Felipe VI renuncia á herdanza do seu pai e deixa ao monarca emérito Juan Carlos I sen a asignación que até agora percibe dos Orzamentos Xerais do Estado por esa condición. Así o anunciou a Casa Real nun comunicado emitido este domingo tras a información de que Juan Carlos I percibiu 100 millóns de Arabia Saudita a través dunha fundación en cuxo padroado figura o actual xefe do Estado.
No comunicado, o actual Xefe do Estado anuncia tamén a "renuncia" a "calquera activo, investimento ou estrutura financeira cuxa orixe (...) poidan non estar en consonancia coa legalidade"
Mentres o foco informativo está posto por completo na crise do coronavirus, o o comunicado da Xefatura do Estado lembra as palabras sobre a "exemplaridade" que Felipe VI pronunciou na súa toma de posesión. "En coherencia coas palabras pronunciadas no seu discurso de proclamación e coa finalidade de preservar a exemplaridade da Coroa", di , quere que sexa coñecido publicamente que o seu pai "ten coñecemento da súa decisión de renunciar á herdanza" que persoalmente "lle puidese corresponder". Tamén a "calquera activo, investimento ou estrutura financeira cuxa orixe, características ou finalidade poidan non estar en consonancia coa legalidade ou cos criterios de rectitude e integridade"
No mesmo texto, divulgado este domingo, a Casa Real tamén informa de que afasta da actividade pública ao rei emérito, que nos últimos tempos pasou longas temporadas en Galicia, lonxe da actividade oficial en Madrid. Así, deixará de percibir a asignación orzamentaria que lle outorga anualmente en virtude desa condición e que alcanzou nos últimos exercicios os 194.232 euros ao ano.
A inédita decisión da Casa Real prodúcese despois de que a Fiscalía Anticorrupción iniciase unha investigación polos presuntos 100 millóns de euros de Juan Carlos I en Suíza procedentes de Arabia Saudita. Este sábado, o diario británico The Telegraph revelou que Felipe VI aparece como o segundo beneficiario da fundación 'offshore' Lucum, persoa xurídica que figura como titular da conta bancaria onde se ingresou a suposta doazón de 65 millóns de euros de Arabia Saudita ao seu pai, o rei emérito Juan Carlos I.
No seu comunicado, a Casa Real desmarca o actual rei da fundación que presuntamente recibiu os millóns de Arabia Saudita e que, segundo 'The Telegraph', o ten a el mesmo como beneficiario
A suposta doazón millonaria realizada polo homólogo do rei en Arabia Saudita, Abdullah bin Adbul Aziz Al Saud, depositouse nunha conta aberta no banco privado Mirabaud a nome da Fundación Lucum. Segundo The Telegraph, aínda que nun inicio se publicara que Juan Carlos I era o único beneficiario, nos estatutos de Lucum aparece Felipe VI como segundo beneficiario e como o encargado de velar polo resto da familia no caso de herdar a fundación.
No documento dos estatutos figura que "o segundo beneficiario debe manter durante a súa vida ao resto da Familia Real" e "satisfacer" calquera "petición razoable" que puidesen facerlle a súa nai, irmás e fillos. A Casa Real rexeitou responder ás preguntas de The Telegraph cando este se puxo en contacto coa institución antes de publicar a información.
O comunicado admite a existencia dunha carta que, en marzo de 2019, sinalaba o actual rei como beneficiario da fundación
No comunicado feito público este domingo, o actual xefe do Estado desmárcase desa organización. "En relación coas noticias aparecidas no día de hoxe, di, "a súa Maxestade o Rei descoñece por completo totalmente e a día de hoxe a súa suposta designación como beneficiario da devandita Fundación". A súa renuncia á herdanza de Juan Carlos I persegue romper calquera vínculo con ese diñeiro.
Non obstante, o mesmo documento refírese a unha carta dun despacho británico de avogados do Reino Unido "con data do 5 de marzo de 2019, dirixida á Casa da Súa Maxestade o Rei" a través da cal "tivo coñecemento, sen ningunha xustificación documental", da súa "desgnación como beneficiario" da fundación dende "o momento en que se producise o falecemento" do seu pai. Esa carta, asegura, foi trasladada "ás autoridades competentes".