Por que determinados contidos se fan virais na rede? Que é o que fai popular a un gif animado, de forma todo o mundo comeza a utilizalo? Quen inventa os memes? Hai unha persoa en Internet que o fai todo? Miguel Ángel López (El Hematocrítico) e Felipe G. Gil falarán de todo isto esta tarde na Coruña (ás 19 horas na Domus), no marco do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, nunha conversa titulada "Que hai en Internet?" que será conducida pola xornalista María Yáñez.
"As marcas e as institucións levan anos perseguindo aos creadores de contidos para que lles dean a clave, a fórmula máxica de por que se viraliza algo"
A charla afondará nas claves e nas dinámicas das novas narrativas populares, que posúen un tipo de humor moi particular e uns procesos concretos que as fan conectar con referentes previos e ter un éxito inmediato. O coruñés El Hematocrítico é mestre e crítico de arte, ademais de escritor e colaborador en varios medios. Mentres, Felipe G. Gil é director de contidos audiovisuais de ZEMOS98 e colaborador de Eldiario.es, onde adoita escribir sobre comunicación e linguaxe na rede.
Na conversa un e outro levarán a cabo un percorrido por ducias de contidos que nos últimos anos acadaron un carácter viral, verdadeiros fenómenos culturais e sociais, respondendo en parte á gran pregunta: "Cal é a clave para que un contido multiplique a súa popularidade na rede? Que fai virais os contidos virais".
Felipe G. Gil anticipa que non hai unha resposta para iso: "As marcas e as institucións levan anos perseguindo aos creadores de contidos para que lles dean a clave, a fórmula máxica de por que se viraliza algo". Pero apunta que "cando algo se viraliza é por un sentimento de comunidade. Cando alguén comparte algo, sexa modificándoo ou non, é porque ese contido lle reforza a idea de quen é, reforza a identidade colectiva de quen o comparte".
"Cando algo se viraliza é por un sentimento de comunidade. Cando alguén comparte algo, sexa modificándoo ou non, é porque ese contido lle reforza a idea de quen é"
"Non hai unha explicación única nin sinxela. Se non, todo o mundo estaría producindo contidos virais constantemente", sinala igualmente El Hematocrítico. Con todo, sinala que "hai cousas que son clave, comezando polo papel de persoas moi influíntes en redes que fan que todo se dispare. Por exemplo, pode haber un meme máis ou menos popular, pero se o comparte unha das Kardashians, a súa difusión multiplícase por un millón". Engade que "hai outras cousas que triunfan porque son, efectivamente, divertidas. Pero ao final son pequenas cousas as que marcan a diferenza, e é difícil prever se algo vai ter éxito ou non. Por que se fai popular un vídeo dun tipo que esvara e non outro vídeo dun tipo que esvara? É a maxia de Internet".
En ocasións, os memes e gifs teñen un éxito inmediato porque empregan referentes coñecidos por todos, o que permite que lles poidamos incorporar outra nova mensaxe con facilidade. Pero outras veces non é así, apunta El Hematocrítico: "Se te fixas un dos memes que máis éxito tivo ultimamente foi esta foto dunha parella que vai andando pola rúa e el mira a outra rapaza que pasa. E esa é unha foto de stock. Pode ser unha imaxe moi famosa, que todos teñamos na cabeza. Pero pode ser simplemente unha imaxe moi impactante, como as dúas fotos de Drake, para dicir 'isto gústame' e 'isto non me gusta'".
"Hai unha perda de lexitimidade tan forte das institucións, sobre todo as políticas, que cando se percibe que algo non é xenuíno, prodúcese un rexeitamento na persoa que recibe a mensaxe"
Os memes e gifs valen para calquera uso? Calquera pode usar o humor de Internet? Con frecuencia, partidos políticos e empresas ven como o que pretendía ser un tuit ou un vídeo ocorrente e gracioso se volve na súa contra, ben polo tema ao que fan referencia, pola execución ou pola propia orixe da publicación. "O gran problema é como usar as redes, de xeito que non pareza impostado. Agora xa non tanto, pero hai uns anos lembro contas de Twitter de políticos que se creaban en períodos electorais, que de súpeto falaban moito, e que rematadas as eleccións caían no silencio máis absoluto", destaca Felipe G. Gil.
