A ‘raia seca’ de Ourense e o Gerês impulsa a cuarta entidade oficial de cooperación Galicia-Portugal

Sinatura do acordo para a AECT da 'raia seca' en Arcos de Valdevez © Deputación de Ourense

O proxecto de cooperación transfronteiriza con personalidade xurídica e recoñecemento da UE quere sumarse á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a eurocidade Chaves-Verín e a agrupación de municipios Rio Minho 

Concellos galegos e cámaras municipais portuguesas da raia seca ourensá e do Gerês luso asinaron este mércores en Arcos de Valdevez unha declaración conxunta para a constitución dunha Agrupación Europea de Cooperacion Territorial (AECT), entidade de colaboración transfronteiriza con personalidade xurídica propia que sería a cuarta creada entre administracións galegas e portuguesas. A declaración manifesta “a vontade política de crear un instrumento estable de desenvolvemento conxunto deste territorio como espazo transfronteirizo cohesionado e singular” e, como tal, “impulsar proxectos conxuntos e accións candidatas aos programas de cooperación transfronteiriza” que financia a Unión Europea.

Fronteira entre Calvos de Randín e Portugal na 'raia seca' do Xurés © Google

A nova entidade de colaboración vén sendo impulsada pola Deputación de Ourense e as comunidades intermunicipais lusas do Cávado, do Alto Támega e Barroso, e do Alto Minho. Ademais destas entidades, o acordo deste mércores conta coa sinatura dos concellos galegos de Baltar, Bande, Calvos de Randín, Cualedro, Entrimo, Lobeira, Lobios, Monterrei, Muíños, Oímbra, Padrenda, Quintela do Leirado e Verea e das cámaras municipais portuguesas de Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras de Bouro.

No acto deste mércores participaron tamén a Secretaria de Estado do Desenvolvimento Regional de Portugal, Isabel Ferreira, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal, António Cunha, e o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo. Este último felicitouse “de que toda a fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal vaia estar cuberta por estruturas estables e permanentes de cooperación, o que facilitará o planeamento conxunto e a mellor captación de recursos para proxectos transfronteirizos”.

Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT), figura europea con personalidade xurídica propia, creadas entre administracións de Galicia e o Norte de Portugal CC-BY-SA Praza Pública

As Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) son figuras creadas pola UE en 2006 para dotar de personalidade xurídica propia a asociacións transfronteirizas de administracións

As Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) son figuras creadas pola UE en 2006 para dotar de personalidade xurídica propia a asociacións transfronteirizas de administracións. Con esa personalidade propia poden aspirar de xeito directo a fondos comunitarios á marxe das administracións que as conforman, constituíndose nun novo actor de cooperación internacional.

Unha das primeiras AECT recoñecidas en toda Europa foi a denominada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, formada pola Xunta e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, que xa crearan en 1991 a pioneira Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. A seguinte AECT creada entre administracións de Galicia e o Norte de Portugal foi a Eurocidade Chaves-Verín, en 2013. E en 2018 sumouse a AECT Rio Minho, conformada por 26 municipios das dúas beiras do Baixo Miño. A AECT Raia Seca / Xurés-Gerês sería polo tanto a cuarta entidade similar creada entre administracións de Galicia e o Norte de Portugal.

Antes mesmo da AECT, a Eurorrexión impulsada en 1991 e o Eixo Atlántico de cidades en 1992 foron as dúas primeiras asociacións a nivel rexional e municipal, respectivamente, impulsadas por administracións de Galicia e o Norte de Portugal

Tamén Tui e Valença, que levan anos compartindo servizos e dotacións, amosaron nos últimos tempos o seu interese en constituírse en AECT, paso que aínda non deu a tamén denominada eurocidade Cerveira-Tomiño. Pero ao igual que esas vilas do Baixo Miño, sen contar coa figura xurídica europea outras entidades veñen desenvolvendo igualmente un importante traballo de cooperación transfronteiriza, como o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, asociación de cidades de Galicia e o Norte de Portugal creada en 1992 e que xa conta con preto de corenta administracións socias. 

Por riba da cooperación eurorrexional tamén se constituíu a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), entidade de coordinación á que pertencen o Eixo Atlántico ou a Eurocidade Chaves-Verín así como outra vintena de organizacións de toda a raia entre Portugal e España interesadas na cooperación transfronteiriza, tanto de base administrativa como empresarial ou universitaria, como a Universidade de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ou a de Ourense (CEO).

Fronteira entre Portugal e Galicia na desembocadura do río Miño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.