"A inmersión lingüística debería ser o único modelo educativo"

Paul Bilbao © AELG

Paul Bilbao (Algorta, Getxo, 1971) é o secretario xeral de Kontseilua, plataforma que agrupa as asociacións que no País Vasco procuran o pleno desenvolvemento do éuscaro e entidade responsable da comisión de seguimento do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos, documento aprobado en Donostia a finais de 2016 e no que tamén participou A Mesa pola Normalización Lingüística. Nel, máis dun cento de colectivos que representan máis de 30 linguas minorizadas de Europa propoñen 185 medidas para asegurar a igualdade idiomática e garantir o cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos de 1996. Inclúense propostas desde os ámbitos da educación e da comunicación ao socioeconómico e o da administración pública e son, como lembra Bilbao, aplicables, cos seus matices, a todas as comunidades lingüísticas. De visita en Galicia, presenta o devandito Protocolo á Real Academia e ao Parlamento e participa nos 19ª edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Consello da Cultura Galega entre xoves e venres. 

O seu relatorio titúlase O Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos. Exemplo de empoderamento da sociedade civil. En que consiste ese empoderamento?

Mediante un proceso que durou ano e medio, conseguimos que decenas de axentes sociais que traballan pola recuperación de máis de 30 linguas minorizadas fixesen propostas sumadas e consensuadas nun documento que sirva para todas estas linguas. En éuscaro hai un dito que significa algo así como "poñer a todos a bailar ao son dunha música"; pois o que fixemos co Protocolo de Donostia foi poñer a música para que bailasen ducias de entidades. Cada unha, desde as súas propostas concretas e indicadores, achegou a súa parte para determinar que medidas deberían tomar os poderes públicos se realmente avogan por unha sociedade xusta, baseada na equidade e na xustiza social. 

Non hai xustiza social coas linguas?

Sempre que se fala das linguas minorizadas fálase delas como minoritarias, dun xeito condescendente... As autoridades atribúense méritos por permitirnos facer cousas no noso idioma, pero non estamos falando de permitir ou deixar facer, estamos falando de xustiza social, de construír unha Europa baseada noutros parámetros. A nosa proposta para esta nova Europa é que os poderes públicos cumpran coas medidas expresadas no Protocolo. 

"A UE considera os dereitos lingüísticos algo doméstico e deixa todo en mans dos Estados; é algo surrealista e sen lóxica ningunha"

Pero, á marxe do que se solicita no documento, son moitas as Administracións que incumpren as súas propias normativas lingüísticas ou mesmo compromisos internacionais asinados...

A cuestión lingüística en Europa ten casos de todo tipo, como o principio de neutralidade que se aplica en Bélxica ou o de Francia, onde nin tan sequera se recoñecen as colectividades do seu territorio como a vasca, a corsa, a bretoa ou a occitana. É certo que a UE non se mete na diversidade lingüística e nos dereitos dos falantes de linguas minorizadas, xa que considera que é algo doméstico, algo que é surrealista porque o principio da Unión Europa sempre foi aquilo de "unidos na diversidade". Unidos si, pero na diversidade das linguas estatais. Mentres noutros aspectos as comisións europeas si meten man, no caso das linguas non o fan e deixan en cada Estado a xestión da diversidade lingüística. É algo que non ten lóxica ningunha. Hai mesmo Estados, como o caso de Francia, onde as linguas que non son o francés non teñen ningún tipo de recoñecemento. Tes que usar sempre o francés, porque aínda que empregues o éuscaro ou o bretón, non teñen ningún valor xurídico oficial. 

"A sociedade civil debe denunciar que as administracións non cumpren con acordos que ratifican, que non se pode vivir na lingua do teu territorio"

O Consello de Europa advirte reiteradamente dos incumprimentos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, tanto a nivel estatal como en Galicia. Que se pode facer se as administracións non poñen remedio?

Aí é fundamental o labor de denuncia por parte da sociedade civil. No caso da Carta Europea, cando o Estado fai os informes que avalían o seu cumprimento, sempre adoita dicir que cumpre con todo cando non é así. É aí onde á sociedade civil lle corresponde denunciar algo que non é pouca cousa: a imposibilidade de vivir na lingua propia do teu territorio. Isto é algo grave e hai que poñer de manifesto que os gobernos incumpren os tratados que eles mesmos ratificaron. O propio secretario xeral do Consello de Europa manifestoume a min nunha xuntanza que el ve o Protocolo de Donostia como unha ferramenta complementaria á Carta.

"Non vale ir polo mundo dicindo que España é un modelo de respecto á diversidade lingüística cando Xunta e Goberno central incumpren reiteradamente a Carta Europea das Linguas"

De que xeito?

Entende que pode ser a folla de ruta a seguir se de verdade hai unha vontade política das administracións, porque son medidas concretas e porque veñen da sociedade civil. Pero claro, para levar a cabo todo isto fai falta vontade política. Sabemos que é difícil, pero non deixaremos de insistir e non deixaremos de lembrar que nin a Xunta nin o Goberno central cumpren cos compromisos que adquiriron na Carta Europea, que ademais foron os máximos. Non vale ir polo mundo dicindo que o Estado español é un modelo de respecto á diversidade lingüística cando xa imos polo quinto ano de avaliación do cumprimento da Carta e hai recomendacións que se lles están repetindo desde a primeira avaliación. 

"A política lingüística da Xunta non foi moi favorable a garantir os dereitos dos galegofalantes e iso deixa un pouso que calla"

A vontade política respecto das linguas minorizadas no Estado é moi diferente segundo o territorio...

