"As idioteces que se publican hai que combatelas doutro xeito, non se pode condenar alguén por ser idiota"

Andrés Boix © Futur RTVV

Dende hai uns anos vimos asistindo a unha sucesión de denuncias, procesos xudiciais e detencións de persoas por publicar determinados contidos nas redes sociais, acusados de inxurias, delitos de odio ou mesmo de apoloxía do terrorismo. Uns casos nos que, ademais, en ocasións ten entrado a Audiencia Nacional e que se produciron nun marco de maiores restricións á liberdade de expresión produto da aprobación da Lei Mordaza e outras normas. Aínda que as redes sociais foron o escenario de difusión de moitas destas situacións, atopamos tamén detencións e condenas a cantantes e, igualmente, denuncias a outras persoas ou colectivos -por exemplo, as recentes polémicas xeradas ao abeiro do Entroido- por ofensas contra a relixión e outras causas.

Andrés Boix, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Valencia, ofreceu este luns na USC unha conferencia (organizada por Armela, Rede de Investigación en Igualdade, Dereitos e Estado Social) sobre os límites á liberdade de expresión, moi centrada nos últimos episodios de condenas a tuiteiros ou cantantes ou pola polémica xerada polo autobús de HazteOir. Uns asuntos sobre os que Boix ten afondado en numerosas publicacións. Falamos con el sobre todas estas cuestións.

"Fronte a esa nova realidade tecnolóxica, hai unha tentación de tentar controlar, como sucedeu noutros momentos da historia"

Parece evidente que está habendo excesos á hora de perseguir certas expresións, sobre todo nos soportes dixitais e nas redes sociais. E que, sobre todo, está habendo arbitrariedade e que os instrumentos empregados para perseguir estes feitos non son os axeitados, algo así como matar moscas con canóns. Que está fallando? Falla a lexislación? Falla a forma de aplicala? Falla o papel asumido pola Administración?

O poder sempre ten unha tendencia a tentar controlar a expresión na esfera pública. Iso sempre foi así. E sempre sucedeu que o desenvolvemento tecnolóxico e social dun medio fai que sexa moi complicado exercer ese control. Pasou cos libros, dos códices á imprenta, e pasa agora. O paradigma comunicativo dende mediados do século XX non variara moito, e a Constitución fixa un marco no que a administración non controla as comunicacións (non hai censura previa) e quen ten que controlalo, se hai excesos, son os xuíces. Que cambiou agora? Cambia o paradigma e aparece unha nova tecnoloxía que fai que por primeira vez teñan alcance público moitas expresións, pouco controladas, que ata entón ficaban no ámbito privado. O alcance real é case sempre moi limitado, pero o alcance potencial é enorme. E iso ao Estado non lle gusta. Fronte a esa nova realidade tecnolóxica, hai unha tentación de tentar controlar, como sucedeu noutros momentos da historia. O que pasa é que se produce nun medio tecnolóxico no que a posibilidade de control é complicadísima. As sociedades occidentais deben decidir aínda por onde queren ir, se aplicar o vello paradigma liberal que rexía para a prensa escrita, ou apostar por esquemas máis represivos. Hai unha tensión.

"As sociedades occidentais deben decidir aínda por onde queren ir, se aplicar o vello paradigma liberal que rexía para a prensa escrita, ou apostar por esquemas máis represivos. Hai unha tensión"

A expresión e a comunicación a través de Internet debe rexerse por unha lexislación diferente á expresión e a comunicación que se fai por outros soportes? Son necesarias novas normas?

Creo que non. Os límites tradicionais á liberdade de expresión son os correctos, son o froito dunha decantación histórica de moitos anos. Poden resumirse en tres puntos: o primeiro, que a mera expresión de ideas e opinións é lícita e positiva, por desagradables que sexan, polo que non deben ser coartadas por censura ou control estatal; ti pode criticalas ou combatelas, podes non darlle espazo dende os medios de comunicación públicos, pero non debes perseguilas. En segundo lugar, que si hai un límite en utilizar a expresión como un mecanismo para incitar a violencia de forma directa. A terceira idea era que a lexislación protexe as persoas, e iso implica uns límites pola protección do dereito á intimidade ou á imaxe. E penso que estes criterios serven para as comunicacións que se realizan por Internet. Hai que ver se as características do novo medio, sobre todo o seu potencial alcance masivo, determinan un cambio nos efectos dun hipotético dano; por exemplo, non é o mesmo unha inxuria pronunciada na barra dun bar que escrita nunha rede social, con moita máis audiencia.

