“Ides facer o Hematofesti? Vale, pois o que sexa. Veño limpo e sen dúbidas”

O cineasta Nacho Vigalondo, durante a gala do Hemotofesti, este xoves, en Vigo. © Andrea Rodríguez

Vigalondo lembra ao Hematocrítico,  o seu amigo falecido, e reflexiona sobre o (bo) humor, a morte, a terrorífica vitoria de Trump ou sobre os seus novos proxectos, que inclúen unha longametraxe de ficción sobre un amor imposible e unha serie producida polos Javis sobre Tamara

"Poucas veces un ten a sensación de estar a facer o correcto, o que lle pide o corazón”. Nacho Vigalondo aínda non superou o dó polo falecemento do seu amigo Miguel Ángel López González, o Hematocrítico, hai agora un ano; unha amizade que naceu en foros de internet  “de forma inocente” por partillaren gustos comúns en cinema ou música. Vigalondo subliña a dimensión da figura do Hemato. "Como é posible que o tío xerase tanto amor, tanto vitalismo e tanta actividade? Era como unha fábrica. Era como Willy Wonka e a fábrica de chocolate nunha soa persoa”, asegura.

O cineasta cántabro, que se atopa en plena xira de presentación do seu último filme Daniela Forever, asegura que dubida de moitas cousas, mesmo da conveniencia de “pasear” o seu traballo por festivais, mais non houbo titubeos cando lle propuxeron presentar a Hematogala en Vigo, dentro do Hematofesti, festival de literatura e humor homenaxe ao escritor, mestre, tuitero ou guionista impulsado por Ledicia Costas e Alberto Vázquez. 

Vigalondo lembra o seu amigo e reflexiona sobre o (bo) humor, a morte, a terrorífica vitoria de Trump ou sobre os seus novos proxectos, que inclúen unha longametraxe de ficción sobre un amor imposible e unha serie producida polos Javis sobre Tamara (Yurena).  “Tanto Superstar como Daniela Forever están feitas co mesmo corazón. Non podo dar detalles, pero non sentín que pasase dun planeta a outro”, explica.

Non tivo dúbidas á hora de sumarse a esta homenaxe ao Hematocrítico.

Non recordo unha conversa na que eu dixese, vale vou presentar unha gala e colaborar nos demais eventos. Lembro que no seu momento dixen "Ides facer o Hematofesti? Vale, pois o que sexa". Parece que estou a contar un grao de compromiso pero tamén é un descargo de responsabilidade. Se se trata de lembrar a Hemato non vou buscar a letra pequena, facemos o que sexa e xa está. Poucas veces un ten a sensación de estar a facer o correcto, o que lle pide o corazón. Por exemplo, agora que estou indo coa película Daniela Forever a festivais teño as miñas dúbidas de se realmente o que máis lle convén á película é que eu a pasee polos sitios… incluso cousas que se sobreentenden que son o teu labor chegas a ter dúbidas. Non é tan sinxelo acadar a claridade da vontade, pero o desexo que temos tantísimos de simbolicamente celebrar a Hemato é moi poderoso. Entón aquí veño limpo, non teño dúbidas e é unha cousa liberadora. Estou falando completamente en serio. Igual hai un festival onde non podo ir por vir aquí pero tiña que estar.

Nacho Vigalondo, na Praza de Compostela de Vigo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez

"Hemato nunca xamais tentou sacar partido de ningún tipo. Fun eu o que comecei a necesitalo a el cada vez que facía algo que requiría que alguén con moita graza e moito enxeño puxese as mans á obra"

Este festival lembra a Miguel Ángel López González. Cal era a súa relación con el?

Pois a de tantísima xente. Moitas persoas temos a última conversa de WhatsApp con el desa mesma mañá antes de falecer. Como é posible que tanta xente estivésemos aí con el? É algo que estarei explicando toda a miña vida, non había arribismo nin atisbos de trepa. Era todo o contrario. Era un modelo de conduta, unha referencia do que significa sacar o mellor dun mesmo e de todo o mundo que te rodea.

