Entre o 6 e o 10 de novembro Ledicia Costas impulsa este festival de humor, literatura infantil e música para celebrar a vida de Miguel Ángel López, o Hematocrítico
"Esta edición será unha forma de rendirlle a Hematocrítico a súper homenaxe que merece". Así anunciou a escritora viguesa Ledicia Costas a celebración do Hemato Festi, que codirixe xunto a Alberto Vázquez, entre o 6 e o 10 de novembro na cidade olívica. Costas impulsa este festival de humor, literatura infantil e música para celebrar a vida de Miguel Ángel López, El Hematocrítico , que faleceu inesperadamente en novembro do ano pasado con 47 anos de idade.
O legado de Miguel Ángel López é tan especial porque dedicou a súa vida ao seu amor polo ensino, por achegar aos demais sempre algo en positivo. Xa fose como comentarista nun programa de televisión, divulgando sobre arte ou nos seus libros infantís. Pero sempre con creatividade, bonhomía e humor. Porque, como el dicía, "a sorpresa e mais o humor son lubricantes marabillosos para calquera tipo de ensino". Moitas das profesionais que coincidiron e compartiron tempo co Hematocrítico achegaranse ata Vigo nunha programación que decorrerá nas librarías, museos e teatros da cidade.
O xoves 7 de novembro celebrarán a HematoGala, unha gala de humor e música no Auditorio Mar de Vigo dedicada á figura do Hematocrítico. Conducida polo cineasta Nacho Vigalondo e a poeta Lucía Aldao, contará coas intervencións de Amaral, Noel Ceballos, Carolina Iglesias, Laura Márquez, Joe Crepúsculo, PAVA (o proxecto musical de Aldao) e La Ruina.
Amaral, Nacho Vigalondo, Carolina Iglesias, Paco Roca, Nus Cuevas, Lucía Aldao, Laura Márquez, Noel Ceballos, Berto Romero, La Ruina, Amaro Ferreiro e Joe Crepúsculo, entre moitos outros, estarán en Vigo para o Hemato Festi
No eido da literatura infantil, o Hemato Festi acollerá en Vigo por primeira vez a iniciativa Pequenos Xigantes da Lectura, un certame escolar de lectura en alto que se celebra en Francia con gran éxito desde 2012 e que levará a un ou unha escolar de 4º de Primaria a competir na final nacional na Feira do Libro de Madrid, lendo en galego. Ademais, as librarías Cartabón, Librouro, Libros para Soñar e o Espazo Lector Nobel do Calvario, así como a Galería Maraca, o espazo didáctico do MARCO ou a sede da Asociación Évame-Oroza contarán con contacontos e talleres para crianzas. Ademais, o MARCO albergará unha Sala Gaming en colaboración con Nintendo.
Na mañá do sábado 10 de novembro a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acollerá varios actos arredor do epígrafe Queremos literatura infantil, un gran encontro da literatura infantil coa presenza de Diego Arboleda, Sara Cano, Ledicia Costas, María Solar, Antonio M. Fraga, Eva Mejuto, María Lado, Daniel Landesa e Martín Romero, entre outros.
Xa no serán do sábado haberá tempo para escoitar a bookstagramers como @yalavueltalaluna, @libros_e_libros, @thebookishblanket e @lectureo. Para repasar os últimos proxectos nos que traballou o Hematocrítico e para dous premios, un de honra e outro para seguir apostando pola edición de literatura infantil. O editor e mestre vigués Manuel Bragado recibirá o premio de honra Lenda do Recreo, "un editor honesto, impecable e coidadoso que sempre soubo cal era a súa misión: acompañar as autoras e autores". E entregarase a primeira edición do premio de álbum ilustrado infantil Humor con H, dotado con 5.000 euros e a edición nas catro linguas oficiais do Estado por parte da editorial Triqueta Verde.
O editor e mestre vigués Manuel Bragado recibirá o premio de honra Lenda do Recreo e entregarase a primeira edición do premio de álbum ilustrado infantil Humor con H
O día reservado para o humor será o venres 8 de novembro, cando o Teatro Salesianos acolle a xornada Queremos Humor, que repasará todas as facetas divulgadoras e humorísticas do Hematocrítico con convidados como Noel Ceballos, Nus Cuevas, Berto Romero e Arturo González Campos. Manuel Bartual repasará a súa experiencia como editor do Hematocrítico de Arte, a obra que fixo máis popular o Hematocrítico; e Amaro Ferreiro e Nicolás Pastoriza pecharán a festa cun concerto.
A programación completa pódese consultar aquí, e toda a información sobre as entradas para o Hemato Festi estará dispoñible no seu sitio web.