A catástrofe do Prestige tivo varios episodios sinalados no ámbito social e político. Un deles foi a enorme manifestación que, o 1 de decembro de 2002, percorreu as rúas de Santiago ao berro de "nunca máis", no que sería o nacemento da plataforma do mesmo nome. Outro produciuse ao día seguinte, cando o daquela rei Juan Carlos I visitou Muxía, un dos municipios máis afectados polo verquido do petroleiro. Acompañado por Manuel Fraga, Mariano Rajoy e outras autoridades o monarca visitara unha praia e a lonxa da vila e mais conversara co voluntariado que limpaba chapapote, pero tamén rifou á prensa: "Aquí todos debemos axudar, non fagamos fotos demagóxicas", dixera.
No ano en que se chegará ao quince aniversario da catástrofe e daquela visita, na que o nese momento xefe do Estado sinalara tamén que "isto debe ser como Fuenteovejuna, todos a una, deixemos as desavinzas políticas e arrimemos todos o ombro", a Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil (ANAV), con sede en Muxía, vén de crear a Medalla Prestige, cuxa primeira edición foi entregada a pasada fin de semana na Estrada xunto aos demais recoñementos que concede. No evento, ao que acudiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ANAV decidiu que a "medalla número cero" nesta nova categoría fose, precisamente, para o actual rei emérito.
A distinción da ANAV ao monarca, di o Exército, debeuse ao "papel determinante e vital" da súa visita a Muxía tras o naufraxio
Segundo un comunicado difundido este mércores polo Exército de Terra, cuxa Brigada Galicia VII -a Brilat, con base en Figueirido- tamén recibiu o galardón da ANAV, a medalla a Juan Carlos de Borbón foi concedida polo "seu papel determinante e vital" nos "duros momentos" posteriores ao afundimento do Prestige. "A súa visita á localidade de Muxía marcou un antes e un despois na xestión dos efectos da catástrofe", indica o comunicado, que agrega que no caso da Brilat a medalla recoñece que os seus membros "participaron nas tarefas de limpeza das costas" e deixaron "unha profunda pegada nos corazóns da poboación civil da zona".
No acto, que tivo como escenario a Academia Galega de Seguridade Pública, dependente da Xunta, entregáronse tamén distincións como a Cruz de Servizos Distinguidos ao delegado do Goberno de España en Galicia, Santiago Villanueva, "pola súa colaboración coas agrupacións de Protección Civil", segundo informou a Vicepresidencia da Xunta. Foron outorgadas, asemade, "placas ao mérito colectivo a distintas asociacións de protección civil" e a voluntariado destas agrupacións polo seu labor en diferentes ámbitos.