"Transparencia e control parlamentario sobre a acción do xefe do Estado e a familia real, especialmente da súa actividade económica". É o que o BNG, Esquerra Republicana de Catalunya e os grupos de Izquierda Plural (Izquierda Unida, Iniciativa per Catalunya e Chunta Aragonesista) procuran cunha iniciativa parlamentaria que veñen de comezar a tramitar no Congreso dos Deputados e que se interna en terreos practicamente virxes no que á actividade política española se refire: indagar nas contas e actividades do rei e da súa familia e facelo a través dunha comisión de investigación que, na súa opinión, se fai máis urxente ca nunca a raíz dos últimos "dous escándalos que cuestionan o cumprimento da legalidade vixente pola súa parte".
O primeiro motivo no que os tres grupos sustentan as súa solicitude son as presuntas actividades delitivas "do xenro do rei e membro da familia real Iñaki Urdangarín", imputado dende decembro de 2011 "por presuntos delitos de evasión de impostos, fraude fiscal, prevaricación, falsidade documental e malversación de caudais públicos" no marco das súas actividades no Instituto Noos. "Informacións que se fixeron públicas apuntan non só á corresponsabilidade da infanta Cristina de Borbón, senón tamén a que os presuntos delitos se realizaron co coñecemento do propio monarca", argumentan.
"A viaxe a Botsuana deixou patentes as cuestionables actividades do xefe do Estado", argumentan
Do mesmo xeito, o Bloque, ERC e IU-ICV detéñense na controvertida cacería do propio rei en Botsuana. Esa "viaxe privada" puxo, dende o seu punto de vista, "en evidencia dúbidas respecto ao preceptivo refrendo gobernamental dos actos do rei" que a Constitución establece nos seus artigos 56.3 e 64. "Esta viaxe tamén deixou patentes as cuestionables actividades do xefe do Estado nas súas viaxes ao exterior, lembrando polémicas creadas nos países de destino polas súas cacerías". Ademais, abondan, estes feitos producíronse "nun momento de crise e recortes económicos", o que deu lugar a que "parte da poboación" estea "indignada porque o rei se permite asistir a cacerías de milleiros de euros que recibe dos Orzamentos Xerais do Estado, os seus "únicos ingresos coñecidos".
Investigación "alén das polémicas puntuais"
Así e todo, e "alén das polémicas puntuais", as tres formacións consideran que os últimos acontecementos non fan máis ca evidenciar a "falta de fiscalización económica e política do xefe do Estado e da Casa e da familia real, así como do dispendio que realiza cos cartos públicos", algo ao que contribúe o sistemático "rexeitamento" pola Mesa do Congreso das preguntas sobre o asunto. "E as que foron formalmente respondidas non responden ás preguntas formuladas, mantendo a opacidade". "O Parlamento non pode permanecer impasible ante estes feitos en tanto que afectan á máis alta institución do Estado", explican. "Debería analizar os feitos e adoptar as medidas oportunas para poder controlar" todas esas actividades.
Davila: "Non imos parar, se rexeitan a comisión de investigación presentaremos outras iniciativas"
Por todo isto propoñen que sexa unha comisión de investigación a que "analice as actividades" reais "que causaron expectación na opinión pública dende o inicio da presente lexislatura", avaliar a "necesidade de establecer medidas de control parlamentario nas actividades públicas, políticas e económicas do xefe do Estado e da Casa e da familia real" e "propoñer as medidas oportunas de control e transparencia" da institución monárquica", tendo en conta ademais que o Goberno central a deixou fóra da Lei de Transparencia. Segundo a súa proposta a comisión deber estar composta por cinco deputados do PP, outros tantos do PSOE, dous de CiU, dous da Izquierda Plural, un do PNV, un de UPyD e dous do Grupo Mixto -no que se integra o BNG-.
Para a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila a necesidade desta investigación é evidente porque "corenta anos despois de se abrir paso a Monarquía parlamentar é preciso que esta institución sexa sometida ao control" do lexislativo "e se lle apliquen criterios de transparencia", máis aínda "nun momento moi duro de crise económica" e "brutais recortes sociais, económicos e laborais". Malia isto, di, a Casa Real "non dá contas de nada" e o Executivo "exclúea da Lei de Transparencia, algo que non entendemos". "non imos parar con esta solicitude de comisión de investigación porque se se rexeitar, presentaremos outras iniciativas parlamentares", advirte Fernández Davila.