Evidentemente, as políticas lingüísticas dentro do Estado español, desde o Goberno vasco até a Xunta pasando pola Generalitat catalá, País Valencià ou Balears, foron moi diferentes e os seus resultados tamén moi variados. Estamos falando de políticas que levan xa tres décadas e que xa tiveron as súas consecuencias. Polo pouco que podo coñecer do galego, parece evidente que a Xunta non tivo unha actitude moi favorable a garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes e todo iso deixa pouso. É como un sirimiri, un orballo que parece que non molla pero calla e calla até os ósos. 

Son moitos os activistas a prol do galego que poñen o éuscaro como o exemplo dunha lingua que esmorecía e que foi recuperada. En que se baseou o seu éxito e que sería aplicable ao galego?

Aquí hai unha enorme diferenza que é a proximidade lingüística. Obviamente, é máis doado ser bilingüe castelán-galego que castelán-vasco, ao igual que pasa co catalán. Isto facilita o proceso de recuperación, pero o que fai falta son políticas eficaces. Precisas un corpus xurídico axeitado, unha planificación adecuada e recursos tamén adecuados. Estas tres columnas son as necesarias. No caso do vasco, é certo que as políticas foron moi diferentes na Comunidade Autónoma Vasca ou en Navarra. En Navarra houbo unha mudanza política hai dous anos, pero ata daquela tivemos unha política lingüísica glotocida cuxo obxectivo era facer desaparecer a lingua vasca e invisibilizala. No caso de Euskadi, é certo que se levaron a cabo medidas eficaces ou que no ensino se reverteu a situación: hoxe en día a maioría de nais e pais optan poro un modelo educativo que garante o coñecemento do éuscaro e logo do castelán e dunha terceira lingua. Houbo medidas interesantes pero aínda hai carencias no sistema sanitario ou no ámbito socioeconómico, pero tamén é certo que houbo un tecido e movemento social moi importante, tanto para impulsar a normalización lingüística como para crear falantes, espazos de uso e ferramentos para vivir en éuscaro. 

"Na normalización dunha lingua fan falta falantes e espazos de uso para esa lingua; só con falantes non se normaliza"

É o ensino fundamental para normalizar unha lingua?

O ensino é un piar. Na normalización dunha lingua fan falta falantes e espazos de uso desa lingua. Só creando falantes non se normaliza porque fan falta situacións de uso, pero para ter falantes novos hai tres fontes: a transmisión de pais e nais a fillos e fillas, algo que no caso do éuscaro está garantido en niveis moi altos; outra é que a xente adulta aprenda a lingua minorizada, e para isto se hai motivación todo é máis fácil. Se a xente adulta crese que aprendendo galego vai ter máis posibilidades de traballar, as cousas serían máis doadas porque haberá moita xente que teña unha motivación identitaria para aprender a lingua, pero outra moita non, por iso temos que fomentar estas motivacións. Ademais destas dúas, a terceira fonte é a educación e é a máis doada porque os pequenos adquiren o coñecemento das linguas dunha forma moi natural e iso está probado no caso do éuscaro: o modelo de inmersión lingüística garante que os alumnos, ao acabaren o ensino obrigatorio, teñen un nivel axeitado tanto de éuscaro e de castelán e outro aceptable dun terceiro idioma. Xa que logo, sabemos que existe un sistema que, ademais, fai que non haxa división entre os alumnos. Todos eles conseguen as mesmas aptitudes lingüísticas. Por que ten que haber un sistema de modelos? O único modelo debe ser o de inmersión porque é o único que dota de todas as ferramentas aos rapaces e rapazas. 

"O modelo de inmersión lingüística garante que os alumnos acaben o ensino obrigatorio cun nivel axeitado de éuscaro e de castelán"

Daquela, recomenda o modelo de inmersión para calquera lingua minorizada?

Non só o recomendo senón que creo que debería ser o único modelo educativo porque é o único que garante os dereitos de todos os rapaces e rapazas. A min paréceme surrealista que no sistema educativo se lles poida vetar o coñecemento aos nenos. Iso sería imposible coas matemáticas, por exemplo. Por desgraza, a moitos nenos e nenas vétaselles o coñecemento. No caso do modelo de inmersión, máis tarde son os nenos e nenas os que deciden que lingua van utilizar pero polo menos que teñan a ferramenta. Eu sempre poño o mesmo exemplo: no ensino aos rapaces apréndeselles a teoría da evolución pero en aulas de Relixión é moi probable que lles aprendan o creacionismo; o sistema educativo garántelles que van aprender a teoría da evolución e logo xa serán os pais os que lles transmitan outras cousas. Pero non hai quen diga que aos seus filllos lles hai que privar de coñecer a teoría da evolución. A educación ten o deber de dar as mesmas ferramentas a todo o alumnado, estea nun centro educativo ou noutro, e logo ese alumno, dependendo tamén dos valores que lle inculque a familia, decidirá en que lingua vai vivir ou comunicar, pero polo menos xa ten o instrumento. 

"Non só recomendo a inmersión, creo que debería ser o único modelo educativo porque é o que garante os dereitos de todos os rapaces"

Pero hai quen reivindica o dereito dos país a escoller o modelo lingüístico educativo...

A propia Constitución Española non recoñece este dereito, o único dereito que outorga aos pais é elixir en que valores se vai educar: se vai ter relixión católica ou ética ou o que sexa. O sistema educativo ten unhas obrigas e nos lugares onde hai lingua propia ten tamén a de garantir a súa aprendizaxe.. O propio Tribunal Constitucional determinou que se non se garante o coñecemento axeitado das linguas oficiais do territorio, o modelo educativo sitúase fóra da Constitución.

Paul Bilbao © AELG
Presentación do 'Protocolo de Donostia' no CCG © A Mesa

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.