Eran moi amigos.

Si, cando nos coñecemos era unha firma nun foro. Sería sobre o 2005. E nunca tiven esa sensación transaccional que parece inevitable cando vas a unha festa, despois duns premios importantes como os Goya e coñeces xente. Non podes evitar a sensación de que che convén falar con esas persoas. Pero cando coñecín a Hemato era algo totalmente inocente. Estabamos nun foro compartindo a última peli que miraramos e el naquela época subtitulaba series para que nós as puidésemos ver, porque el dominaba o inglés e nolas pasaba. Series estrañas que a el lle flipaban e quería que os demais desfrutásemos. E así foi, compartindo pelis, tebeos. O tipo de relacións que un ten nese momento da súa vida que está a estirar a adultez e tes internet á túa man. Para nós a posibilidade de falar con xente que está lonxe de ti, cando iso na túa adolescencia non existía, cambiouno todo. 

Nesa excitación e nesa especie de shock por coñecer xente nova, Hemato brillaba dunha maneira especial. Daquela eu xa tivera a miña candidatura ao Óscar pola curta -7:35 de la mañana-  e creo que xa fixera a miña primeira peli e cando te relacionas con xente a través de internet chega un momento que a outra persoa che pide un favor ou quere dalgún xeito instrumentalizar a túa posición. Hemato nunca xamais tentou sacar partido de ningún tipo. Fun eu o que comecei a necesitalo a el cada vez que facía algo que requiría que alguén con moita graza e moito enxeño puxese as mans á obra. Toda esta historia podería ser máis ou menos insignificante, pero no momento cando desaparece e comezan a xurdir tantas voces que están contando unha historia similar con el xa comezas a preguntarte a ver se Hemato non era unha persoa, senón unha franquicia, que é isto, como é posible que o tío xerase tanto amor, tanto vitalismo e tanta actividade? Era como unha fábrica. Era como Willy Wonka e a fábrica de chocolate nunha soa persoa. Cando desaparece decátaste de que para nós xa era un tesouro e unha xoia en vida, algo do que presumir, pois ao irse vimos que era moito máis, incluso.

"Hai dous colectivos aos que normalmente non se lles recoñece a intelixencia, que son os humoristas e os actores. De feito, os máis exitosos sempre o son. Moitas veces o humor que se viste a  si mesmo de idiota é o máis intelixente de todos"

Colaboraba tamén con vostede como guionista para o programa Los Felices Veinte.

Para min que estivese facendo seccións no programa era algo que non separo da miña relación persoal con el, porque con el tiña varios chats en común, e unha conta secreta de Twitter coa que faciamos bromas, e conversabamos de videoxogos e logo tamén me pasaba a súa música e eu a miña… Había unha relación tan intensa e prolongada que tampouco realmente podías separar sempre o que era traballo e o que non. Había momentos nos que iso se difuminaba. Hemato cumpría ao cen por cen esa fantasía que queremos posuír que é a de non quero converterme nese adulto que me rodea cando era neno, senón que vas ser moito máis guai. Convivía nel o mellor lado da adultez sen perder nada de todo iso ao que tes que renunciar nun momento dado. Hemato era alguén a quen se se lle ocorría algo moi gracioso contábacho e xeraba en ti a necesidade de contarlle algo moi gracioso cando se che ocorría e iso transcendía os límites dun contrato laboral, claro.

Compartían un mesmo sentido do humor?

Ás veces parece que falamos do sentido do humor como da cor de ollos. Parece que estamos a falar de algo moi específico cando o bo sentido do humor é algo tan sinxelo como aplicar a graza e intelixencia. Nada máis. E iso é máis amplo do que parece. Hai dous colectivos aos que normalmente non se lles recoñece a intelixencia que son os humoristas e os actores. De feito, os máis exitosos sempre o son. Moitas veces o humor que se viste a si mesmo de idiota é o máis intelixente de todos. 

