A Casa Real española está vivindo neste 2020 o seu particular annus horribilis. Os negocios privados do rei emérito Juan Carlos I, actualmente en paradeiro descoñecido tras abrir a Fiscalía do Tribunal Supremo unha investigación contra el por un suposto delito de fraude fiscal e branqueo de capitais, volven contaminar o suposto aire fresco que Felipe VI estaba chamado a achegar á monarquía.
Foi Badcock quen nas páxinas do Telegraph revelou como o actual monarca aparecía como beneficiario dun dos fondos onde o seu pai gardaba 65 millóns de euros regalados polo Rei de Arabia Saudita
Un dos responsables de dar a coñecer a cara máis oculta da fortuna privada da Familia Real chámase James Badcock, o correspondente en España do diario británico The Telegraph que nos últimos meses desvelou algúns dos escándalos que sacudiron a Zarzuela.
Foi Badcock quen nas páxinas do Telegraph revelou como o actual monarca aparecía como beneficiario dun dos fondos onde o seu pai gardaba 65 millóns de euros regalados polo Rei de Arabia Saudita, así como doutra empresa propiedade dun amigo íntimo de Juan Carlos. Trala súa exclusiva, Felipe VI anunciaba nun comunicado descoñecer estes negocios e a súa renuncia a calquera tipo de herdanza financeira procedente do rei emérito.
Nunha entrevista exclusiva para o Té con Gotas semanas antes de que Juan Carlos I anunciase a súa saída do Reino de España, Badcock asegura que esta declaración é un intento “sen precedentes” por desvincularse da longa sombra do reinado de Juan Carlos. “Felipe quere dar a entender que a partir da abdicación de Juan Carlos non hai ningún tipo de continuidade nas finanzas persoais e ocultas do seu pai”, asegura.
O británico, que di ter comezado a súa investigación sobre a Casa Real “como un hobby”, lamenta que os grandes medios de España nunca afondasen máis na vida privada de Juan Carlos. “Sempre houbo moito rumor, artigos en blogs ou libros sobre o rei emérito, pero os grandes medios non falaron da súa vida privada como empresario, como unha persoa que cobra comisións a gobernos estranxeiros e que manexaba moitos cartos en contas opacas”, asegura.
"Se non hai cambios nesa interpretación, e non cabe agardalos, como moito podería haber un delito por branqueo de capitais ou un crime fiscal de pagamento de impostos"
Na súa opinión, este consenso dos medios foi “un erro” que, mesmo tendo en conta o contexto dos anos 80 e o nerviosismo sobre a pervivencia da monarquía e a democracia en España, fixo un “fraco favor” á Casa Real. “Con todo ese silencio, agora dá a sensación de que hai asuntos turbios que foron ocultados pola Familia Real e polos gobernos de cada momento”.
Sobre a posibilidade de que as investigacións da Fiscalía do Tribunal Supremo rematen con algún tipo de condena ao pai de Felipee VI, Badcock mantense cauto e cre que o Tribunal manterá unha interpretación “maximalista” da inviolabilidade do Rei emérito, pola cal nada do feito por Juan Carlos antes da súa abdicación en 2014 será xulgado.
“Se non hai cambios nesa interpretación, e non cabe agardalos, como moito podería haber un delito por branqueo de capitais ou un crime fiscal de pagamento de impostos, pero hai que agardar”, afirma.