85 dos 206 novos casos do coronavirus que suma Galicia nas últimas vinte e catro horas e 70 hospitalizacións das 243 de todo o país, ambos indicadores con tendencia á alza. Son algunhas das cifras das área sanitaria de Ourense que levan a Consellería de Sanidade a considerar "preocupante" a evolución do rebrote da pandemia do coronavirus nesta contorna. Moi especialmente na capital da provincia, que dende este 3 de outubro pasará a ter as restricións máis estritas impostas en Galicia e no conxunto do Estado dende a fin do confinamento total no que atinxe ás reunións de persoas que non convivan entre elas.
As restricións en Ourense pasan a ser as máis estritas para a liberdade de reunión dende a fin do confinamento ao que, advirte Sanidade, habería que recorrer se os contaxios non remiten
Nunha convocatoria de urxencia no mediodía deste venres, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que o comité clínico que segue a evolución da COVID-19 en Galicia viña de decidir prohibir todas as reunións de persoas que non convivan entre si na cidade de Ourense. O veto atinxe tanto a espazos públicos como privados, incluíndo os locais de hostalería, xa afectados polas restrincións xerais, que continúan vixentes na cidade e no resto de concellos onde xa rexían, aos que agora se engaden Ortigueira e Cambados.
Avanza García Comesaña que ficarán fóra da prohibición os encontros que sexan precisos para "manter o tecido produtivo" ou as actividades educativas. Daquela, segundo o bosquexado polo conselleiro, as "excepcións" que quedarán concretadas nunha edición extraordinaria do DOG atinxirán á actividade laboral e a centros de ensino. Este endurecemento das medidas, advertiu na comparecencia o doutor José Manuel Vázquez Lima, prodúcese ao albiscar "semanas críticas" para procurar frear os contaxios en Ourense, toda vez que "o seguinte paso" sería "moi doloroso", con restricións "baseadas no confinamento", admite o conselleiro.
Sanidade prevé excepcións ao veto xeral de encontros con persoas non convivintes na cidade de Ourense para os ámbito laboral e educativo
Ábrese agora un período de sete días nos que a Xunta di propoñerse "atacar" o que considera como principal foco dos contaxios en Ourense, as "reunións con xente que non vive no mesmo entorno". Fano, agregan, nun contexto no que prevén que "dentro de 14 días", aumente a "presión hospitalaria" por mor dos contaxios que se están a producir nas últimas xornadas. No barrio do Couto, onde as restricións xa foran reforzadas, os locais de hostaleiros continúan tendo prohibido atender no interior.
Segundo a área sanitaria ourensá, "no eido familiar é no que se están a dar o maior número" de novos brotes" que afectan a "persoas de mediana idade, menores e familiares achegados, como avós e tamén amigos". Son focos, que, segundo os responsables do CHUO, derivan "de xuntanzas tanto na contorna privada como pública".
Mentres, en Ortigueira en Cambados as restricións serán máis liviás, como as vixentes noutros puntos de Galicia. Atinxen, fundamentalmente, á capacidade de comercios e locais hostaleiros e á limitación de reunións a dez persoas. A Xunta continúa negándose a publicar datos de incidencia do coronavirus por concellos ou comarcas, máis alá dalgunhas mencións puntuais no Diario Oficial de Galicia ou en comparecencias como a deste venres, onde foi mencionado que a incidencia en Ortigueira se sitúa en 158 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días e en 70,5 nos últimos tres días.
206 novos casos en toda Galicia tras catro días por baixo dos douscentos
O falecemento de dúas persoas residentes en centros de maiores eleva o total de mortes ligadas á COVID-19 a 749
A relativa estabilidade e mesmo descenso no número de novos casos noutros puntos de Galicia provoca que o empeoramento da situación en Ourense non faga dispararse as cifras xerais. Non obstante, tras catro días por baixo dos douscentos novos casos, os datos deste 2 de outubro -correspondentes ao día previo- incluídos no comunicado da Consellería de Sanidade permiten calcular que os novos casos detectados superan ese limiar e chegan aos 206. Os descensos da última semana manteñen aínda, non obstante, á baixa a media semanal de casos diarios.
Ese comunicado, difundido antes do anuncio das novas restricións en Ourense, agrega ademais dúas mortes, ata un total de 749. As dúas persoas falecidas vivían en residencias de maiores: trátase dunha muller de 90 anos procedente da residencia El Pinar, en Culleredo, e un home de 72 que residía no centro Nosa Señora do Viso, en Lobeira. As residencias de persoas maiores ou con discapacidade teñen este 2 de outubro 313 persoas usuarias consideradas "positivos activos" polo coronavirus (unha menos que o día previo) e 133 membros dos seus cadro sde persoal (seis menos). O total de "activos" en Galicia é de 4.203 (56 menos), debido á suma de ata 260 "curacións".