O papel arbitral que a Constitución outorga ao rei convérteo nunha figura teoricamente neutral en canto ao tirapuxa político no Estado e á Casa Real, nunha institución allea ás posicións partidarias, en tanto que o seu rol é o de "moderar" e representar. Así e todo, foron diversas as ocasións, tanto no reinado de Juan Carlos I como no actual, co seu fillo Felipe VI, nas que a institución monárquica adoptou posturas que poden ser interpretadas como escasamente neutrais por acción ou omisión.
Antes de publicar o comunicado que cifra en 2,57 millóns o patrimonio persoal do monarca, a Casa Real adiantou a información a parte das formacións políticas con representación no Congreso
Este luns, a Casa Real facía pública a "decisión persoal" do rei de "facer público o seu patrimonio", que cifra en 2,57 millóns de euros. A información foi remitida aos medios de comunicación e, pouco despois, divulgada no seu sitio web. Antes, a casa do rei tivo o xesto de cortesía institucional de comunicar aos grupos con representación no Congreso dos Deputados a información que ía divulgar, pero non o fixo con todos. Deixou fóra ao BNG e outras forzas soberanistas: ERC, EH-Bildu, Junts e CUP.
As formacións atinxidas pola exclusión -e outras, coma Unidas Podemos- puxeron o foco nas horas seguintes non só en seren excluídas dun xesto simbólico de claro significado político. Tamén no feito de que o partido de extrema dereita Vox si estivo dentro desa roda informativa. "Aos fascistas de Vox, si; ao BNG, non", resumía o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, quen ve "escandalosa, mais habitual, a falta de parcialidade" da Coroa e declara a "excepción" como "motivo de orgullo".
Alén do xesto político que acompañou a publicación, o documento divulgado xunto ao devandito comunicado sinala que o patrimonio do rei "está principalmente constituído polas retribucións que percibiu dos orzamentos da Casa da Súa Maxestade o Rei ao longo destes últimos 25 anos; primeiro como príncipe de Asturias" (dende 1998) e "posteriormente, como rei", dende 2014. A nota sinala que esa suma, procedente dos Orzamentos Xerais do estado, ascende a 4,28 millóns de euros, dos que cómpre restar "retencións fiscais" e o "importe dos impostos satisfeitos".
A publicación do patrimonio do rei, que non especifica os fondos ou entidades onde admite que inviste, produciuse na véspera da aprobación en Consello de Ministros dun decreto para reforzar a "transparencia" da institución, cos escándalos do rei emérito como pano de fondo
A partir desta explicación, a Casa Real resume en que o patrimonio do rei está integrado por 2,27 millóns de euros en "depósitos en conta corrente ou aforro e valores representativos da participación en fondos propios de calquera entidade". Non especifica cales son eses fondos ou entidades nos que inviste Isto implicaría, daquela, que Felipe de Borbón ten aforrado arredor da metade do que gaña oficialmente. O patrimonio completaríase, segundo a versión da casa do rei, con 305.450 euros "en obxectos de artes, antigüidades e xoias de carácter persoal" que "foron obxecto da correspondente taxación".
Como informa infoLibre, pouco despois desa publicación da Casa Real chegaba outro comunicado do Goberno de España no que informaba de que este martes -xornada na que o rei visita Galicia- o Consello de Ministros aprobará o decreto pendente para reformar a "estrutura e o funcionamento" da Casa Real e "reforzar" a súa "transparencia", "rendición de contas" e "exemplaridade". O pano de fondo de todos estes anuncios seguen sendo os escándalos financeiros do rei emérito, Juan Carlos I, con cuxo eventual retorno dende os Emiratos Árabes se vén especulando dende hai semanas, así como os negocios opacos doutros familiares do actual xefe do Estado.