"A animación é unha das maneiras máis poéticas de falar da realidade"

Fotograma da película de animación 'Decorado', de Alberto Vázquez © Abano Producións / Uniko

"É un espello da sociedade, funciona como fábula sobre o sentido da liberdade e da vida. E creo que a sociedade é incluso peor que o que se conta no filme", di Alberto Vázquez sobre 'Decorado', xa en cines

"Arnold é un rato de mediana idade atrapado nunha crise existencial. O seu matrimonio se desmorona, a súa vida parécelle absurda e comeza a sospeitar que todo ao seu arredor é unha gran farsa. Cando o seu mellor amigo morre en circunstancias sospeitosas, convéncese de que algo non encaixa. O que comeza como unha paranoia cotiá convértese nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade". 

Esta sinopse condensa a trama da longametraxe de animación Decorado, de Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), que chega este venres ás salas de cinema tras pasar polo Festival de Sitges. Un filme cargado de simboloxía que retrata con fidelidade a anguria existencial que medra na nosa sociedade. O director de animación, ilustrador e creador de banda deseñada volve ao cinema tras o éxito sen precedentes de Unicorn Wars, unha película que traspasou a pantalla e se converteu nun fito para públicos de todo o mundo.

Buscaba o impacto do público nesta película? Diría que foi máis alá na crueza da mensaxe?

Eu utilizo como fantasía a animación para falar de temáticas problemáticas da actualidade. Vivimos nunha sociedade con moitas crises. Unha sociedade que nalgunhas cuestións ten un punto bastante enfermo, e bastante desconectados coa hiperconectividade, as redes sociais, relacións superficiais, grandes empresas e corporacións... Todo isto é un espello da sociedade, funciona como fábula ou como conto sobre o sentido da liberdade e o sentido da vida. E eu creo que a sociedade é incluso peor que o que se conta no filme.

Alberto Vázquez © Academia de Cine

Vaia.

Si. Cando fago este cine, á parte de concienciar e denunciar, si que busco provocar emocións no espectador. Moitas veces a xente non está acostumada a ver sufrir a estes personaxes, que lembran aos inicios de Disney e aos contos infantís. Estas películas non buscan agradar, mostran unha problemática para que cada persoa busque as súas interpretacións. É parte do meu traballo e da miña proposta como artista, e tamén é a miña forza.

"É complicado ser libre nun mundo onde todos estamos completamente monitorizados por todos os lados, nunha sociedade hipercapitalista na que o que se premia é a superprodución e a hiperconectividade"

Por que quixo retomar, despois da curtametraxe Decorado, coa que gañou o premio Goya en 2017 –ano no que tamén gañou o cabezón co filme Psiconautas–? Pensa que na última década a sociedade empeorou?

Cando traballas con temas universais, as cousas se repiten. Se lees algún libro de ciencia-ficción distópica tipo 1984 ou Un mundo feliz, ves que seguen vixentes aínda que pasaran décadas dende que foron escritos. Iso é o interesante. Eu cando fixen a curta non estaba pensando en facer unha longa, quedou así. O que pasa é que por unha serie de casualidades coñecín ao meu coguionista na película, Francesc Xavier Manuel, e xuntos comezamos a desenvolver un proxecto de serie de animación. Escribimos sinopses, capítulos, amplificamos as tramas, creamos personaxes... Pero este proxecto non saíu, era algo bastante complexo, e o que fixemos foi coller todas as ideas que escribiramos e pasalas a unha longametraxe. É interesante facer unha longa porque, desgraciadamente, as curtas só teñen visibilidade no contexto dos festivais e como creador quero chegar a máis público. Ademais, estas temáticas están tan de actualidade na sociedade na que vivimos que creo que dan para unha longametraxe.

O filme afronta a cuestión controvertida do concepto de liberdade nestes tempos, que se está a empregar con usos 'diversos', foi difícil de retratar?

Hai varias interpretacións dentro desta película, é complicado ser libre nun mundo onde todos estamos completamente monitorizados por todos os lados, nunha sociedade hipercapitalista na que o que se premia é a superprodución e a hiperconectividade. Eu creo que a liberdade está nas nosas relacións de verdade, non nas relacións superficiais. Nesas cinco, seis ou sete persoas coas que ti sabes estás relaxada, que es ti mesmo, que lle podes contar calquera cousa e que van estar cando as cousas veñan mal. No filme tamén se fala moito da relación de parella porque aínda que eles están en crise, trátanse ben e vese que hai un amor e un respecto entre eles. Que é a liberdade? A saber!

Liberdade tamén a que vos permitiu levar esta película a termo, un proceso longo e duro, non si?

