Dez anos despois da publicación da novela gráfica Psiconautas, o seu autor, Alberto Vázquez, conseguiu convertela en filme. Polo medio veu un Goya para Birdboy, a curta que recollía a historia dun dos personaxes do libro, e finalmente chegou, co apoio de Zircozine e Basque Films, a longametraxe. Un de tantos exemplos de cinema galego que é recoñecido nos máis prestixiosos festivais internacionais.
Psiconautas comezou sendo novela gráfica. Despois veu a curta Birdboy, baseada nesta novela. Despois a longametraxe Psiconautas, que desenvolve a historia dos personaxes de Birdboy. Como foron levando uns proxectos a outros?
Fixen primeiro o comic, que ten sentido por si mesmo, cando tiña uns 22 ou 23 anos. Tivo bastante repercusión no sector, e un día chamoume un produtor vasco, Pedro Rivero, interesado en facer unha película. Como era difícil conseguilo: facer unha animación para adultos, non comercial, en España… decidimos facer a curta, que así polo menos iamos ter unha historia pechada. Despois gañamos o Goya, e pasaron dous ou tres anos ata que atopamos as produtoras axeitadas. Así, co apoio de Zircozine e Basque Films, dez anos despois do comic saíu a película. Foi un proceso longo e complexo.
A túa outra curta Decorado foi seleccionada para Cannes e para Annecy. Como foi a experiencia?
A Cannes fun con Decorado e a Annecy con Decorado e Psiconautas. A longametraxe está nos festivais nos que ten que estar: estamos moi contentos. Psiconautas fora antes premiada en Stuttgart… Unhas van axudando ás outras.
"O mundo é un marabilloso escenario, cun reparto deplorable", di un dos personaxes de Decorado. Tanto esta curta como Psiconautas falan de violencia, marxinación, desigualdade… e absurdo, e de procura da felicidade no medio do caos. Como a vida mesma?
Non sei, supoño que si. A violencia está moi presente na sociedade, polo que a violencia dos meus filmes é unha representación da violencia social. De todas maneiras, eu xogo moito coa fantasía. En Sangue de unicornio, a violencia era xa unha premisa: osiños que matan unicornios. Tamén o é en Psiconautas. E non é violencia física, senón tamén verbal: nos diálogos percíbese a violencia psicolóxica. A violencia, claro, é un tema que está aí: é propia da sociedade, e do ser humano. É unha temática que me interesa e que entendo.
"A violencia, claro, é un tema que está aí: é propia da sociedade, e do ser humano"
En Decorado xógase coa confusión entre realidade e ficción. É como unha serie de anuncios publicitarios. Todo é un engano do que os personaxes son conscientes, mais do que non queren espertar… Outra vez… como a realidade mesma.
Decorado xa se sabe que é iso desde o mesmo título. Para min, é unha fábula existencial, sobre o sentido da vida, tratada desde o humor absurdo e o surrealismo… E iso poténciase co contraste entre o fondo e a figura. As figuras son antropomórficas, un pouco underground, e os fondos son gravados do século XIX, como estampas, que reciclei. Realmente, normalmente parto de premisas estéticas. Neste caso, é unha historia fragmentada en 18 escenas, en todas as cales se canta e se repite a palabra Decorado. É habitual que haxa fragmentación nas miñas historias. Tamén a hai en Psiconautas, con escenas con moitas escenas e personaxes, que xuntos forman como un puzzle..
Falabas de toque de estética underground. Iso nótase nos teus filmes, si. A pegada fanzineira… E cinematográfica, tamén.
Veño do comic e da ilustración, e iso ten que notarse. Se cadra pode dicirse que é unha estética que ten algo de expresionista. No tratamento da cor, por exemplo. En Psiconautas hai escenas con tonalidades moi potentes a unha soa gama: escenas vermellas e negras… Tamén son director de arte, pinto fondos…
"Se cadra pode dicirse que é unha estética que ten algo de expresionista"
En Psiconautas, os nenos esquecidos son seres marxinados, afastados dunha sociedade que só lles deixa os refugallos, controlados por dous mafiosos... Desigualdade e marxinación son moi tratadas nas túas obras. Marxinación por motivo de clase social, por ser diferente…
Si que me gustan as personaxes que se sitúan á marxe, porque son un reflexo da sociedade. Pero tampouco sabería explicarche moito máis. Non é algo consciente que aparezan tanto esas temáticas no que fago. En Psiconautas hai moito simbolismo relacionado con iso: persoas que viven nunha illa, que queren saír pero non poden porque non teñen cartos, a contaminación da illa, que causa unha influencia externa e interna…, as drogas… Aínda que máis que un conto é un anticonto, que presenta situacións comúns: o faro, a ponte, a embarcación, a illa… Gústame traballar coa fantasía, pero sempre a impregna a realidade, porque a fantasía pode falar de temas moi reais. Hai elementos fantásticos como obxectos que falan, demos…
"Gústame traballar coa fantasía, pero sempre a impregna a realidade, porque a fantasía pode falar de temas moi reais"
Dinky toma pastillas da felicidade mentres uns pais manipuladores a maltratan. Birdboy, un neno paxaro con medo a voar, tamén depende da droga. Un demo controla a Birdboy, uns demos queren controlar a Sandra... Que representan os demos?
Os demos aparecen bastante, si. No caso de Birdboy, é un neno atormentado, misterioso, que non fala… Na primeira parte presentámolo como drogodependente, despois como gardián do bosque, logo como demo… O demo representa a súa dor.
As túas obras teñen moitas veces algo de desacougante, ás veces un pouco terrorífico. Un punto escuro, que remite tamén a autores como Poe ou Lovecraft (dos que ilustraches reedicións das súas obras)...
Lin moito a eses autores que citas. E si, chamáronme para ilustrar obras, precisamente, deles. Algo de influencia pode haber deles. En calquera caso, é unha mestura de influencias…
En Psiconautas, a autoridade é representación do abuso de poder, da falsidade, da corrupción. Abuso de poder tamén o hai en Sangue de unicornio: o irmán maior que humilla o pequeno…
Si, en Psiconautas é unha autoridade na que se non se pode confiar, que non dá seguridade ningunha. En Sangue de unicornio é máis ben o bullying. En Psiconautas a autoridade é o policía, e tamén pode ser a relixión: o estado de control, por exemplo no pai que lle dá un discurso á nena mentres a trata mal, ou os nenos esquecidos, que teñen os seus mantras, nunha sociedade marxinal que creou as súas propias leis.