"Hai unha perda de lexitimidade tan forte das institucións, sobre todo as políticas, que cando se percibe que algo non é xenuíno, prodúcese un rexeitamento na persoa que recibe a mensaxe", engade. "Isto está cambiando coas novas xeracións de políticos, que fan un uso de redes menos instrumental", conclúe.
Entre o humor e a toxicidade
"Intervén moito o humor, porque Internet sacou o noso lado máis chocalleiro. Nada pasa desapercibido aos milleiros de ollos que hai mirando na rede. Calquera detalle é susceptible de ser convertido nun meme, nun gif ou algo sobre o que facer un comentario crítico", comenta Felipe G. Gil, que apunta igualmente que "tamén temos contornas dixitais bastante tóxicas nas que o que hai é bile, esencialmente".
"Antes facías un chiste machista ou homófobo en privado e ninguén che dicía nada. E en cambio agora o fas en público e podes recibir mensaxes de persoas ás que non lles gustou"
"O bo e o malo das redes sociais é que son moi democráticas. Déronlles un altofalante a todas as persoas, cada persoa que abre unha conta ten o mesmo dereito a expresarse que outra", sinala El Hematocrítico, que rexeita os discursos alarmistas sobre as redes: "Moita xente pensa en Internet ou nas redes sociais de forma moi negativa, como algo cheo de perigos. E outros só ven cousas positivas. Ao final, é como todo nesta vida: hai cousas moi divertidas, cousas moi inspiradoras e emocionantes e outras cousas que son terroríficas".
Incrementouse o nivel de susceptibilidade? Temos dificultade para aceptar aquelas opinións que non coinciden coa nosa? El Hematocrítico responde que "agora dise isto de que 'a xente oféndese moito'. Pero o que pasa é que antes ti facías un chiste machista ou homófobo en privado e ninguén che dicía que ese chiste era de mal gusto. E en cambio agora o fas en público e podes recibir moitas mensaxes de persoas ás que non lles gustou". "Aínda temos que aprender a usar as redes sociais, aínda estamos nunha primeira fase, levamos moi pouco tempo con elas", destaca.
Necesitamos unha Educación Dixital?
"Nós non nos dedicamos á educación formal, pero si que de cando en cando organizamos obradoiros para profesorado sobre contidos dixitais. E percibimos que en ocasións hai resistencias por parte dos mestres, e un prexuízo dos adultos cara ás ferramentas utilizadas pola xente máis nova e a forma en que as empregan", di Felipe G. Gil.
"É necesaria unha alfabetización mediática e dixital do profesorado que ensina a nenos e nenas"
"É necesaria unha alfabetización mediática e dixital do profesorado que ensina a nenos e nenas. Se soubesen utilizar as ferramentas axeitadas e se eliminasen os prexuízos, o que este profesorado si podería ensinarlles, en base á súa experiencia, é un espírito crítico, un uso máis crítico destas ferramentas", di. "Non se trata de censurar o uso de nada, senón de xerar reflexión sobre eles. Eu non lles podo prohibir ás miñas fillas que empreguen estas cousas, é imposible, pero si podo axudar a que as usen mellor", engade.
Unha idea na que incidía Javier Pedreira Wicho nesta entrevista: "Moitos pais asumen que os nenos xa saber manexar as tecnoloxías e que non hai que estar enriba deles. Ao igual que ao colexio se vai aprender, pero hai que ir educado da casa, hai que educar os nenos no uso das novas tecnoloxías".
"Se sabes facelo, se tes esa habilidade, é moi conveniente utilizalos, basicamente porque lles están falando no seu idioma"
Miguel Ángel López é mestre ("de nenos moi pequenos", aclara). "Cando fago unha actividade con alumnos algo maiores si que tento introducir algunha destas cousas. E admiro moito o traballo de moitos mestres que están facendo cousas superinteresantes", di. "Hai un profesor de Málaga, que se chama JuanitoLibritos, que se fixo bastante célebre porque inventou unha maneira de ensinar Historia a través de grupos de whatsapp. Este tipo de formatos engancha moito aos nenos e gústalle un montón. Se sabes facelo, se tes esa habilidade, é moi conveniente utilizalos, basicamente porque lles están falando no seu idioma", destaca.
