Un fío de Twitter desde Sanxenxo devolve os interrogantes sobre o paradoiro de Juan Carlos de Borbón, pero fontes de confianza do rei emérito confirman a Praza.gal que non está en Galicia
Nas últimas horas houbo un ruxe ruxe na rede sobre a posibilidade de que o rei emérito estea en Sanxenxo en lugar de en Abu Dabi. Un fío de Twitter que alcanzou notable repercusión devolveu os interrogantes sobre o paradoiro de Juan Carlos de Borbón despois das especulacións provocadas por unha fotografía de familia aparentemente retocada, que se pecharon coa publicación doutra instantánea desde a contorna do emérito.
Fontes de confianza do rei emérito confirmaron a Praza.gal que Juan Carlos de Borbón non se atopa en Sanxenxo. Porén, explican que esta fin de semana se celebra a segunda regata do ano pola Copa de España de vela e que participarán co Bribón, o barco no que acostuma navegar o emérito, e que “sempre aumentan as especulacións” cando se achega a temporada de regatas.
Estas mesmas fontes salientan que o rei emérito segue moi pendente do que sucede en Sanxenxo nestas datas: “Sempre que hai regatas falamos porque se interesa sobre como se comportou o barco e a posición na que queda”. A presenza do Borbón na vila non pasa desapercibida para a veciñanza, como tamén se pode ler nos comentarios á publicación en Twitter.
As medidas de seguridade que acompañan o emérito provocan cambios rutineiros en Sanxenxo e requiren anticipación. Por iso, as fontes de confianza do rei manteñen que non está na vila nin o esperan para as vindeiras semanas. No mes de xuño celébrase o campionato mundial de vela e xa comezaron a chegar as embarcacións de fóra ata o peirao pontevedrés, mais de momento non contan coa agardada presenza de Juan Carlos de Borbón.
No verán de 2020 o ex-xefe do Estado marchou de España polos escándalos financeiros que o rodeaban. O Borbón atribuíu a súa saída á "repercusión pública que están xerando certos acontecementos pasados da miña vida privada", os cales non especificou nin negou.
As informacións oficiais da Casa Real española manteñen que o rei emérito está a residir en Abu Dabi. As irregularidades financeiras non deixaron de aparecer desde a súa marcha para “facilitar" o reinado do seu fillo, o rei Felipe VI.