Facer estas películas de animación ten moitos. Por un lado está o reto artístico, que non é doado porque hai que escribir, ter unha poética, unha mensaxe e un estilo de dirección. Por outro están todos os retos técnicos porque na animación hai un montón de softwares novos e tes que estar renovándote tecnicamente todo o tempo. Logo tes que ter certa resistencia emocional para todos os problemas que poden xurdir. Somos un equipo humano de 250 persoas, con todo tipo de xente, e ao final o importante é que se trata dun traballo en equipo. Somos moitos artistas, algúns tan bos ou mellores ca min. Para min foi un pracer traballar con todos eles e elas. Estou moi contento porque sacamos o proxecto adiante, creo que é un filme bonito, ben feito e potente a nivel de arte e animación.

"O personaxe de Arnold medícase, danlle as pílulas da felicidade, e o personaxe de María ten un problema co seu traballo e a fada Depresión persíguea. Pero hai outros personaxes que directamente se drogan para evadirse da realidade"

Hai moita poética nesta película.

Si, é que eu creo que a animación é unha das maneiras máis poéticas de falar da realidade. Podes falar de certas temáticas dunha maneira orixinal e indo por lugares aos que sería imposible ir co cine de imaxe real. Hai moitísima metáfora visual, sempre hai personaxes como pode ser a fada Depresión, que remite á Campanilla de Disney, pero é en realidade quen tortura á personaxe de María; simboliza a súa propia mente. Na película hai un montón de referencias, ás veces vaise por lugares moi máxicos con invocacións, pantasmas, demos, sereas inversas... Hai un montón de cousas que fan desta unha película especial.

Hai unha presenza moi potente da cuestión da saúde mental e unha forte crítica á sobremedicación da poboación, por que quería introducir isto no filme?

Un dos problemas da nosa sociedade é a cuestión das enfermidades mentais. O personaxe de Arnold medícase, danlle as pílulas da felicidade, e o personaxe de María ten un problema co seu traballo e a fada Depresión persíguea. Pero hai outros personaxes que directamente se drogan para evadirse da realidade, e hai un médico que di que nesta sociedade é imposible soñar, e non sabes se se refire dunha forma metafórica ou real aos soños. É dicir, a crise da saúde está moi presente na obra, igual que as crises laborais. Arnold non ten traballo, leva anos en paro, e a súa muller non ten moito traballo; de feito, están ao bordo do desafiuzamento. O que os leva a unha crise de parella, pero loitan por saír de aí.

'Decorado' xa se pode ver en cines de todo o país a partir deste venres © Abano Producións / Uniko

Non sei cal quería que fora a mensaxe final desta fábula existencialista, pero hai unha defensa da potencia do amor.

Si, a amizade verdadeira e o amor, e as relacións verdadeiras, son o que nos serve, o que nos vale para saír deste mundo superficial no que vivimos. Ao final, cada persoa interpreta o que quere, a película xa non me pertence a min, é dos espectadores e hai moitas lecturas que se poden facer... Ten un final controvertido, que deixa o espectador un pouco co cu torcido. Poderíase acabar de moitas maneiras e eliximos ese final, que creo que visualmente é potente.

"Vivimos nunha sociedade na que a xente ten moitas relacións superficiais. Vivimos cunha máscara"

Non é un filme alleo á reflexión interna pero, sen desvelar o final, vostede ten sentido ese desasosego?

A ver, claro que si. De feito, creo que todos nalgún momento vital somos Arnold.

E María.

Claro, é que vivimos nunha sociedade na que a xente ten moitas relacións superficiais. Vivimos cunha máscara. Por un lado está a cara social, a cara que damos, e logo está a nosa cara na nosa vida: a que ti e mais eu sabemos que temos. Quen non ten máscara? Pois os nenos e os tolos, como Arnold, ao que lle din que está tolo.

No medio da multitude de temas que se deixan ver en Decorado, introduce tamén os incendios e a quen se culpa deles. Un tema que toca directamente a Galicia.

É o drama de todos anos, xa sabemos que en maior ou menor intensidade o ano que vén haberá tamén incendios. Neste sentido, hai un personaxe que sinalan como pirómano cando realmente non o é, pero o quebran de tal maneira que acaba convertido en pirómano, aínda que sabemos que o fai tamén para axudar aos seus amigos a escapar. Digamos que se sacrifica por eles.

Para un traballo de tantos anos, axuda a seguir a boa acollida que tivo Unicorn Wars e todo o fenómenos fan que se creou ao seu arredor e que a mantén viva?

Claro. Ao final eu levo xa catorce anos facendo animación e vinte e cinco cos cómics e a ilustración. Estas películas teñen o seu público, que é moi fiel e conecta moito. De Unicorn Wars a xente fai camisetas e bonecos pola súa conta e a min envíanme fotos, é súper bonito. Por iso cando digo que a película xa non me pertence, é porque unha vez que sae é de todos. Ocorreron un montón de cousas bonitas co filme anterior que axudaron a financiar e a que agora esta película teña máis visibilidade. Isto é unha carreira longa e agora estou moi contento.

'Decorado' é unha produción de Chelo Loureiro, Iván Miñambres, J. M. Fdez de Vega, Nuno Beato e Diogo Carvalho © Abano Producións / Uniko

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.