Rueda enviou a Sánchez as súas peticións para a última Cimeira Ibérica o día antes ás sete da tarde

Pedro Sánchez e Alfonso Rueda na súa primeira reunión tras a toma de posesión do segundo como presidente da Xunta, o 28 de xullo, e carta enviada polo segundo a tarde antes da Cimeira Ibérica do pasado 4 de novembro CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O presidente anexou un documento de 60 páxinas á carta que dixo que enviaría “con tempo antes de que se celebre a Cimeira”

O pasado 6 de outubro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non asistiu ao cumio España-Alemaña celebrado na Coruña porque, criticou, o Goberno galego fora invitado “a menos de 48 horas do acto”. Un mes máis tarde, o 4 de novembro, Viana do Castelo acolleu a XXXIII Cimeira Ibérica, e Rueda queixouse de non ser invitado, ante o que anunciou que trasladaría por carta a Pedro Sánchez as reclamacións de Galicia ante dito foro. Esa carta, acompañada dun documento de 60 páxinas co detalle das reivindicacións, foi asinada por Rueda ás 18:56 horas da tarde do día anterior á Cimeira.

Carta de Rueda a Sánchez asinada ás sete da tarde do día anterior ao inicio da Cimeira Ibérica CC-BY-SA Praza Pública

Aínda que boa parte das peticións ao Goberno de España de cara á Cimeira Ibérica xa figuraban en anteriores reclamacións sectoriais que vén formulando neste tempo o Goberno galego ou o propio Rueda no seu encontro con Sánchez do pasado xullo, para a reunión con Portugal agardou ata a véspera, ata o 3 de novembro, para analizar no Consello da Xunta un “informe sobre as demandas que presenta a Xunta de Galicia ante o vindeiro Cumio Ibérico”. Demandas que se focalizaban nas infraestruturas, en particular no AVE Vigo-Porto.

Na rolda de prensa posterior a esa reunión do Goberno galego, contra a unha da tarde, o propio Rueda verbalizou os seus seguintes pasos con ese documento: “Inmediatamente llo trasladarei por escrito ao presidente do Goberno con tempo antes de que se celebre a Cimeira”. A propia Xunta divulgou un comunicado de prensa aquel mesmo xoves titulado “Rueda demándalle por carta a Sánchez que o Cumio Ibérico priorice as infraestruturas que conectan Galicia e o Norte de Portugal, como o AVE Vigo-Porto”.

Documento remitido por Rueda a Sánchez na tarde previa á Cimeira Ibérica

A carta e o documento enviado por Rueda á Sánchez a tarde antes da Cimeira Ibérica chegaron despois de que o propio Rueda non asistise ao cumio España-Alemaña da Coruña porque fora "invitado a menos de 48 horas do acto"

Praza.gal solicitou, en aplicación da Lei de Transparencia, acceso a esa carta anunciada por Rueda a Sánchez, e agora vén de ser facilitada polo Goberno galego. A misiva, con código de verificación electrónica para comprobar a súa autenticidade, está asinada dixitalmente polo presidente ás 18:56:52 da tarde do 3 de novembro.

Nela remítese ao documento anexo de 60 páxinas, do que se di que se traslada “con carácter previo á celebración do presente cumio”, en liña coas verbas do propio Rueda de que as súas peticións ao presidente chegarían “con tempo” antes do inicio do encontro bilateral. Un encontro que se celebrou ao mediodía do día seguinte, o 4 de novembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.