Seguro que estás comezando a ler estas liñas inducido/a pola curiosidade e contrariedade de ver un titular para nada común en Praza Pública. En realidade, non é a primeira vez que caes nesta trampa. En milleiros de ocasións desde que tes un perfil no Facebook ou no Twitter, fixeches click nalgunha ligazón que levaba por protagonista a xa mencionada Mariló Montero, a Belén Esteban, a algún gato, un bebé, alguén de comportamento extraordinariamente solidario, algunha moza con pouca roupa, etc. As posibilidades son moitas.
Este tipo de publicacións tan extendidas hoxe en día no mundo das redes sociais responden a unha estratexia de Marketing Online denominada click baiting. E diredes vós, e iso que é? Sinxelo. Trátase dun tipo de publicacións online creadas especificamente para despertar no lector ou lectora unha expectativa ou promesa de atopar algo interesante a través do click. O obxectivo: atraer tráfico para monetizalo mediante sistemas de publicidade de pago por click nos que se basea o seu modelo de negocio.
O click baiting válese de diferentes recursos para conseguir o tan desexado click. Aquí un exemplo
A publicación responde á estrutura clásica do modelo clickbait. Un protagonista inusual, un lugar que desperta controversia e a promesa dun acontecemento extraordinario. Utilizar a persoas famosas en situacións comprometidas tamén funciona moi ben.
O click baiting é unha práctica de ética cuestionable no mundo do Marketing Online e da Comunicación 2.0. Ben é certo que moitas das páxinas de Facebook que practican este tipo de páxinas son páxinas creadas especificamente para este cometido e cadaquén é libre de seguilas ou non.
O problema vén cando comezamos a seguir os perfís sociais dos medios considerados como «serios». É difícil crer que alguén siga a calquera dos xornais, canles de televisión e radios que conforman o espectro mediático galego e español esperando atopar novas coma as do noso amigo o raposo. Pero a realidade é que, día a día, os medios de información xeral bombardean ós usuarios con publicacións deste tipo.
É difícil crer que alguén siga a calquera dos xornais, canles de televisión e radios que conforman o espectro mediático galego e español esperando atopar novas coma as do noso amigo o raposo. Pero a realidade é que, día a día, os medios de información xeral bombardean ós usuarios con publicacións deste tipo.
Estes medios tamén adoitan apostar por titulares morbosos referidos a noticias de actualidade relacionadas con sucesos. Aspectos secundarios ou irrelevantes de traxedias ou asasinatos cuxo único obxectivo e extender un relato informativo que se elabora respecto dun acontecemento. Manter o interese e por tanto, monetizar dito interese. A práctica non é nova. Simplemente cambia o escenario -a rede- e o obxectivo -o click-.
Por que esta práctica está tan extendida? Moitos medios tradicionais, sobre todo os de papel, non foron quen aínda -en moitas ocasións por desinterese ou infravaloración do dixital- de atopar un modelo de negocio sustentable na rede. A meirande parte destes medios seguen utilizando modelos de publicidade por impresións ou por clicks. Cun mercado publicitario que cada vez paga menos polos anuncios, os medios buscan como sexa aumentar o ratio de clicks. As publicacións do modelo clickbait son o camiño máis rápido.
E por que son o camiño máis rápido? Porque todas e todos pulsamos no botón esquerdo do noso rato. A curiosidade, o aburrimento, o morbo… lévannos a entrar para ver o que fai o raposo en Chernobil. Os usuarios e usuarias de Internet perpetuamos un modelo que en moitas ocasións criticamos, pero a realidade está aí. Non se precisa máis que ver a sección de novas máis vistas de moitos xornais dixitais.
E por esta vez, non quedes coa curiosidade. Vai ver o que fixo o raposo
Seguir lendo en Rechouchíame, o blog de tecnoloxía e redes sociais de Praza Pública