O 7 de novembro de 2006, hai agora dez anos, o daquela conselleiro de Traballo, o socialista Ricardo Varela, convertíase na primeira persoa en falar galego nun Consello de Ministros da Unión Europea. Adiantábase por seis días ao vicepresidente nacionalista Anxo Quintana e daba comezo así un xa longo listado de participacións de Galicia nun dos máximos órganos de debate e decisión da UE.
O 7 de novembro de 2006 Ricardo Varela convertíase no primeiro en falar galego nunha reunión de ministros da UE, e seis días despois facíao Anxo Quintana
A orixe da presenza de responsables rexionais nos máximos órganos de goberno da UE remóntase a unha década máis atrás. Foi Mariano Rajoy, daquela ministro de Administracions Públicas, quen en 1997 abriu a posibilidade de que as comunidades autónomas participasen na denominada “comitoloxía” da UE, as reunións sectoriais de carácter técnico preparatorias dos acordos políticos que logo aproban os estados. Rajoy fíxoo obrigado polos acordos con CiU e PNV que facilitaron o primeiro Goberno de José María Aznar. Uns anos despois, en 2004, froito xa dos acordos de goberno do PSOE con Esquerra Republicana, foi cando se articulou a participación directa das comunidades no Consello da UE, a través dos consellos de ministros sectoriais.
Nos consellos de ministros da UE cada estado é representado polo seu ministro do ramo en cuestión, pero no caso de España pode estar acompañado por un conselleiro dunha comunidade autónoma, que senta ao seu carón. As comunidades rótanse para ocupar ese sitio, e adoitan cederse unhas a outras a quenda en función de que os temas a tratar en cada reunión sexan de maior interese para algunha en concreto. Logo é o ministro o que decide se finalmente ese conselleiro ou conselleira que senta ao seu carón toma finalmente a palabra na reunión.
A primeira vez que unha galega sentou nun deses encontros, naquela ocasión sen falar, foi o 19 de decembro de 2005, nunha reunión sobre pesca. A socialista Carmen Gallego, conselleira do ramo, participou nela grazas a que Castela e León lle cedeu a súa quenda ao entender que Galicia tiña máis interese na cuestión.
Foto en lembranza da súa intervención en galego que lle regalou a Varela (na mesa, no extremo esquerdo e de perfil) un membro do seu equipo
A honra de ser o primeiro en falar galego ía tocarlle ao vicepresidente Anxo Quintana, acompañando á ministra de Educación e Política Social, Mercedes Cabrera, nun Consello de Xuventude, área da súa competencia, previsto para o 13 de novembro de 2006. Pero a presidencia da UE que daquela ocupaba Finlandia convocou un Consello de Política Social extraordinario para xusto seis días antes, o 7 de novembro, así que Ricardo Varela adiantouse a Quintana e acompañou naquel encontro ao ministro de Traballo, Jesús Caldera.
En 2011 a xornalista e investigadora Rocío Castro publicou unha análise sobre as primeiras presenzas de Galicia no Consello da UE na revista Tempo Exterior, que edita o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Nese artigo recolleu aquelas primeiras verbas en galego pronunciadas por Varela: “Como representante dunha rexión europea como é Galicia, pero cunha grande historia detrás, quero facelos partícipes da gran transcendencia simbólica que ten a miña intervención pois é a primeira vez que nesta institución europea se escoita o idioma galego, unhas das linguas cooficiais do Estado español; podo dicir, sen temor a equivocarme, que hoxe os galegos nos sentimos máis europeos”. Seis días despois de que se lle adiantase Varela, Quintana amosou igualmente a súa “emoción” por “ser o primeiro nacionalista galego que intervén nunha xuntanza desta institución e de poder facelo ademais nunha lingua europea, a lingua do meu país: o galego”.
O socialista lembra aquel día de hai dez anos con “sensación de satisfacción no persoal e no político”
Hoxe Varela, que non lembraba a efeméride ata que foi contactado por Praza.gal, non recorda falar con Quintana sobre aqueles feitos xa que só despois soubo que o nacionalista ía ser o primeiro en intervir. O socialista lembra aquel día de hai dez anos con “sensación de satisfacción no persoal e no político”: no persoal “porque quedara reflectido nas actas que un galego falase galego alí”, e no político porque “aínda que Europa será máis parlamentaria, daquela as decisións en Europa tomábanse alí, nas reunións dos ministros”.