Lucía Aldao e Nacho Vigalondo, durante o Hematofesti. © Andrea Rodríguez

"Hai unha lenda de que en España temos moi bo sentido do humor pero a miña experiencia di o contrario"

Hai límites para o humor ou podemos facer parodia de todo?

Claro que hai un límite: a graza. Se non ten graza non é humor, fíxate que gran límite é ese, que límite monstruoso temos aí. Tamén se fala dos límites da literatura. Cando un libro está cheo de viñetas igual xa non é literatura. Pero a nivel de temáticas podemos facer chistes de todo, por suposto. Popularmente establecemos un límite no humor cando é máis destrutivo ca gracioso. Ou cando ten como obxectivo outra cousa que non é exactamente facer graza. É un debate vivo e aínda vivimos hai pouco nun meeting de Donald Trump un chiste sobre Puerto Rico, que non era un chiste, senón un insulto, porque dixeron que a Illa de Puerto Rico era lixo e chegouse a dicir que igual iso cambiaba o rumbo das eleccións e non foi así en absoluto. 

Falta sentido do humor en xeral?

Hai unha lenda que non sei se aínda segue viva de que en España temos moi bo sentido do humor, de que somos exemplares, pero a miña experiencia di o contrario. En España non existe unha actitude saudable cara ao sentido do humor porque se leva moi mal ser obxecto da burla. Lembro cando hai moitos anos nos decatamos de que en Francia os monicreques se metían connosco e houbo unha tormenta. Pero non tiñamos tan bo sentido do humor? Ter sentido de humor inclúe tanto proxectar o humor como ser obxecto del. Soamente hai que ver o humor entre comunidades. É o que vin sempre.

"O de Hemato non é o meu primeiro dó, se teño sorte non será o último –unha cousa difícil de dicir-, e pasou un ano e aínda non me sinto lúcido ao respecto en absoluto"

Vostede dixo hai pouco que se atopa na “cara b” da súa vida. Está preocupado polo paso do tempo e mesmo pola morte?

Hai un momento no que xa pensas en serio de que a vida con sorte é a de quen é capaz de pasar por moitos dós. Eu creo que o dó non é un camiño que un percorra ata chegar a aprender algo. Non son as 12 probas de Astérix. Non hai unha solución ao final do camiño. O cerebro humano non está cableado para iso. Evolutivamente non chegamos a un punto no que a morte dun ser querido se metabolice ben. Eu vinculo o dó ao desequilibro emocional e psicolóxico absoluto. O de Hemato non é o meu primeiro dó, se teño sorte non será o último –unha cousa difícil de dicir-, e pasou un ano e aínda non me sinto lúcido ao respecto en absoluto.

Falaba antes do chiste sen graza sobre Puerto Rico… e gañou Trump. Este personaxe daría máis para unha comedia ou mellor para unha película de terror?

Pois non sei, pero creo que nas enquisas que se fixeran no resto do planeta o apoio a Kamala Harris era do 90%. Onte tiña unha reunión cuns posibles socios en Los Ángeles e a reunión tívose que cancelar porque estaban desolados. Eu lembro cando o comezo da campaña Trump falou con aberto desprezo ante a posibilidade de que unha muller fose presidenta de EE. UU., unha cousa tan vulgar, un comentario tan de barra de bar, que o feito de que gañara votos entre a poboación feminina, entre o sector feminino das poboacións marxinais, me aterroriza moitísimo. Xa saber que a metade do país acepta ese discurso, que aloumiña a posibilidade de que estas eleccións sexan as últimas, algo que tamén dixo abertamente, ou no que afecta ás tomas de decisións que involucran o corpo da muller, pois é algo que me aterroriza bastante. Nunca hai que esquecer que Norte América é unha cultura dominante e isto é como cando ves unha bomba ao lonxe e desde Europa estás agardando que chegue a onda expansiva.