"Nas nosas sociedades reintroduciuse nos últimos tempos a idea de que se poden criminalizar ou perseguir opinións que desagradan as conviccións éticas e morais maioritarias"

É a nosa sociedade máis restritiva coa liberdade de expresión do que o era hai uns anos?

Nas nosas sociedades reintroduciuse nos últimos tempos a idea de que se poden criminalizar ou perseguir opinións que desagradan as conviccións éticas e morais maioritarias. Refírome ao que se adoita chamar discurso do odio ou discurso discriminatorio. Isto está a pasar en España, pero tamén no resto de Europa e nos Estados Unidos, onde os ordenamento xurídico cada vez é máis restritivo nesta cuestión. Durante algún tempo chegárase á conclusión de que as nosas sociedades eran plurais, polo que había que admitir estas visión que ían contra o pensamento máis aceptado. E hoxe tendemos a ser menos permisivos con expresións que van contra ideas morais moi xeneralizadas, case unánimes, ou que atacan a determinados colectivos sociais. Hoxe non se admite que alguén diga que os dereitos dun colectivo non deben ser respectados. Isto non se refire só a Internet, como sei viu recentemente co autobús. O que sucede é que ao mesmo tempo que extremas esta esixencia, tes un medio no que hai moitísima xente expresándose, o que xera unha dinámica de persecución que antes non tiñas.

"Ao mesmo tempo que extremas esta esixencia, tes un medio no que hai moitísima xente expresándose, o que xera unha dinámica de persecución que antes non tiñas"

Como valoras, a ese respecto, a acción do Goberno de Madrid contra o autobús de HazteOír?

As nosas sociedades fixéronse máis conservadoras e máis puritanas, que é algo habitual cando a xente ten máis que perder; aceptamos menos a disidencia que hai uns anos. O que creo que vai ocorrer é que estes excesos represivos afectan a cada vez máis xente. Por exemplo, no caso do bus de odio de HazteOír, o exceso represivo do Concello de Madrid afectou a unha organización ultracatólica que denunciou a moita xente por delitos de odio. Digamos que é o cazador cazado. O feito de que agora iso o sufra unha organización católica que nunca se vira afectada pola represión, fai que moita xente que nunca fora demasiado solidaria ou empática con aquelas persoas que sufriran unha intervención estatal represiva, agora si que o foron. E iso pode levar nestas persoas a unha reflexión máis ampla que faga que cando esta represión afecte a outros, tamén se pida máis tolerancia con esas outras expresións. Se cadra estes excesos represivos son necesarios para acelerar a aprendizaxe social, promovendo unha reflexión pública máis ampla que leve finalmente a que a sociedade adopte unha serie de decisións a este respecto. Ollo, estamos aínda moi lonxe de todo isto, de feito estamos aínda nunha fase de incremento da presión represiva. Tanto por parte do PP e a súa Lei Mordaza, que persegue a publicación en Internet de expresións despectivas cara ás forzas de seguridade ou por darlle un like a unha publicación. Pero tamén por parte da esquerda, que está promovendo leis que prevén sancións para aquelas persoas que promovan discursos discriminatorios ou de odio contra as persoas LGTBI. Pero son optimista; creo que a partir destes excesos, irase xerando unha certa onda para contelos.

"Se cadra estes excesos represivos son necesarios para acelerar a aprendizaxe social, promovendo unha reflexión pública máis ampla"

Hai que defender o dereito a dicir parvadas ou o dereito a dicir algo desagradable?

