Co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, o galego foi protagonista por primeira vez na historia dunha comunicación da ONU. Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, aproveitou esta conmemoración para difundir unha declaración oficial en 27 idiomas entre os que, por primeira vez, o de Galicia tamén está incluído.
“É a primeira vez que unha declaración da ONU está en galego”, destaca A Mesa pola Normalización Lingüística sobre un documento no que o relator das Nacións Unidas destaca que a lingua “é, para moitas persoas, un dos principais marcadores do centro da súa identidade, e a súa dimensión é un trazo humano único que se debe asumir e celebrar".
"É imprescindíbel apartármonos da ideoloxía de que as sociedades e Estados deben ter só unha lingua e excluíren todas as demais", di De Varennes na declaración
Na declaración oficial, De Varennes considera “imprescindíbel apartármonos da ideoloxía de que as sociedades e Estados deben ter só unha lingua e excluíren todas as demais, cando isto entra en conflito cos dereitos lingüísticos das minorías e dos pobos indíxenas».
Segundo o relator especial da ONU, “os problemas lingüísticos, con frecuencia, implican importantes dereitos humanos que afectan tanto a minorías como a pobos indíxenas alén dos temas puramente lingüísticos e culturais». Ademais, advertiu de que o idioma "tamén é poder", e que "a ausencia de formación nas linguas minoritarias e indíxenas ou o seu uso por parte das autoridades estatais ten sido un factor activo na súa exclusión e mesmo no seu menosprezo".
Para De Varennes, o Día Internacional da Lingua Materna «é unha oportunidade para promover e celebrar a diversidade lingüística e cultural, e para recoñecer e protexer os dereitos humanos das minorías e pobos indíxenas en relación coas linguas». Ao tempo, insistiu en que a lingua propia “é unha ligazón esencial co noso pasado, o vínculo principal das nosas culturas, e a ferramenta básica para comunicármonos e compartir coñecementos, lembranzas e historia».
Esta declaración oficial da ONU na que se inclúe por primeira vez o galego chega só unhas semanas despois de que o propio De Varennews realizase durante doce días realizou unha visita oficial a España para comprobar a situación de colectivos minorizados no Estado e incluír na súa axenda a Galicia. Aquí, e a través del, a institución recolleu tamén información sobre o galego e a vulneración dos dereitos lingüísticos no país. Foi a primeira vez que o fixo in situ e será a primeira vez que un organismo da ONU tome posición respecto da situación da lingua galega e sobre as eivas que sofre o idioma para a súa normalización desde o emblemático informe presentado ante a UNESCO en 1954, hai 65 anos, por parte da colectividade emigrada e exiliada na Arxentina.
No informe preliminar sobre a visita, o relatar especial xa advertiu dos "obstáculos" que España impón no cumprimento das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas, sobre todo no ensino ou no ámbito xudicial.