Un momento do hematofesti, que homenaxea a Miguel Ángel López, o Hematocrítico. © Andrea Rodríguez

"Eu non creo que os festivais sexan o estado óptimo para unha película. A xente ten que ver oito películas ao día madrugando moitísimo e esas condicións non as escolleu ninguén e teñen que aceptalas. E sobre todo creo que é antinatural que se propoñan as películas como unha competición entre elas, cando non teñen nada que ver "

Atópase agora en plena promoción de Daniela Forever, tras a súa estrea en Sitges, pero dicía vostede que igual os festivais non son o mellor para os filmes.

Son cousas que me pregunto. Eu non creo que os festivais sexan o estado óptimo para unha película. A xente ten que ver oito películas ao día madrugando moitísimo e esas condicións non as escolleu ninguén e teñen que aceptalas. E sobre todo creo que é antinatural que se propoñan as películas como unha competición entre elas, cando non teñen nada que ver e responden a estímulos e ambicións moi diferentes. Hai unha parte de min que entende a responsabilidade de ser un home anuncio e acompañar a película, explicala e venderme con ela; e hai outra parte que di “non”. A película ten que existir tal e como existirá dentro de 300 millóns de anos, que é como un obxecto flotando no éter ao que de súpeto alguén accede e goza ou non. Entón sempre estou nesa dúbida. Hai unha parte de min que lle gustaría que a película non tivese nin título, nin créditos. Que a xente sentase a mirase nun estado o máis puro posible e decida se irse á metade da proxección ou non. Estou exaxerando e tamén digo todo isto en contraposición coa claridade que veño aquí.

Tamén está case lista Superstar, serie biopic sobre Tamara, producida polos Javis.

Si, onte mesmo estiven no hotel chequeando os efectos especias, grafismos e outras cousas.

"Todo o que vin de Mariliendre é marabilloso. Vou dicir dous adxectivos que eu sempre utilizo de forma positiva: sucia e festiva"

Parecen proxectos tan opostos que non sei como poden confluír no tempo e na orixe.

Non me queda máis que pedirvos que agardades a vela porque ten moitísimo que ver. Tanto “Superstar” como “Daniela Forever” están feitas co mesmo corazón. Non podo dar detalles, pero non sentín que pasase dun planeta a outro e calquera que vexa a serie verá que estou aí falando polo mesmo altofalante. 

Moita curiosidade xera.

Eu estou moi contento de poder dicir con total tranquilidade e total confianza que absolutamente ninguén fóra ten a menor idea do que vai ver nesa serie. Podo dicir que a cousa non ten nada que ver co outro biopic que fixeron os Javis, Veneno; e podo dicir con orgullo e con humildade que foron os Javis os que me pediron que non fixese Veneno 2, que fixese outra cousa e abofé que é outra cousa.

Os Javis tamén están detrás da produción de Mariliendre, dirixida polo galego Javier Ferreiro. Tivo a oportunidade de lle poñer un ollo?

Todo o que vin de Mariliendre é marabilloso. Vou dicir dous adxectivos que eu sempre utilizo de forma positiva: sucia e festiva.

Agora que xa non está no programa Los Felices 20 e que vemos a Broncano facendo un pouco o que quere na TVE, gustaríalle un proxecto similar?

Pois claro. A ver, podo dicir que estamos niso, pero non depende de min. De feito non paramos desde Los Felices 20 de tentar traer algo. Como temos a sorte agridoce de que o programa non o viu ninguén, aínda que conforme pasa o tempo parece que tivemos máis espectadores, pois imos aproveitar iso ao noso favor a ver se sae ben. 

Nacho Vigalondo presentou a gala principal do Hematofesti, celebrada no Auditorio Mar de Vigo o 7 de novembro. © Andrea Rodríguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.