O consenso liberal tradicional niso era máis intelixente, porque era moito máis consciente das propias limitacións da sociedade á hora de determinar consensos. Non ten sentido penalizar ideas. Ademais, como defendía Stuart Mill, creo que é bo que as ideas equivocadas ou desagradables se poidan expresar, porque así son coñecidas polo resto da sociedade, non se desenvolven en cubículos, forman parte do debate público e poden ser rebatidas e poden axudar a modelar o consenso social sobre cal é a opinión máis axeitada. E, finalmente, ao ser expostas ao debate público e ás críticas podes aspirar a demostrar a súa falsidade, a rebater as súas razóns e a convencer as persoas que as defenden; doutros xeito, simplemente os illas e ten menos capacidade de control efectiva sobre o que se está producindo.

"Creo que é bo que as ideas equivocadas ou desagradables se poidan expresar, porque así son coñecidas polo resto da sociedade, non se desenvolven en cubículos"

O que estraña e en moitas ocasións molesta é a evidente arbitrariedade que se está a producir, con persoas condenadas por escribir, dicir ou cantar certas cousas, idénticas ás expresadas por outras, que non son perseguidas...

Co modelo liberal había que controlar moi poucas cousas e só a posteriori, polo que os xuíces podían facer ese traballo. Pero o novo paradigma tecnolóxico fai que agora poidas detectar e trazar moitas expresións que antes non poderías ter detectado nin trazado. E, se ademais, tes cada vez máis normas que che permiten ampliar a esixencia sobre a corrección expresiva, tes moito traballo. E ese traballo ten que facelo alguén, e aí é onde entra a administración, que ten máis medios que un xuíz. O que pasa é que a administración ten unha axenda e está dirixida por persoas, e a esas persoas preocúpanlles máis unhas determinadas infraccións e non outras. Como non se pode controlar todo, aparecen os nesgos: da Policía, da Fiscalía e dos xuíces. E por iso en España temos xente condenada por facer chistes sobre Carrero Blanco, pero non vas ter xente condenada por facer bromas sobre persoas asasinadas por grupos ultradereitistas. Os colectivos que son mellor vistos polo Estado van ter certa carta branca, mentres que outros van ser particularmente perseguidos.

"Como non se pode controlar todo, aparecen os nesgos. A administración ten unha axenda e está dirixida por persoas, e a esas persoas preocúpanlles máis unhas determinadas infraccións e non outras"

Cal é a responsabilidade das empresas -Twitter ou Facebook, por exemplo- no que se difunde a través dos seus soportes? Cal debería ser?

Hai uns anos, cando comezaban a crecer os grandes negocios de Internet, houbo un debate sobre se debían ter a consideración de medios de comunicación en sentido tradicional, aplicándose sobre eles a norma da responsabilidade en cascada (primeiro o autor; se non se pode culpar a un autor, o director; se non hai director, o editor...), que en realidade é un mecanismo de exclusión de responsabilidade, como mecanismo de protección da liberdade de expresión, de xeito que as empresas de comunicación poidan publicar sen medo a ser perseguidas. Ese debate estivo aí, non só  aplicado a Twitter ou Facebook, senón ás empresas que xestionaban blogs ou ás que ofrecían hosting. Cal é a súa responsabilidade sobre o que calquera persoa publica nos soportes que xestionan? Houbo quen prefería cargar sobre eles unha parte da responsabilidade, o que para unha administración sería cómodo, pois externalizas os controis. Pero isto suporía un límite á liberdade de expresión, pois as propias empresas esforzaríanse por controlar e censurar o publicado. Esta solución si se matizou xurisprudencialmente no caso daquelas empresas que fan negocio cos contidos que as persoas aloxan nos seus servizos, como Youtube. Neste caso, se a empresa non reacciona ante unha denuncia por violación de copyright ou pola difusión de contido ofensivo, si pasa a ser responsable.

"A Audiencia Nacional desenvolveu unha serie de características pouco respectuosos coas liberdades. Isto, no momento en que o trasladas a xulgar tuiteiros que son rapaces de 20 anos que fixeron unha broma sobre ETA ou sobre o Rei, comeza a rinchar"

Outro dos asuntos máis criticados é o papel que está tendo a Audiencia Nacional nos procesos que xulgan determinadas expresións...

