destacarse o dúo Martirio-Ugia Pedreira coa súa interpretación de ‘La bien pagá’ ou a homenaxe a Amália Rodrigues coa versión da ‘Estranha forma de vida’ de Uxía e Martirio
Comezara Carmen París con ‘En mi pecho’, radical transformación, tal como ela mesma explicou, dunha jota sobre “valentes” que matan “fieras” nun delicado tema de lembranza de momentos de felicidade. Seguiu con ‘Todo es pena’, canción de desamor desgarrado que convenceu xa o público, que a aplaudiu moito, nada máis iniciarse o Enredadas.
Chegou a seguir Martirio, que se confesou “entregaíta” á música galega e disparou a emoción do ambiente cunha inesquecible interpretación de ‘María la Portuguesa’. Case sen deixar ao público tomar folgos de novo, Ugia Pedreira e Martirio entraron con ‘La bien pagá’. E algún toque de humor de Ugia facilitou a transición entre eses primeiros momentos tan intensos -que parecían xa difícil de superar- e o seu seguinte tema. Enredadas, explicou xusto antes, é unha escola de aprendizaxe para todas as súas participantes, e para ela ademais un xeito de curar feridas nunha sociedade enferma. Música para, como dicía a súa letra, poder ficar cando todos os ósos din que corras.
Martirio, que convidou os políticos a poñerse de acordo, cantou con Carmen París ‘Yo vengo a ofrecer mi corazón’ antes de compartir con Uxía a fermosísima interpretación de ‘Estranha forma de vida’
Ugia presentou á “cómplice”, “enguedelladora”, lianta no bo sentido e “malandra” das tabernas Uxía, a súa tocaia. Entre as dúas interpretaron a ‘Danza da lúa en Santiago’ de Lorca, antes da volta de Carmen París ao escenario, que apostou pola copla con ‘Savia nueva’, na que enredou a Uxía. Martirio, que convidou os políticos a poñerse de acordo, cantou seguidamente con Carmen París ‘Yo vengo a ofrecer mi corazón’ antes de compartir con Uxía a fermosísima interpretación de ‘Estranha forma de vida’. Tras o subidón emocional, chegou a mozambicana Assa Matusse, coa súa enerxía contaxiosa, que só precisou uns intres para poñer a cantar con ela a todo o patio de butacas do Pazo da Cultura. O ton de alegría e comuñón seguiu de inmediato con Livia Mattos, que invocou o “incrible poder” da comunidade, de “cantar xuntos”, en momentos nos que tanto cómpre a resistencia, como o que está a vivir a Amazonía. Acompañárona Carmen París e, nos retrousos, todo o público.
Bia Ferreira deu continuidade despois ao ton máis reivindicativo do Enredadas cos seus temas, cos que trata, dixo, de “educar” contra o racismo e o odio ás persoas LGBTI. Sinxeleza e virtuosismo -como a da banda que acompañou todo o Enredadas, formada por só dous músicos, Marcos Teira e Sérgio Tannus- seguiron a convencer o público, que se preparou ademais así para a volta do volcán Ugia Pedreira, que compartiu con Carmen París o coñecido ‘Tris Tras’ de Marful, co famoso verso “se non che chega este mundo, faite astronauta”. Un tema sobre sobre mulleres sabias, redondas, coloradas, loucas… como ela mesma o recordou. Sobre mulleres valentes e sensibles. Sobre mulleres irmandadas. Coma as protagonistas doutro tema ben coñecido, mais desta volta de Uxía: ‘As mulleres cantan xunto ao mar’, que Uxía compartiu con Livia Mattos e, unha vez máis, con todo o público.
Chegaron despois a despedida a os agradecementos: a Arturo Vaquero, no son, a Alberto Casas, na iluminación, a Carlos Alonso na escenografía, ao Concello de Pontevedra, a Agadic e a todos os patrocinadores, a todo o equipo organizador do festival. Mais houbo, por suposto, bises, e o festival non rematou realmente ata que todas as artistas compartiron co público o himno de Cantos na Maré.
Foran tres xornadas intensas -o Cantos na Maré mudou xa o ano pasado o seu formato para estender a súa actividade durante varios días- nas que o público celebrara especialmente espectáculos coma o da caboverdiana Mayra Andrade, o sábado á noite, ou o vitalísimo e xoguetón concerto de mediodía do domingo de da cantora de jazz portuguesa Maria João co pianista brasileiro Pablo Lapidusas, que puxeron o público en pé varias veces, ademais de arrincarlle máis dunha risa. Maria João exhibiu a incrible versatilidade da súa voz, así como a súa simpatía e capacidade de improvisación.
Moita maré, con diversas procedencias xeográficas e estilos musicais. E que veñan, polo menos, quince anos máis
Mais o Cantos na Maré mostrara xa antes unha moi notable variedade, cunha programación que se despregou en varios escenarios da cidade de Pontevedra, ademais do Teatro Principal -sede dos concertos de Maria João e Clara Peya- e o Pazo da Cultura. A Praza da Pedreira acollera, no escenario Fest Galicia, as actuacións de Laura Lamontagne, Vivi Pozzebón, DJ Mil e Mohammed Yahya, Paula Docampo DJ, o Coro da Mariña, Zetia Irevire, Lord Sassafras DJ, Terra Fértil, NaPalma ou Brazil Dub, entre outras actividades. O Museo de Pontevedra acollera outras propostas como o ‘Camiños’ de Magín Blanco, o ‘Apatacón’ de Vero Rilo e Faia Díaz, un recital poético de aRi(t)mar, un pequeno concerto de Brais González ou a performance ‘Melancholemia’ de Antón Reixa, ademais de servir de punto de chegada do roteiro pola cidade con Xurxo Souto. Na Libraría Paz presentáronse, así mesmo, os libros ‘Sindo de Olelas’ de Xurxo Souto e ‘Guadi Galego: pola beira da canción’, de Pepe Cunha. Moita maré, con diversas procedencias xeográficas e estilos musicais. E que veñan, polo menos, quince anos máis.