O PP disponse a promover un pronunciamento do Parlamento de Galicia a prol do rei

© PP

Está "en marcha" un "proceso para liquidar a nosa democracia e o proceso político xurdido do exemplar proceso da Transición Española" promovido por "diversos movementos e grupos políticos". Para "logralo", puxeron "en dúbida a lexitimidade da nosa Carta Magna", "manobraron para estigmatizar e baleirar de contido as institucións" e "mesmo chegaron a vulnerar abertamente as leis que todos nos demos".

O texto que o PP promoverá aprobar no Parlamento, nos concellos e nas deputacións parte da tese de que está "en marcha" un "proceso para liquidar a nosa democracia"

É o escenario que traza o texto redactado pola dirección estatal do PP destinado a converterse en mocións en todas as institucións onde o partido ten representación e que derivará, nas vindeiras semanas, en que o Parlamento de Galicia aprobe un pronunciamento a prol do rei de España. O texto, adiantado polo xornal La Información, esgrime "noticias que se sucederon nos últimos meses e semanas" e "declaracións dos ministros en sede parlamentaria" para xustificar a súa necesidade.

Segundo a formación conservadora, esas novas "poñen de manifesto" como "os ataques á Constitución e ás máis altas institucións do Estado, co Rei á cabeza, foron medrando" mentres o Goberno de España "non só non incumpriu a súa obriga de garda e facer gardar a Constitución", senón que "virou cara a postulados extremos". E agora o Executivo de PSOE e Unidas Podemos, conclúen, están "próximos a quen agriden a nosa orde constitucional". 

Feijóo, co rei tras a súa cuarta toma de posesión como presidente da Xunta © Casa Real

En síntese, indica o texto, o PP observa "ataques" a "todo aquilo que nos define como unha democracia e un Estado de dereito". E por iso promoverán esta declaración en todos os concellos e deputacións, así como en todos os parlamentos autonómicos. Paralelamente, a formación que encabeza Pablo Casado tamén promoverá debates ao respecto no Congreso dos Deputados. Segundo Casado, o Estado vive unha "crise institucional de primeira orde" por mor das críticas de ministros de UP á Coroa.

Neste contexto e co obxectivo de forzar o voto a prol dos grupos socialistas nestas Cámaras, o texto remitido pola dirección do PP a concellos e autonomías e que, no caso galego, deberá chegar tamén ao Parlamento, céntrase en "instar o Goberno de España" a "reivindicar a Constitución de 1978" como "base da nosa democracia" e "piar fundamental da transformación económica e social". Tamén en "respectar, de forma inequívoca, a separación de poderes".

A proposta inclúe un punto de defensa "da unidade da nosa nación" e outro, chamando a "protexer e apoiar o labor (...) de todas as institucións do Estado, co rei á cabeza"

A moción -que no caso do Parlamento, previsiblemente, adoptará a forma de proposición non de lei-, inclúe outros dous puntos. Un, "defender a unidade da nosa nación e a igualdade, en dereitos e deberes, de todos os españois". Outro, "protexer e apoiar o labor realizado por todas as institucións do Estado, co rei á cabeza, como encarnación dos preceptos recollidos na nosa Carta Magna". O texto finaliza coa encomenda de que o acordo sexa remitido ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e ao Congreso dos Deputados. A maioría absoluta do do grupo de Feijóo na Cámara galega garante a súa aprobación.

Este debate chegará despois de que, no primeiro pleno ordinario da nova lexislatura galega, os conservadores xa defendesen varias iniciativas dirixidas ao Goberno central. Nese caso, para reclamar que o Executivo do PSOE e UP elimine os límites á contratación de persoal sanitario -vixentes tamén na etapa de Rajoy- e solucione o conflito de Alcoa en San Cibrao.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.