"Ti podes saber manexar unha ferramenta ou unha rede social, pero iso non significa que non poidas tirar proveito das explicacións dunha persoa que te guía polo seu funcionamento", continúa. "Seguramente eu non sei usar nin a metade das funcionalidades que Instagram que si saber utilizar un adolescente. Pero eu si que, coa miña experiencia noutras redes, si que o podo axudar a que non se fíe de determinadas mensaxes ou a mellorar a súa presenza na rede", remata.
Cambiou Twitter nos últimos anos?
El Hematocrítico, con máis de 122.000 seguidores e seguidoras é o que se coñece como twitstar, unha persoa inflínte na rede e, ademais, cunha longa traxectoria en Twitter, onde comunica dende o ano 2009. Preguntámoslle en que cambiou esta rede social nos últimos anos e ata que punto as polémicas, os flames e éxitos que alí ocorren están sobredimensionados. "A min sempre me parece que o gran cambio en Twitter se deu cando os xornalistas o descubriron", di.
"Cando non había xornalistas en Twitter, alguén dicía unha chorrada e a cousa quedaba aí. Pero de súpeto todo comezou a magnificarse"
"Hai nove ou dez anos era un momento no que case nos coñecíamos todos os que estabamos en Twitter en España; non eramos moitos e estabamos aí facendo as nosas bromas, falando entre nós... Eu comparábao coa actividade dos radioafeccionados hai unhas décadas, que quedaban pola noite para falar entre eles pola radio", explica. "Pero pouco a pouco empezouse a encher de xente coñecida e comezaron a entrar os xornalistas, e empezamos a ver que cousas divertidas que pasaran a noite anterior en Twitter, de súpeto eran unha noticia", di.
"Cando non había xornalistas en Twitter, alguén dicía unha chorrada e a cousa quedaba aí. Pero de súpeto todo se comezou a sacar de punto, a magnificarse, como na casa de Gran Hermano. A realidade é que en Twitter estamos moi pouca xente en España, pero ás veces pensamos que o que pasa nesta rede é moi importante e cremos que as nosas opinións son moi relevantes", conclúe.
As noticias falsas e como combatelas
"Estamos vendo crecer ese problema en España nos últimos meses, como antes sucedera nos Estados Unidos antes da vitoria de Trump e no Brasil antes da de Bolsonaro"
Probablemente non se fale das fake news na conversa desta tarde, pero preguntámoslle a Felipe Gil polas noticias falsas e polo efecto que xa están tendo en España. "Estamos vendo crecer ese problema en España nos últimos meses, como antes sucedera nos Estados Unidos antes da vitoria de Trump e no Brasil antes da de Bolsonaro", alerta. "Escoitamos a Abascal falar en entrevistas de que as denuncias falsas por violencia de xénero son un problema, pero imos a ver os datos que dá a Fiscalía e resulta que as denuncias falsas supoñen o 0,01%. Porén, a pesar disto unhas declaracións poñendo en dúbida esta realidade converten unha falsidade nun feito, que ademais se distribúe por redes sociais e por grupos de Whatsapp, ás veces con técnicas moi elaboradas para incrementar a súa difusión", di
"Eu preferiría que houbese unha materia de Educación Mediática e non unha materia de Relixión. Debería estar no centro dos currículos formativos".
Unha boa ferramenta para combater estas noticias falsas e a súa expansión son iniciativas como Maldito Bulo, destaca. "É un exemplo do que se pode facer para contrarrestar isto, analizando noticia a noticia e indicando por que é falsa, e cal é o dato correcto", di, engadindo que, ademais, "é moi importante traballar de forma xeral, fomentando unha cultura dixital na que a cidadanía se implique nas cousas que comparte e que aprenda a desconfiar de informacións que lle chegan por esas vías".
"Ninguén estamos libres de compartir noticias falsas. Eu mesmo téñoo feito algunha vez, por exemplo durante o último Mundial compartín unha suposta información sobre o adestrador uruguaio de fútbol, Washington Tabárez, que resultou ser un bulo". "Normalmente compartimos rapidamente aquelas noticias que concordan coas cousas que pensamos, coas nosas posicións", engade, e reclaman novamente unha aposta pola educación dixital: "Eu preferiría que houbese unha materia de Educación Mediática e non unha materia de Relixión. Pero por desgraza, á Educación Mediática non se lle dá a importancia que merece. Debería estar no centro dos currículos formativos".