Na xuntanza anual do seu protocolo de colaboración en materia lingüística, que botou a andar en 2007, os gobernos galego, vasco, catalán, navarro, balear e valenciano pactaron a 'Declaración de Bilbao' dirixida ao vindeiro Goberno do Estado
No ano 2007 os gobernos de Galicia, Euskadi e Catalunya uníronse para impulsaren a protección e promoción do galego, o euskera e o catalán mediante un protocolo xeral de colaboración en materia lingüística que tiña na súa cerna a defensa dos dereitos contemplados na Carta Europea das Linguas. Ese documento foise anovando con reivindicacións concretas e, nos últimos anos, tamén coa incorporación dos gobernos das demais autonomías plurilingües. Todas elas xuntáronse este mércores en Bilbao para faceren o seguimento anual do protocolo, mais tamén para dirixir reivindicacións concertas ao vindeiro Goberno de España e, tamén, para premiaren o traballo da música galega Guadi Galego a prol da realidade plurilingüe do Estado.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o representante galego nunha xuntanza que tivo o Goberno vasco como anfitrión. Alén de cuestións ordinarias como a preparación do vindeiro informe de seguimento da Carta Europea das Linguas e o plan de traballo conxunto para 2020, os gobernos galego, vasco, catalán, navarro, balear e valenciano consensuaron un documento de carácter máis político coa vista posta na conformación do Executivo estatal: a Declaración de Bilbao.
Neste documento os seis gobernos explican que, ás portas do vixésimo aniversario da ratificación da Carta Europea das Linguas por parte do Goberno de España, "é innegable que son moitos os factores de risco que comprometen o desenvolvemento presente e futuro das nosas linguas" e "da realidade plurilingüe que o propio Estado español recoñece na súa Constitución". Por iso, di o documento, "é máis necesario ca nunca que a Administración do Estado, coa coherencia esixible a todo Estado democrático, vele pola protección e a salvagarda dos dereitos lingüísticos" tamén da poboación que fala idiomas oficiais diferentes do castelán.
Os seis Executivos reclaman do Goberno central "pasos efectivos" como concienciar o conxunto da cidadanía "da esencial realidade multilingüe do Estado"
Esta tarefa, subliñan os gobernos, "debe estar por riba de intereses políticos particulares" e mostra disto é que "os asinantes deste protocolo e desta declaración traballamos dende diversas sensibilidades e opcións políticas". "Móvenos a certeza de que o futuro, pero tamén o propio presente", veñen "da man do multilingüismo" e pos iso os responsables de Política Lingüística dos seis gobernos instan "o Goberno resultante da recente convocatoria electoral" a que "sen demora e nunha atmosfera de entendemento e consenso coas institucións das nosas comunidades", dea "pasos efectivos para incorporar á súa axenda política un plan eficaz orientado ao cumprimento" das súas obrigas "coas linguas oficiais diferentes ao castelán".
As seis institucións acordaron recoñecer a Guadi Galego polo seu disco 'Immersión', con pezas cantadas en todos os idiomas da península ibérica
A xuízo das seis institucións, esta é "unha tarefa que non admite demora" e "para a que brindamos, como fixemos sempre, a nosa máis resolta colaboración" e "vontade de acordo". Neste sentido, coidan que "unha das liñas mestras" que deberan "orientar a actitude dilixente e proactiva que reclamamos do Goberno do Estado" é que "adopte medidas pedagóxicas e comunicativas eficaces en orde á asunción por parte de todo o conxunto da cidadanía do Estado" da "esencial realidade multilingüe deste". Tamén cómpre, agregan, a "promoción sostida das linguas oficiais no Estado español como chave para un multilingüismo equilibrado e harmónico".
Dende a aposta polo "acordo" e "a convivencia lingüística", os gobernos reunidos este mércores en Bilbao resolveron ademais conceder o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado a Guadi Galego" polo seu último disco, Immersión, composto por pezas cantadas en galego, euskera, catalán, aranés, asturiano, portugués e castelán. Como a propia Guadi Galego sinalou en Praza.gal ás portas da xira de presentación do disco, que continúa nas vindeiras semanas e meses, este traballo é unha aposta por situar todas as linguas peninsulares "á altura dos afectos".