A Audiencia Nacional encárgase daqueles asuntos nos que se entende que pode haber un delito de terrorismo ou contra as institucións do Estado. O problema da AN é que é un tribunal raro, que nace como continuación do TOP para afastar os casos daqueles lugares nos que se produciron, para evitar presións, sobre todo pensando no terrorismo. E desenvolveu unha serie de características pouco garantistas e pouco respectuosos coas liberdades. Isto, no momento en que o trasladas a xulgar tuiteiros que son rapaces de 20 anos que fixeron unha broma sobre ETA ou sobre o Rei, comeza a rinchar. O problema, seguramente, é que isto xa rechiaba cando se omitían certas garantías en xuízos por delitos de terrorismo, pero neses casos á sociedade custáballe máis facer esta reflexión sobre os dereitos procesuais. O que pasa é que a AN xa non ten esa actividade, e adóitase dicir que 'cando o demo se aburre mata moscas co rabo', o que ten como consecuencia que agora que non hai terrorismo, temos máis condenas por apoloxía do terrorismo ca nunca. Todo isto habería que repensalo e isto implicaría repensar, dende a base, se a AN ten ou non sentido.

"O humor permite comprobar o arbitrario e o absurdo de moitas situacións que se dan na actualidade"

Debe ter límites o humor? Este debate debe inscribirse na mesma reflexións sobre os límites da liberdade de expresión ou debe haber diferenzas?

O humor pon máis de manifesto a absurdidade que é condenar certos atentados expresivos. Outra cousa distinta do humor é a burla, cando ti fas humor coa intención que ferir unha persoa, e aí hai que analizar se iso chega aos niveis de gravidade dunha inxuria ou de se hai unha agresión contra o honor dunha persoa. Pero o que estamos vendo son condenas e procesos por humor, chegando a absurdos coma o proceso contra Guillermo Zapata. Esta arbitrariedade que comentabas antes, vémola aquí todos os días, con efectos moi rechamantes. Lembro por exemplo a semana posterior aos atentados de Charlie Hebdo, na que mentres se facían alegatos a favor da liberdade de expresión, se detiña a persoas por facer chistes racistas. Por exemplo, un adolescente de Nantes que modificou unha portada de Charlie Hebdo na que a revista fixera un chiste sobre a matanza da Praza Tahrir. O humor permite comprobar o arbitrario e o absurdo de moitas situacións que se dan na actualidade.

"É moi san que se asuma que a administración non debe decidir que se pode dicir e que non. E que debemos deixar que isto o fagan os xuíces, que o fagan sempre tras unha denuncia, e que o fagan ademais cunha certa mesura"

Cal debería ser a solución para permitir unha libre expresión nas redes sociais e, ao tempo, xulgar aquelas cousas que sexan realmente graves?

Todo o mundo está descubrindo que a nova realidade implica que todos estamos moito máis expostos ao que se publica, que o que antes se dicía na barra dun bar, hoxe pode difundirse moito máis. E isto é algo ao que nos temos que afacer, temos que afacernos a asumir que a nosa intimidade está moito máis exposta, e temos que afacernos a que debemos ser moito máis flexibles asumindo críticas. É un proceso de aprendizaxe social. Pero é moi san que se asuma que a administración non debe decidir que se pode dicir e que non. E que debemos deixar que isto o fagan os xuíces, que o fagan sempre tras unha denuncia, e que o fagan ademais cunha certa mesura. As idioteces que se publican hai que combatelas doutro xeito, non se pode condenar a alguén por ser idiota.

 

Andrés Boix © Futur RTVV
Á esquerda, unha portada real de Charlie Hebdo. Á dereita, a imaxe pola que foi detido un adolescente de Nantes Dominio Público Praza Pública
Consello da Policía na súa conta de twitter Dominio Público Praza Pública
Boix critica a tendencia da Administración a marcar os límites das expresións admisible Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.