A Monarquía tenta salvarse coa abdicación do rei

Juan Carlos de Borbón comunícalle a abdicación a Rajoy © Casa Real

Cando transcorreu unha semana desde o pau sufrido polo bipartidismo nas eleccións europeas e dous anos despois de que a polémica viaxe de caza a Botsuana dese lugar á imaxe das célebres desculpas no corredor dunha clínica madrileña. No seu momento máis baixo de popularidade, paralelo ao avance do soberanismo catalán e cando o debate republicano xa non é un tabú política e mediaticamente o rei Juan Carlos I deu en abdicar. O obxectivo é que o seu fillo, Felipe de Borbón, ocupe canto antes a Coroa.

Mentres o escándalo de corrupción do caso Nóos contribuíu a amplificar as voces que falan dun punto e seguido ou final no réxime xurdido da fin do franquismo e da Constitución de 1978 o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, apela á "tranquilidade" dende o convencemento de que "os españois saberemos esceribir esta nova páxina da nosa historia nun clima sereo" dende o "agradecemento á figura" de Juan Carlos I, que explicará "os motivos" da decisión a mediodía deste luns.

Na súa comparecencia sen preguntas o propio Rajoy aproveitou, ademais de para adiantar os pasos a seguir para a sucesión monárquica, para iniciar os eloxios á figura do monarca, "a persoa que durante trinta e nove anos encarnou o punto de encontro de todos os españois e o mellor símbolo da nosa convivencia en paz e liberdade". Segundo o presidente español o ata agora rei é "o principal impulsor da democracia", que "non se podería entender" sen el. 

Rajoy aposta pola "normalidade" para configurar un escenario no que o único cambio sexa o do nome do xefe do Estado

Nesta liña, Rajoy aposta pola "normalidade" para configurar un escenario no que o único cambio sexa o do nome do titular da Xefatura do Estado. Dende a "máis firme confianza" en Felipe de Borbón, o tamén líder do PP salienta o seu "carácter e ampla experiencia" como "sólida garantía de que o seu desempeño como xefe do Estado estará á altura das expectativas máis esixentes". Así, sinala, o Consello de Ministros reunirase este martes con carácter extraordinario para aprobar a lei que guíe a sucesión, toda vez que non existe un marco legal ao efecto.

Mentres isto acontece e as principais forzas políticas agardan á comparecencia de quen fora nomeado por Franco "sucesor a título de rei" nas redes sociais comezan a confirmarse en diversos puntos do Estado, tamén en Galicia, as primeiras convocatorias de manifestacións e concentracións para este serán a prol dun referendo sobre a continuidade ou non da Monarquía e a forma do Estado.

 

As 13.00, discurso de Juan Carlos I

Á unha do mediodía TVE emitiu un discurso previamente gravado do aínda rei Juan Carlos. O monarca confirmou, con brevidade (o discurso durou apenas cinco minutos) a súa decisión de abdicar en favor do seu fillo Felipe, do que destacou que está "preparado" e que "representa a estabilidade. Ademais, explicou a súa decisión en que considera que é chegado o momento de que unha nova xeración tome " un "papel protagonista" na dirección do país, unha nova xeración que -dixo- tería no príncipe Felipe un dos seus representantes. O monarca ligou este relevo a que "unha xeración máis nova" se encarge "das reformas que a conxuntura actual está demandando"

O monarca sinalou que "quero o mellor para España" e fixo unha breve referencia á crise económica, da que dixo que está deixando "importantes cicatrices" na sociedade, pero salientou que a súa decisión non ten que ver nin cos escándalos que nos últimos tempos rodean á familia real, nin co resultado das eleccións europeas do pasado domingo. Explicou que decidiu agardar a estar "recuperado" dos seus problemas de sáude para adoptar esta decisión.

Carta do rei a Rajoy anunciando a abdicación © Casa Real
Coroación en 1975 © RTVE
Juan Carlos de Borbon xura como sucesor de Franco © El Diario
Momento no que o rei Juan Carlos anuncia a súa abdicación © Casa Real

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.