O pasado martes, Día das Letras Galegas, Alfonso Rueda presidiu os seus primeiros actos oficiais como presidente da Xunta, alén da súa propia toma de posesión e das do resto do Goberno galego. Poucas horas antes foi entrevistado na Cadena COPE, onde entre outros asuntos foi cuestionado a respecto dunha eventual visita do papa Francisco e tamén sobre a súa opinión en relación a que o rei emérito, Juan Carlos de Borbón, inicie o seu regreso de Abu Dhabi cunha visita a Sanxenxo.
Rueda considerou que a visita de Juan Carlos de Borbón a Sanxenxo contribúe a "poñernos no mapa", xerando a súa primeira controversia política como presidente da Xunta
Na súa resposta, Rueda evidenciou que naquela altura o regreso do anterior xefe do Estado e, nomeadamente, a súa viaxe á vila do Salnés aínda se mantiña no terreo dos "rumores" -agora xa está confirmada-. Non obstante, o xefe do Goberno galego non dubidou en cualificar de "magnífica noticia" a posibilidade de que se producise. El mesmo, argumentou, puido "comprobar" o "impacto absolutamente positivo" e o "agarimo da xente cando está aquí", ademais do "beneficio que supón para toda Galicia dende o punto de vista do turismo, da afluencia, de poñernos no mapa".
A consideración de que o monarca emérito -especialmente tras os escándalos financeiros que motivaron a súa marcha aos Emiratos Árabes en 2020- contribúa a "poñer no mapa" a Galicia suscitou un amplo balbordo político, mediático e nas redes sociais. Posiblemente, a primeira controversia xerada por Rueda como presidente, o seu primeiro punto no mapa político estatal como titular da Xunta.
Este mesmo mércores, preguntado por esas palabras durante unha visita ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, o presidente reafirmábase no que afirmara, máis alá da "expresión coloquial" de colocar a Galicia no mapa. A súa convicción, di, é que a viaxe de Juan Carlos I a Galicia e a súa presenza en Sanxenxo é boa "dende o punto de vista da publicidade", da "promoción" turística. Paralelamente, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín (PP), aseguraba a través dun comunicado que os teléfonos do Concello están "desbordados" de chamadas de apoio ao monarca.
"Quen coloca a Galiza no mapa son os galegos e galegas sen contas B en Suíza"
Pontón ve "politicamente inaceptable" a afirmación de Rueda: "Dicir que un rei fuxido dá prestixio a Galiza é unha ofensa á xente deste país"
As afirmacións de Rueda a respecto da visita do rei emérito a Sanxenxo non foron ben recibidas na oposición galega. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve "politicamente inaceptable" que o presidente o asocie con "prestixio" para o país. "O que sitúa a Galiza no mapa son os galegos e galegas co seu traballo e coa súa honestidade, os que non teñen contas B en Suíza", afirma a líder soberanista.
Para Pontón, "dicir que un rei fuxido dá prestixio a Galiza é unha ofensa á xente deste país e desacredita a quen o di, demostrando que o señor Rueda non está á altura da súa responsabilidade". A líder do Bloque encadra estas palabras en que "a monarquía é unha institución obsoleta, impropia dunha democracia", mais tamén no uso de "toda a maquinaria estatal para branqueala" malia "todos os escándalos dos últimos tempos".
O PSdeG sinala que a visita xera "unha sensación amarga" porque "quen ostentou a xefatura do Estado non cumpriu coa exemplaridade", polo que "non debería andar facendo ostentación"
Tampouco o PSdeG concorda con que a controvertida visita poña a Galicia "no mapa". "Non é a mellor achega do presidente de Galicia nas súas primeiras horas", ironiza o secretario de organización dos socialistas, José Manuel Lage, a cuxo xuízo Rueda debera saber que Galicia "leva no mapa centos de anos". Debería, di, "comezar por ler a Afonso X O Sabio" ou consultar o mapa de Domingo Fontán.
Alén das valoracións do presidente, Lage sinala que esa visita "aos españois non é que nos encha de orgullo e satisfacción", senón que "xera unha sensación amarga". "Quen ostentou a xefatura do Estado non cumpriu coa exemplaridade que se espera", polo que "non debería andar facendo ostentación de nada".