Un debate aberto e moi lonxe da unanimidade ou do silencio. Practicamente a metade da poboación do Estado sería partidaria dun referendo no que o electorado puidese decidir entre monarquía ou república, unha disxuntiva que, no caso galego, deriva nun empate técnico entre o "si" e o "non". É unha das conclusións ás que apunta a enquisa elaborada polo Instituto 40dB. para a Plataforma de Medios Independentes, o inquérito impulsado por 16 medios de comunicación, entre eles Praza.gal, e financiado mediante micromecenado co obxectivo de obter unha ampla radiografía da opinión cidadá sobre a xefatura do Estado e todo o que a arrodea.
O "si" e o "non" a un referendo entre monarquía e república roldan o 40% en Galicia; no conxunto do Estado, a poboación partidaria de votar achégase ao 50%
O traballo demoscópico amosa ás claras que amplos sectores da poboación serían partidarios de pronunciárense nas urnas sobre o modelo de Estado. No caso galego, a dimensión da mostra -algo máis dun 6% das 3.000 entrevistas realizadas- esixe unha especial cautela á hora de interpretar marxes tan estreitas como a desta resposta, polo que é posible concluír que a situación entre o "si" e o "non" é dun empate técnico, mentres que algo menos dunha de cada cinco persoas asegura non saber cal é a súa preferencia ao respecto. As proporcións varían radicalmente en lugares como Catalunya, onde o "si" é a resposta elixida para o 68%.
Por idades, o peso do "si" ao referendo sobrepasa amplamente o 50% entre a poboación menor de 25 anos. Entre maiores de 65 anos é onde esta votación atopa menos persoas partidarias, co "non" preto do 50% no dato para o conxunto do Estado. Tamén existen notables diferenzas en función da preferencia polas principais forzas políticas do actual Congreso dos Deputados: practicamente tres de cada catro votantes de PP e Vox non ven preciso este referendo, co que si concordarían case 6 de cada 10 votantes do PSOE, proporción que supera o 90% entre o electorado de Unidas Podemos.
Que votarías no referendo?
O empate técnico dáse tamén en Galicia á hora de responder a outra das preguntas chave da que é a maior enquisa realizada sobre a monarquía española nos últimos anos: no caso de realizarse ese referendo, que votarías? "Si" e "non" roldan o 40% dos apoios, mentres que no conxunto do Estado a opción republicana logra unha vantaxe máis clara fronte á monárquica.
Tanto no conxunto do Estado como en Galicia, a porcentaxe de persoas que cren que a monarquía gañaría o referendo supera a proporción de quen pensan que o faría a opción republicana
A percepción xeral muda á hora de responder sobre a opción que, a xuízo das persoas entrevistadas, gañaría nese eventual referendo sobre o modelo de Estado. É maior á proporción de poboación do Estado que cre que a monarquía gañaría sobre a república cunha diferenza sobre a que considera que se imporía a opción republicana que en Galicia é aínda maior, próxima ao 50%. Nesta resposta, a proporción de persoas que di non saber o que acontecería é maior no conxunto do Estado.
Pero, se malia esa percepción, "España se convertese nunha república, que tipo de república preferiría" a poboación? Algo máis do 48% da poboación do Estado, segundo a enquisa de 40dB. para a Plataforma de Medios Independentes, preferiría unha república cunha presidencia "elixida directamente polos cidadáns e con amplos poderes", mentres que algo menos dun 30% preferiría unha xefatura do Estado máis simbólica, elixida polo Parlamento "e con poucos poderes".
A valoración da monarquía e dos monarcas
A enquisa detense tamén noutro dos aspectos evitados nos últimos anos polos principais traballos demoscópicos: a valoración dos membros da Casa Real pola cidadanía, tanto no referido ao actual xefe do Estado, o rei Felipe VI, como no que atinxe ao seu pai e predecesor, Juan Carlos de Borbón. Tanto no conxunto do Estado como en Galicia, a proporción de cidadanía que aproba a figura do actual monarca é máis que a que a suspende, en ambos casos con opinións favorables na contorna do 60%.
O actual rei 'aproba' entre a maioría da poboación, mentres que o seu pai 'suspende' mesmo na franxa de idade máis partidaria da monarquía
A percepción é ben diferente, practicamente inversa no que atinxe ao seu pai. Entre ecos polos escándalos que transcenderon por diversos medios nos últimos meses, a opinión negativa sobre Juan Carlos de Borbón prepondera tanto no resultado estatal como o galego as opinións negativas superan o 50% das respostas e, no caso do dato para todo o Estado, achégase ao 60%.
Neste caso, non obstante, a idade tamén é un factor relevante. A valoración media do actual rei sitúase nun 5,8, pero sobe conforme sobe a idade das persoas que responden a enquisa: aproba entre a poboación maior de 25 anos e achégase ao 7 entre a maior de 65, segundo o dato para todo o Estado. O seu pai, pola contra, non aproba en ningunha franxa de idade e entre a que máis o valora, as persoas maiores e 65 anos, non pasa do 4.
Nun contexto no que, segundo a enquisa, a poboación observa o rei ideoloxicamente escorado á dereita (cun valor medio dun 6,5 nunha escala na que o 0 sería a extrema esquerda e o 10, a extrema dereita) e proclive á centralización do estado, cun 3,9 nunha escala na que o 0 sería a máxima centralización, na enquisa emerxen algúns outros resultados rechamantes. Así, por exemplo, case o 48% (47,9%) da poboación do Estado considera que a monarquía é "unha institución doutros tempos" que "non ten sentido en democracia" e unha proporción moi semellante, o 48,1%, está de acordo con que "proporciona orde e estabilidade".
Os escándalos
Máis do 70% concorda con que "os escándalos da familia real danan a imaxe internacional de España"
As persoas que responderon á enquisa tamén puideron pronunciarse sobre os escándalos que arrodearon a Casa Real española nos últimos tempos, tanto dun punto de vista xeral como máis particular, a respecto do caso dos fondos cobrados de Arabia Saudita polo rei emérito, presuntamente en concepto de comisións ilegais. Deste xeito, o 74% está "de acordo" con que "os escándalos da familia real danan a imaxe internacional de España", unha porcentaxe que en Galicia se sitúa na contorna do 70%.
Pero, os escándalos eran só do monarca emérito ou o actual xefe do Estado sabia da existencia deses cartos? Case a metade da poboación do Estado cre que Felipe VI as coñecía, segundo a enquisa, unha proporción que en Galicia mesmo supera o 50% mentres que, tanto para todo Estado como para Galicia, quen pensan que as ignoraba apenas pasan do 20%. No entanto, en ambos casos arredor dun 40% da poboación pensa que o actual rei "non se beneficiou" deses cartos, mentres que arredor dun 30% pensa que si o fixo.
E, neste contexto: ten futuro a monarquía española? Neste punto as opinión son tamén dispares e están lonxe da unanimidade. Así, segundo o inquérito, en torno a un 32% da poboación do Estado considera que a actual princesa de Asturias, Leonor, "non reinará no futuro", unha proporción que en Galicia é mesmo un chisco maior, de arredor do 34%. Mentres, algo menos do 30% en todo o Estado e arredor do 40% en Galicia está "máis ben en desacordo" con esta posibilidade, considerando que si chegaría a reinar. Non obstante, a incerteza pesa practicamente tanto como as certezas: máis dun cuarto da poboación en Galicia e máis dun terzo en todo o Estado responde cun "non sei" ao respecto de se a herdeira chegará ao trono.