As redes choran a morte de Miguel López, 'El Hematocrítico': "Hoxe a vida é un pouco menos divertida"

Miguel López, El Hematocrítico © Xerais

Este luns pola tarde coñeceuse a morte do mestre, escritor e tuiteiro coruñés Miguel López, El Hematocrítico. Tiña tan só 47 anos e sufiu un infarto na súa casa de Vigo, onde residía

Poucas veces un falecemento xera un laído tan unánime e sentido. Este luns pola tarde coñeceuse a morte do mestre, escritor e tuiteiro coruñés Miguel Ángel López, El Hematocrítico. Tiña tan só 47 anos e sufiu un infarto na súa casa de Vigo, onde residía. Dende o primeiro momento a noticia viralizouse polas redes sociais, as virtuais e as físicas, nas que Hemato contaba cun gran número de amigos e amigas e moitos e moitas máis simpatizantes.

A súa actividade en Twitter popularizou a súa figura dende hai máis dunha década, pero Miguel López foi primeiro mestre -deu clase de Infantil e Primaria no CPR Esclavas da Coruña- e nos últimos anos centrou a súa actividade na escrita de máis dunha vintena de libros de literatura infantil, que publica Xerais en galego.

A súa actividade en Twitter popularizou a súa figura dende hai máis dunha década, pero Miguel López foi primeiro mestre e nos últimos anos centrou a súa actividade na escrita de máis dunha vintena de libros de literatura infantil, que publica Xerais en galego

O seu popular alcume naceu aparellado ao proxecto El Hematocrítico de Arte no que, entre o humor e a a historia da arte, retitulaba algúns dos cadros máis coñecidos. Dun Tumblr inicial o proxecto converteuse nun libro lilustrado prologado por Nacho Vigalondo, que contou con dúas secuelas posteriores. Tamén neses anos popularizou outras iniciativas humorísticas na rede, como Drama en el Portal (convertido igualmente en libro), Hemato Legends, ou os coñecidos comentarios sobre os tróspidos concursantes en programas como Quien quiere casarse con mi hijo e outros.

Eran tempos máis inocentes en Twitter, como o propio Hematocrítico destacaba nesta reportaxe de Praza.gal: "Hai nove ou dez anos era un momento no que case nos coñecíamos todos os que estabamos en Twitter en España; non eramos moitos e estabamos aí facendo as nosas bromas, falando entre nós... Eu comparábao coa actividade dos radioafeccionados hai unhas décadas, que quedaban pola noite para falar entre eles pola radio", explicaba. "Pero pouco a pouco empezouse a encher de xente coñecida e comezaron a entrar os xornalistas, e empezamos a ver que cousas divertidas que pasaran a noite anterior en Twitter, de súpeto eran unha noticia. Cando non había xornalistas en Twitter, alguén dicía unha chorrada e a cousa quedaba aí. Pero de súpeto todo se comezou a sacar de punto, a magnificarse, como na casa de Gran Hermano", concluía

A nova do seu pasamento estendeuse con rapidez e a rede comezou a encherse de mensaxes de condolencia, entre a sorpresa e a dor, dende Galicia e dende todos os puntos do Estado

En 2014 publica Feliz Feroz, gañador do Premio Fundación Cuatrogatos e titulado en galego Feliz feroz. O lobiño riquiño (2016), ao que seguiron outros libros que adaptaban e actulizaban algúns contos infantís clásicos, coma Axente Riciños (2016), O lobo con botas (2018) -ambos os dous ilustrados por Alberto Vázquez-, Rapunzel con piollos (2019) ou Alcaldesa vermella (2020). Entre a vintena de libros publicados aparecen tamén Axente Riciños. Misión Princesa (2022) e Morto de fame (2023) -ilustrados por Mar Villar-, ou A media hora dos recreos (2020) e Campións do mundo (2020) -ilustrados por Albert Monteys-. 

En 2021 nace en Xerais a serie Os Hematiños, ilustrada por Alberto Vázquez, que leva cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023). Hai só unhas semanas chegaba ás librarías Caramomia, unha obra conxunta que o autor asinaba xunto a Ledicia Costas, Daniel Landesa e María Lado, ilustrada por Martín Romero, que fora escrita durante a pandemia.

Persoas do mundo da literatura, da música, do cine, da ilustración e do cómic, tuiteiros e tuiteiras uníronse nas últimas horas a estas condolencias. Tamén a vicepresidenta Yolanda Díaz ou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun

A nova do seu falecemento foi confirmada en X (antes Twitter) pola súa parella, a tamén escritora Ledicia Costas, que esta mañá agradecía a "onda de agarimo" recibida dende entón: "Hoxe o mundo é un lugar tristísimo. Non hai consolo para a dor da perda dunha persoa tan inmensa. Grazas a todo o mundo polas palabras de cariño. A onda de agarimo é brutal".

Tamén a editorial Xerais publicou case de inmediato un chío lamentando o seu pasamento: "Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato". A rede comezou a encherse a partir dese momento de mensaxes de condolencia, entre a sorpresa e a dor, dende Galicia e dende todos os puntos do Estado, lembrando moitas delas a bonhomía e o humor sempre atesourados por Miguel López.

"O humor foi o elemento común na súa obra, que achegou a lectura a toda unha xeración. O seu estilo desenfadado e o xeito en que conectaba cos intereses e códigos dos nenos e nenas deixa un recordo inesquecible nas persoas que o coñeceron", destaca Xerais

Persoas do mundo da literatura, da música, do cine, da ilustración e do cómic, tuiteiros e tuiteiras uníronse nas últimas horas a estas condolencias, como Javier Pedreira Wicho, Deborah García Bello, El Barroquista, Fernando Córdoba, Pedro Torrijos, Manuel Bartual, Ángel Carmona, Inés Hernand, Ana Morgade, Paco Roca, Mauro Entrialgo, Manel Fontdevila, Albert Monteys, Espido Freire, Dani Rovira, Berto Romero, Álex de la Iglesia, Iván Ferreiro, Julián Hernández, Rómulo Sanjurjo, Fran Alonso ou Montse Pena, entre moitos outros e outras. 

Tamén dende a política, pois tanto a actual alcaldesa da Coruña, Inés Rey, coma o anterior rexedor, Xulio Ferreiro, lembraron en senllos chíos a figura de Miguel López. O mesmo fixo a vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz e o ministro de Cultura, Ernest Urtasun: "Foise Hematocrítico, un pioneiro que nunca puxo límites á súa creatividade, unha persoa intelixente, irónica e incriblemente lúcida cuxa pegada nas redes e na escritura infantil é imborrable. Sen Miguel, hoxe a vida é un pouco menos divertida".

Xerais pon a disposición de quen queira enviar as súas condolencias un enderezo de correo electrónico e engade que "chegado o momento, informará de calquera novidade relativa aos actos de despedida do autor" 

Esta mañá a editorial Xerais publicou unha nota que reiterou as condolencias expresadas horas antes nas redes sociais e destaca que "o humor foi o elemento común na súa obra, que achegou a lectura a toda unha xeración. O seu estilo desenfadado e o xeito en que conectaba cos intereses e códigos dos nenos e nenas deixa un recordo inesquecible nas persoas que o coñeceron". Ademais, a editorial pon a disposición de quen queira enviar as súas condolencias o enderezo de correo electrónico hematocritico.actividades@gmail.com. Finalmente, engade que "chegado o momento, Xerais informará de calquera novidade relativa aos actos de despedida do autor". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.