O pasado venres, o novo conselleiro de Sanidade anunciaba en rolda de prensa as novas restricións para tentar frear o coronavirus na cidade de Ourense. Son as máis duras, en termos de liberdade de reunión, dende a fin do confinamento e supoñen, a grandes trazos, un veto xeral á xuntarse con persoas coas que non se conviva se non é para ir traballar ou a clase. Practicamente á mesma hora, a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP), proclamaba en Twitter que o "caos" se cerne sobre o territorio que goberna por mor das restricións que o Goberno de España pactou co seu Executivo, o madrileño, que as acabou rexeitando xunto a, entre outros, o Goberno galego.
Mentres no mundo real se anunciaban restricións para conter a pandemia, no Foro La Toja celebrado nun hotel da Toxa, políticos de antes e de agora lanzaban titulares cun intenso arrecendo a saudades por unha orde que xa non é o que era
Mentres todo isto sucedía no mundo real, no Gran Hotel La Toja, o centenario establecemento hostaleiro situado na illa da Toxa (O Grove) actualmente pertencente á cadea Eurostars do grupo Hotusa, acollía a segunda xornada do denominado Foro La Toja. O evento, que algúns alardes de orixinalidade deron en alcumar como el Davos gallego, está promovido polo conselleiro delegado de Hotusa, o chantadino Amancio López Seijas, e patrocinado por empresas como El Corte Inglés, Inditex, Gadisa, Abanca, Telefónica ou a Corporación Hijos de Rivera.
O encontro xunta en tres días intervencións de 41 homes e 4 mulleres, dirixentes políticos actuais e pasados e mais nomes do mundo das finanzas. Sobre o papel, estaban chamados a dilucidaren como será o mundo tras a pandemia. Pero, pola contra, cando menos no eido político, boa parte dos titulares que deixaron traían consigo un intenso arrecendo a saudades. E non só polo coronavirus.
O evento comezou con Alberto Núñez Feijóo desbaldindo eloxios para o rei Felipe VI, encargado de inaugurar as xornadas. Entre profusas alusións á "moderación" ou ao "centro" e ningunha ás crises que axitan a Coroa, ligadas entre outros aspectos aos escándalos financeiros do monarca emérito.
Seguiu con Mariano Rajoy disertando sobre os que considera erros de xestión da pandemia -incluíndo chanzas sobre o seu quebrantamento do confinamento- ou con Felipe González asegurando que nunca vivira un período de tal incerteza como o actual. Polo camiño, azoutes habituais do actual Goberno español como o presidente da entidade Círculo de Empresarios, John de Zulueta. En boa parte dos discursos e dos aplausos, saudades por unha vella orde da política e da economía que persiste, pero non é o que era. Ou non é o que lembran boa parte dos relatores.
Antes da clausura por Pedro Sánchez, ao Foro La Toja regresan Feijóo e mais os baróns do PSOE máis saudosos do plácido bipartidismo de noutrora reunido na Toxa
Este sábado, fóra da burbulla de La Toja na Toxa, o omnipresente Madrid, pero tamén Ourense, Ortigueira ou Cambados, vivirán a súa primeira xornada coas novas restricións para procurar frear a pandemia. Farano, posiblemente, entre titulares que refiren que a Xunta non ten "datos reais" sobre ocupacións ilegais de vivenda, pero está preocupada ao respecto de maneira preventiva. Non en van, non hai día en que non caia un titular ao respecto. Con "k", claro.
No interior do evento con nome de xel de baño, corresponderalle pronunciar o discurso de clausura ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. Ao culpable de gran parte dos males actuais, para moitos dos relatores políticos que o precederan na palabra na Toxa.
Antes, Feijóo regresará ao encontro para falar de como "gobernar a pandemia" xunto a, entre outros, dous baróns do PSOE coñecidos por correr recorrentemente a banda dereita do partido mentres non ocultan os seus enfrontamento con Sánchez, o aragonés Lambán e o castelán García Page, saudosos ambos do plácido bipartidismo de noutrora reunido no Foro La Toja na Toxa, onde por tres días todo pareceu coma antes, e non como na realidade.