O debate segue aberto e axitado, sobre todo, polos escándalos ligados ao rei emérito que transcenden a través de pescudas xudiciais e -sobre todo- xornalísticas. Pero as respostas seguen ser claras en termos de maiorías cidadás tanto sobre a necesidade de someter a referendo o modelo de Estado entre monarquía e república como a respecto do sentido do voto se esa consulta chegase a celebrase.
No conxunto do Estado, algo máis do 43% da poboación sería partidaria dun referendo sobre monarquía ou república, segundo a enquisa do Instituto 40dB. para a Plataforma de Medios Independentes
Atendendo aos resultados da segunda edición da enquisa elaborada polo Instituto 40dB. para a Plataforma de Medios Independentes, impulsada por 16 medios de comunicación -entre eles, Praza.gal-, un ano despois do primeiro inquérito as posicións sobre a necesidade dun referendo entre monarquía e república seguen tendendo ao equilibrio, cunha lixeira primacía para quen apoian a consulta. No conxunto do Estado, sería favorable a que se celebrase algo máis do 43% da poboación e o "non" queda un chisco por riba do 36%, mentres que unha quinta parte se sitúa na indecisión.
No caso de Galicia, a poboación a prol de que esa votación se celebrase superaría o 50%, segundo o estudo, e a indecisión apenas quedaría no 10%. Así e todo, os datos galegos deste inquérito deben ser interpretados con cautela polo reducido tamaño da mostra, equivalente á porcentaxe de poboación sobre o total estatal -arredor do 6%- de mil entrevistas.
E, se esa votación chegase a celebrarse? É neste punto onde o equilibrio é máis claro aínda que con vantaxe republicana no total estatal e cun empate técnico en Galicia. Case o 40% do electorado optaría pola república nese referendo de ámbito estatal e ambas opcións contarían con arredor do 30% dos sufraxios en Galicia. A indecisión ante a pregunta rolda o 13% no Estado e achégase ao 20% en Galicia.
Nun eventual referendo, a opción republicana estaría lixeiramente por diante no conxunto do Estado e en Galicia ambos modelos roldarían o empate técnico
Como xa reflectían os resultados de 2020, a enquisa reflicte claras diferenzas nas preferencias entre monarquía ou república en función da idade do electorado. Entre a poboación máis moza (de 18 a 24 anos), o modelo republicano achégase ao 60% e a monarquía ten o seu maior apoio (case o 40%) entre maiores de 65 anos.
En función do recordo de voto ás principais opcións políticas estatais, case o 60% do electorado do PSOE e máis do 90% do de Unidas Podemos son partidarios dun referendo no que case a metade dos simpatizantes socialistas optarían pola república, que levaría case o 90% de apoios entre quen votaron por UP. Entre o electorado do PP e de Vox, a monarquía sería a preferida por máis do 60%.
Felipe VI 'aproba', Juan Carlos I 'suspende'
A enquisa do Instituto 40dB. para a Plataforma de Medios Independentes volve interesarse tamén pola valoración cidadá tanto do actual monarca, Felipe VI, como do seu pai, Juan Carlos I. Outra volta, o xefe do Estado aproba entre algo máis da metade da cidadanía do Estado e o monarca emérito suspende con claridade. As valoracións máis ben positivas sobre o rei superan o 50% no total estatal e nos datos galegos roldan o 60%. En ambos casos, apenas unha de cada cinco persoas ten unha opinión positiva sobre Juan Carlos de Borbón.
A monarquía como modelo político e o impacto dos escándalos
Alén das persoas que porten a coroa en cada momento, semella claro que a maior parte da poboación, tanto no conxunto do Estado como en Galicia, considera a monarquía como "unha institución doutros tempos sen sentido nunha democracia", toda vez que se manifestan "máis ben de acordo" con esta afirmación ao ser preguntada ao respecto. Así e todo, máis de catro de cada dez persoas concordan tamén con que este modelo "proporciona orde e estabilidade política".
A que si concita amplas maiorías é a interpretación sobre o impacto que os escándalos da familia real teñen na imaxe internacional do Estado. Arredor do 70% da poboación, atendendo aos resultados da enquisa, concordan con que "os escándalos da familia real danan a imaxe internacional de España".