Un mes de Rueda na presidencia: reconstrución do núcleo duro á espera da pugna con Pedro Sánchez

Alfonso Rueda comparece ante a prensa con Nadia Calviño, vicepresidenta segunda e ministra de Economía do Goberno de España, con presenza de asesores de ambos nas primeiras fileiras, o pasado 10 de xuño no Pazo de Raxoi CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Hai agora un mes, Alfonso Rueda viña de ser investido como presidente da Xunta polo Parlamento tras tres meses de longa marcha de Alberto Núñez Feijóo e dispúñase a xurar o cargo antes de nomear o seu primeiro Goberno. Na composición do Consello da Xunta apenas houbo un nome novo, o de Diego Calvo como vicepresidente segundo, e a estrutura do Executivo apenas experimentou algúns axustes de estrutura e competencias, tales como a volta do Turismo a área da Presidencia.

O novo presidente e o PP teimaron en presentar a remuda como un exercicio de plena normalidade -"normalidade extraordinaria", reiteraron- que non puña en cuestión a "estabilidade" política de Galicia nin alteraba o ritmo cotián da Xunta. Pero o certo é que, máis alá dos escasos cambios nas consellerías, no núcleo duro da Presidencia a mudanza foi practicamente total, toda vez que ese primeiro círculo de asesores e persoal de confianza que resultan clave na dirección política do Goberno foi desmontado por Feijóo na súa totalidade para levalo consigo a Madrid.

Alfonso Rueda percorre o tramo do Camiño de Santiago entre Arzúa e Compostela en bicicleta acompañando ao presidente de AC Hoteles, Antonio Catalán, o 7 de xuño de 2022 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Para remudar nomes de tanto peso político coma o de Mar Sánchez, ex-secretaria xeral de Medios e principal asesora de Feijóo, Rueda escolleu nomes doutros departamentos da propia Xunta, persoas todas elas con experiencia pero que, a priori, non acumularán nin de lonxe tanto poder. Mentres, tanto no partido coma no goberno aumenta o peso das baronías territoriais, que foran perdendo folgos fronte ao presidencialismo de Feijóo.

As primeiras reunións do Consello encabezadas polo novo presidente centráronse en nomeamentos e en completar asuntos que xa tiñan a súa tramitación en marcha

Con este pano de fondo, o Goberno retomou a marcha e polo momento celebrou catro reunións do Consello con contido executivo -unha primeira, tras as tomas de posesión, tivo carácter simbólico-. Centráronse, en boa medida, nos devanditos nomeamentos e mais en completar asuntos que xa tiñan a súa tramitación en marcha, tales coma diversos compromisos de gasto ou convenios. 

Así, por exemplo, o pasado 25 de maio o Consello deu luz verde á oferta extraordinaria de emprego público para estabilizar persoal (na liña do marcado pola lexislación estatal) e o 2 de xuño aprobou o plan de defensa contra incendios para este verán. O pasado día 9, completou a tramitación da nova edición do programa Muller e Ciencia e autorizou a contratación do dispositivo de recepción, almacenaxe e distribución de vacinas contra a COVID para telo preparado por se fose aprobada a administración dunha cuarta dose para a poboación xeral. [As referencias completas pódense consultar aquí].

Rueda recibe a Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG) en San Caetano, o pasado 6 de xuño CC-BY-SA BNG | David Cabezón / Xunta

En ningunha destas reunións do Consello houbo decisión especialmente relevantes nin viraxe ou novidade ningunha a respecto do xa previsto. Tampouco nas xuntanzas que o presidente mantivo a pasada semana coa portavoz nacional do BNG e o secretario xeral do PSdeG, os seus primeiros encontros institucionais cos líderes da actual oposición. Ana Pontón e Valentín González Formoso acudiron a San Caetano con cadansúas axendas de prioridades políticas, en ambos casos encabezadas pola sanidade, especialmente pola carencia de persoal en Atención Primaria. Rueda destacou a cordialidade das conversas e mesmo a coincidencia nalgunhas prioridades -non así nas propostas-, se ben puxo o foco en que pedira o apoio de ambos para as reclamacións que prevé trasladar ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, cando o reciba en La Moncloa, reunión que aínda non ten data.

Á espera do primeiro encontro con Sánchez e das primeiras decisións que poidan permitir albiscar o seu selo alén da mera continuidade, Rueda desprega unha axenda pública que semella encamiñada a darse a coñecer

O tirapuxa co Goberno de España en asuntos como a xestión dos fondos europeos de recuperación, pero tamén na propia sanidade ou en cuestións como a xestión do litoral semellan marcadas en vermello na axenda do novo presidente para comezar a alzar politicamente o voo fronte a BNG e PSdeG. Esa pugna veu sendo, non en van, un dos eixos argumentais centrais nos últimos anos do Goberno que el mesmo vicepresidiu. Mais tamén ante os propios populares e ante a ampla sombra do ex-presidente Feijóo. 

Á espera das primeiras decisións que poidan permitir albiscar o selo directo do novo presidente alén da mera continuidade, Rueda desprega unha axenda pública que semella encamiñada a darse a coñecer á cidadanía -ao electorado-. Esa axenda incluíu diversos actos sectoriais -nunha escola infantil en Pontevedra, nunha residencia de maiores en Carballedo ou na Semana Verde de Silleda e varios eventos vinculados ao Xacobeo e ao turismo, entre outros, así como a inauguración da Cidade da Xustiza de Vigo. Pero tamén un esvarón dialéctico que lle deu sona alén do país no sentido contrario ao procurado polo seu equipo ao afirmar que a controvertida visita do rei emérito a Sanxenxo contribuíu a "poñer no mapa" a Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.