Cantos na Maré presenta a súa edición máis internacional e estendida pola cidade de Pontevedra

Unha das actuacións de Cantos na Maré o pasado ano © Cantos na Maré

Cantos na Maré celebra este ano a súa 15ª edición cunha programación marcada pola distinta procedencia das e dos artistas e pola diversidade nas actividades previstas, que se estenderán por toda a cidade de Pontevedra. O festival, que se desenvolverá entre o venres 13 e o domingo 15, ofrecerá máis de 20 concertos de artistas de 8 países, con actuacións que terán lugar no Pazo da Cultura, Teatro Principal, Praza da Pedreira, Museo de Pontevedra, Libraría Paz e todo o Casco Vello.

O festival celebra o seu 15º aniversario

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia coa Lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación, incluíndo músicas do mundo procedentes de todo o planeta, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía. Ademais, o evento inclúe outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza, distribuídos por distintos puntos da urbe, promovendo "a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade".

Na programación destacan Mayra Andrade, Enredadas, Clara Peya, Maria João, Antón Reixa, Bia Ferreira ou Assa Matusse

Os dous grandes concertos do Pazo da Cultura serán protagonizados pola estrela caboverdiana Mayra Andrade (sábado 14), abandeirada do pop tropical, que vén de lanzar o seu quinto álbum, ‘Manga’, en crioulo e en portugués; e as encargadas de pechar o festival o domingo 15 serán Enredadas, o proxecto que aúna o jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira ao que se unirán outras voces da Lusofonía. 

O Teatro Principal acollerá o domingo dúas interesantes propostas ligadas ao jazz: Maria João (Portugal) acompañada de Pablo Lapidusas, e a catalá Clara Peya, pianista e compositora, considerada unha das creadoras máis orixinais e únicas que apareceron nos últimos tempos na escena peninsular. 

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia coa Lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis. incluíndo músicas do mundo procedentes de todo o planeta

Outro dos espazos é en pleno Casco Vello, na Praza da Pedreira, onde se poderán gozar as propostas máis arriscadas e urbanas dirixidas a un público máis novo: desde Brasil Bia Ferreira, Brasil Dub e NaPalma. Mohammed Yahya e Assa Matusse desde Mozambique. E desde Galicia Laura Lamontagne, As Cantigas de Elena, Cantos de Taberna, Zeltia Irevire, Coro da Marinha, Do Fondo da Barra e DJ Mil.

Ademais, o Museo de Pontevedra acollerá outro ano máis varias actividades de balde para todos os públicos: narración oral con Vero Rilo e Faia Díaz; un concerto familiar con Magín Blanco, que presenta “Camiños”; roteiro pola colección do Museo e concerto posterior ao piano con Brais González; performance “Melancoholemia” de Antón Reixa; e dous filmes do ciclo “Cinemaré”.

Así mesmo, a Libraría Paz acollerá a presentación de dúas novidades literarias relacionadas coa música: o venres 13 ‘Sindo de Olelas’, coa presenza do seu autor, Xurxo Souto; e o sábado 14 ‘Guadi Galego, pola beira da canción’, coa presenza do autor, Pepe Cunha, canda a cantora Guadi Galego e os xornalistas Teresa Cuíñas e Carlos Crespo. 

Xurxo Souto protagonizará un ano máis un singular roteiro musical pola cidade

Finalmente, Xurxo Souto protagonizará un ano máis un singular roteiro musical pola cidade. Un roteiro que converxerá nunha encrucillada de acordeóns e nun cruce de sons que levará os asistentes a varios países do mundo. Desde a tradición pontevedresa dos acordeóns de Diosiño ou de Poceiro -que chegou montar en Italia unha fábrica deste instrumento- pasando polas concertinas, sinal de identidade inconfundible do Portugal Minhoto, sen esquecer os ritmos da sanfona nordestina brasileira.

A programación completa pódese consultar na web do festival. E as entradas para os concertos pódese adquirir a través da rede igualmente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.