Dende o comezo da pandemia, Galicia leva rexistrados uns 23.000 casos da COVID-19. Segundo a serie por data estimada de inicio de síntomas do Instituto Carlos III (ISCIII), construída cos datos que as comunidades autónomas remiten ao Ministerio de Sanidade e única pública para Galicia en ausencia dunha da Xunta, ata finais de setembro foron 22.655. Mentres, os casos citados nos comunicados da Consellería de Sanidade, única fonte pública do Sergas ao respecto, son ata agora 24.134.
Dende o comezo da pandemia, Galicia leva rexistrados uns 23.000 casos da COVID-19
A diferenza entre ambos datos -alén de que unha procede dunha fonte pública en constante actualización e outra, da suma de casos citados en notas de prensa- é fundamentalmente unha: a Xunta agrega ao seu cómputo os positivos en test de anticorpos de persoas sen síntomas (aos que agrega directamente como "curados"), mentres que o Ministerio non o fai dende mediados de maio, cando entrou en vigor o novo protocolo.
Así e todo, ambas sumas coinciden nun elemento: máis da metade dos casos foron rexistrados despois dos tres meses do estado de alarma (do 15 de marzo ata, no caso de Galicia, o 15 de xuño). Daquela, a segunda vaga xa deixa tras de si máis casos detectados que a primeira, pero nun contexto moi diferente en canto a capacidade de detección, presión hospitalaria e número de falecementos.
Atendendo á serie por data estimada de inicio de síntomas -a máis fiable, dado que cada caso foi revisado e os positivos dubidosos ou duplicados, eliminados-, dende o estado de alarma e ata finais de setembro rexistráronse en Galicia case 12.000 positivos pola COVID-19. Dende o comezo da pandemia e ata mediados de xuño foran algo máis de 11.000.
As cifras de hospitalización acreditan que a detección de máis casos na segunda vaga non se traduciu nun maior número de ingresos
No entanto, as propias cifras do Ministerio acreditan que o impacto nos hospitais galegos foi dispar en ambas vagas, cando menos de momento. Dende o primeiro caso rexistrado e ata a fin do estado de alarma, ten computados en Galicia 2.935 ingresos hospitalarios, dos cales 336 pacientes precisaron asistencia en unidades de coidados intensivos. Dende ese momento e ata finais de setembro, as hospitalizacións ligadas á COVID-19 foron 1.025 e o número de asistencias en UCI, 99.
As cifras de hospitalización da primeira vaga cómpre, non obstante, que sexan lidas con cautela. A razón é que, nas primeiras semanas da pandemia, a Xunta só trasladaba ao Ministerio os datos do número de persoas ingresadas cada día -a prevalencia-, os mesmos que fai públicos nos seus comunicados, pero non o acumulado. Por esa razón, o impacto nos hospitais da primeira vaga foi, probablemente, aínda maior.
Máis probas e máis casos detectados durante máis tempo
O feito de que no período posterior ás medidas de confinamento fosen detectados máis casos que na primeira vaga non implica que esta segunda ola sexa máis virulenta. Non en van, unha das diferenzas claves entre ambas vagas é o número de probas realizadas. Así, por exemplo, no día da primeira vaga que máis PCR foron realizadas en Galicia o Sergas non chegou ás 4.200 e esta mesma semana, o pasado mércores, foron realizadas nun só día algo máis de 6.800.
O número de probas é unha diferenza clave entre ambas vagas; na segunda, case o 70% dos positivos detectados en Galicia non presentan síntomas, segundo o Instituto Carlos III
O sistema, daquela, fai aflorar máis casos e non só os máis graves, os que acaban precisando atención hospitalaria. Mostra disto é que, segundo datos do propio ISCIII -a Xunta tampouco informa ao respecto-, algo menos do 35% de casos detectados dende mediados de maio (o 34,6%, segundo o informe máis recente, datado no 23 de setembro) eran persoas con síntomas. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, este maior número de casos distribuíuse nun período de tempo máis prolongado e as xornadas con máis positivos da segunda vaga rexistráronse ata agora entre finais de agosto e principios de setembro, cadrando co rebrote da Coruña e co forte surto da residencia DomusVi de Outeiro de Rei, preto de Lugo.
Ata a fin do estado de alarma rexistráronse 619 mortes ligadas á pandemia en Galicia e dende ese momento, 128
Tamén as cifras de falecementos que os servizos sanitarios ligan á COVID-19 foron, ata agora, diferentes en ambas vagas. Ata a fin do estado de alarma, o Servizo Galego de Saúde deu por acreditados 619 falecementos ligados ao coronavirus. Dende o 16 de xuño e ata este 1 de outubro, rexistrou 128 mortes. Ambas vagas si coinciden nun elemento: practicamente catro de cada dez persoas falecidas viviran en residencias de maiores e persoas en situación de dependencia. [Na segunda onda da pandemia de coronavirus houbo xa 51 mortes de persoas usuarias de residencias]
A Coruña, provincia con máis casos
A nivel territorial a análise do que leva transcorrido da pandemia é necesariamente máis limitada por mor da negativa da Xunta a divulgar datos por concellos ou comarcas, o que xunto á súa decisión de non publicar o número de casos novos, impide mesmo coñecer con exactitude cantos leva rexistrados cada área sanitaria. É por iso que o único rexistro aberto e completo volve ser o do Ministerio de Sanidade, que chega unicamente ata o nivel provincial.
Ata finais de setembro, a provincia da Coruña acumulaba algo máis de 10.400 positivos confirmados, fronte aos aos 5.800 da de Pontevedra
Esta serie por data estimada de inicio de síntomas tamén coincide en situar máis da metade dos casos rexistrados en Galicia nos algo máis de tres meses que xa transcorreron dende o estado de alarma. Estas cifras, que continúan en revisión, chegan polo momento ata o 28 de setembro e amosan que as dúas provincias máis poboadas son tamén as que máis casos acumulan, pero cunha clara primacía da Coruña: algo máis de 10.400 positivos acumulados fronte a 5.800 da provincia de Pontevedra.
As provincias de Lugo e Ourense presentan cifran máis parellas, aínda que cun peor comportamento da ourensá nas últimas semanas. A provincia lucense está a piques de chegar aos 3.000 casos acumulados e a de Ourense xa supera os 3.300. Esta base de datos tamén inclúe un dato rechamante, no sentido de que a pandemia tocou Galicia algo máis dun mes antes de que fosen detectados os primeiros casos, toda vez que os primeiros positivos con síntomas sitúanse, nesta liña temporal, a principios de febreiro.